A Coruña.-O presidente do Partido Popular en Ourense, expresidente da Deputación Provincial e senador por designación autonómica, Manuel Baltar, ten previsto dimitir do seu cargo na reunión que a executiva provincial do partido celebrará este venres 27 de outubro.
Así o adiantou o diario La Región, que avanza tamén que á dimisión de Baltar seguirá a creación dunha xestora presidida por Luis Menor nun acto que estará avalado pola presenza do presidente da Xunta e do PP galego, Alfonso Rueda.
Menor xa substituíu a Baltar á fronte da deputación cando este deixou o seu cargo en xuño pasado tras doce anos de mandato, acosado por varios escándalos de corrupción e polo seu procesamento penal por un delito contra a seguridade viaria por conducir o coche oficial da institución a 215 quilómetros por hora.
Na súa condición de aforado como senador, Baltar está á espera de que o Tribunal Supremo envíe á Cámara Alta o suplicatorio para poder xulgalo. A súa saída da deputación puxo fin a máis de tres décadas de dominio da súa familia sobre a institución provincial, que o seu pai presidiu entre 1990 e 2012.
A constitución dunha xestora para dirixir ao partido na provincia de Ourense é o segundo paso público na desmontaxe das redes do baltarismo que puxeron en marcha Rueda e Menor. O primeiro lévarono a cabo o pasado 2 de outubro, cando se constituíu outra xestora na agrupación local, que agora preside Victoria Núñez, á súa vez filla de Victorino Núñez, antecesor de Baltar pai na Deputación.