As leis van por onde queren os reis

Durante o estado de alarma declarado polo Goberno a actividade da Administración de Xustiza estivo reducida á súa mínima expresión. Soamente aquelas actuacións de certo urxentes foron tramitadas e celebráronse pouquísimos xuízos, o que causou un novo atranco na tramitación dos expedientes xudiciais.

O ministro de Xustiza –as normas procesuais son unha competencia estatal– considerou necesario solucionar esta consecuencia do confinamento cunha medida excepcional. Na exposición de motivos do Real decreto-lei 16/2020, de 28 de abril, de medidas procesuais e organizativas para facer fronte á Covid-19 no eido da administración de Xustiza deixábao claro:

Establécense unha serie de disposicións encamiñadas a recuperar a actividade ordinaria dos xulgados, amais de responder ao previsíbel aumento da litixiosidade derivada da propia crise sanitaria. Neste sentido, habilítase de xeito excepcional e parcial o mes agosto, co fin de continuar a actividade xudicial durante este mes que, de xeito ordinario e xeral, é inhábil no eido da Administración de Xustiza

A norma dedica o seu primeiro artigo a regular a dita medida e faino en dous apartados. No primeiro converte en hábiles os días 11 a 31 do mes de agosto e no segundo pon os alicerces para conseguir que nas ditas xornadas os xulgados funcionen con normalidade:

Para garantir o cumprimento do establecido no apartado anterior e a eficacia da medida, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a Fiscalía Xeral do Estado, o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas con competencias na materia de Xustiza adoptarán de xeito coordinado, nos seus respectivos eidos de competencia, as medidas necesarias para a distribución das vacacións de Xuíces, Maxistrados, membros do Ministerio Fiscal, Letrado da Administración de Xustiza e demais persoal ao servizo da Administración de Xustiza

A norma semellaba clara: a meirande parte dos funcionarios da Administración de Xustiza teriamos que gozar das nosas vacacións entre o 1 e o 10 de agosto e volver ao traballo o día 11 dese mes. O 11 de agosto viña a substituír ao 1 de setembro como inicio do ano xudicial por causas máis que xustificadas.

O ministro de Xustiza, Juan Carlos Campo, co presidente da CEOE, Antonio Garamendi.

Con independencia de que a medida fose ou non acertada, dende o primeiro momento os avogados, procuradores e graduados sociais achegaron outras solucións ao Goberno, a vontade do normador era meridiana.

O Real decreto-ley publicouse o 29 de abril de 2020 e doce días despois o Consello Xeral do Poder Xudicial xa estaba a baleirar de contido o que o Ministerio de Xustiza fixera. Un acordo do órgano dos xuíces desa data regulaba os «criterios xerais para a elaboración dos plans da Audiencia Nacional e dos Tribunais Superiores de Xustiza» e, entre outras cousas pretendía establecer, para os xuíces e maxistrados, o que se podía facer no mes de agosto.

Deses criterios sorprendía que, por vez primeira, o Consello Xeral recomendaba aos xuíces pedir o desfrute das súas vacacións nun período hábil, pois anunciaba que para aprobar as vacacións dos maxistrados ían ter en conta como primeiro criterio «a concentración no mes de agosto do período de desfrute das vacacións para poder concentrar nos meses de xullo e setembro a celebración de xuízos e comparecencias». O Consello quere que os xuíces gocen das súas vacacións nun mes parcialmente hábil e, polo tanto, nos xulgados no haberá funcionarios xudiciais abondos para cumprir coa habilidade dos 21 días finais do mes de agosto de 2020.

Amais recomendaba aos xuíces que clase de actuacións realizar durante os días 11 a 31 de agosto e, entre outras cousas, suxire «limitar no posíbel as vistas orais, reducir ao mínimo esencial a práctica das notificacións de actos cuxos prazos rematen entre o 11 e o 31 de agosto».

Se non hai xuízos e prefiren non notificar resolucións nas que as partes teñan que pronunciarse na parte hábil do mes de agosto… Para que sirve o Real Decreto-Lei do ministro de Xustiza?

Intervención do ministro de Xustiza tralo Consello de Ministros no que se aprobou o plan de choque para aliviar a acumulación de litixiosidade derivada da crise sanitaria.

Mais o Consello Xeral non é a única administración que quere incumprir a norma, tamén o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, ao regularen as vacacións dos funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza na nosa terra, semella que non comprendeu o texto do Real Decreto-Lei. No seu «Programa anual de vacacións para 2020» establece o período comprendido entre o 11 e o 31 de agosto de 2020 como un dos que entende que as oficinas xudiciais están cubertas se están a traballar o 33% dos funcionarios do cadro de persoal. Pode «continuarse coa actividade xudicial ordinaria» como pretendía o goberno español co 33% dos traballadores?

Pero aínda fica outra administración por interpretar o contido do art. 1 do Real Decreto-Ley, o propio Ministerio de Xustiza, que é o que concede as vacacións dos funcionarios do Ministerio Fiscal e dos letrados da Administración de Xustiza.

No caso dos fiscais non hai novidades, pois a Fiscala Xeral do Estado recomendou aos seus que pediran gozar as vacacións no mes de agosto, sen excluír as datas hábiles. No caso dos letrados da Administración de Xustiza o propio ministro estableceu os seguintes criterios o 20 de xuño a través dunha circular do xecretario xeral da Administración de Xustiza:

– os días inhábiles de agosto deberían permanecer no seu posto de traballo entre un 10 e un 20% dos letrados da Administración de Xustiza

– os días hábiles do mes de agosto terían que traballar entre o 20 e o 30 %.

Eificio dos xulgados da cidade de Vigo.

Polo tanto, nos nosos xulgados, entre o 11 e o 31 de de agosto, haberá os mínimos xuíces e fiscais, non máis de un 30% dos letrados da Administración de Xustiza e un 33% dos funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza. Xente para, como todos os veráns, cumprir co trámite e atender o urxente pero non abonda  para «continuar coa actividade xudicial» como pretendía o ministro de Xustiza.

O problema é que o mes si que é hábil polo que conta para todos os trámites e notificacións que impliquen un prazo para os seus destinatarios. Así que a cidadanía, os avogados, os procuradores e os graduados sociais terán que estar alerta por se calquera deses 21 días nos que a meirande parte dos funcionarios estarán de vacacións eles teñen que volver ao seu despacho para recorrer unha sentenza, contestar unha demanda, atender un requirimento… e non perder a oportunidade de se defender.

Moitos concordamos que a medida de facer hábil agosto era inútil. Que o que podería ter solucionado o atranco era nos obrigar a gozar das vacacións nese mes e non espallalas, como adoitamos facer, no último semestre do ano. Pero as normas equivocadas deben derrogarse e substituírse por quen pode facelo. Se os propios chamados a «cumprir e facer cumprir a lei» inventan subterfuxios para non as obedecer, para que queremos leis? Se os que inventan as trampas son os órganos superiores de xuíces, fiscais, letrados da Administración de Xustiza e o resto dos seus funcionarios, que imaxe están a dar do Estado?

Mesa da Comisión de Xustiza do Congreso dos deputados.

Pero aínda que o esperpento parecía rematar aínda ficaba un personaxe por  actuar e no terceiro acto, a validación parlamentar do Real-decreto lei, aparece o poder lexislativo. O 22 de xullo a Comisión de Xustiza do Congreso dos deputados acaba de aprobar o proxecto de lei que naceu daquel Real-decreto lei e entre as emendas cómpre salientar unha: declárase inhábil todo o mes de agosto de 2020.

O seguinte trámite para a aprobación desta reforma será no Senado… no mes de setembro. Si, leron ben. Os últimos 21 días de agosto de 2020 serán hábiles pero en setembro o Senado aprobará unha norma na que se establecerá que os citados días non foron hábiles.

Que pode pasar? Pois que algún dos xuíces o letrados da Administración de Xustiza que van traballar entre os días 11 e 31 de agosto sinalen vistas e comparecencias ao abeiro dunha lei que, en menos dun mes, saben que será derrogada polo Senado.

Os deputados que aprobaron esa emenda sabían que non se ía votar no Senado até o mes de setembro. Para que perderon o tempo? Por que non respectan as leis?  Para que pensan os nosos lexisladores que serven as normas?

*Rodrigo Osorio Guerrero, é letrado da Administración de Xustiza do Xulgado de Primeira Instancia Núm. 8 da Coruña.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail