Experiencia en busca de forma

Desta volta paso polo «Bortel» a novela Coidadora (2021), flamante premio Xerais de novela asinado por María Marco.

Na estética literaria desta comisaria de exposicións e crítica de arte viguesa aparecen boa parte dos trazos que asociamos á posmodernidade. Fragmentación, non liñalidade, mestura de xéneros, fotografías, prospectos, comentarios, citas, epístolas… Ela mesma apunta que a súa é «unha historia que hai moitas páxinas deixou de ser tipoloxicamente narrativa, novelesca, daquelas de introdución, nó e desenlace», p. 150 . Este xeito de narrar é, a dicir a autora, heterodoxo: «A miña escritura tampouco é racional, foxe da ortodoxia.», p. 133. Cuestión esta, a de que cousa é ortodoxia e heterodoxia no presente, que cabería poñer en suspenso. Non en van, a poucos días da morte de Franco Battiato, ben se pode supoñer que se ata ese músico de fondo humanista adoptou unha estética baseada no eclecticismo, o espiritualismo new ager, o multiculturalismo e a profusión de citas se debeu a que nas décadas en que desenvolveu as súas cancións máis coñecidas —oitenta e noventa, hai máis de 30 anos!— a estética da posmodernidade era xa hexemónica.Tamén a nivel dos contidos é posible afirmar que Coidadora emprega un repertorio tirado de teorías postestruturalistas. Ata tal punto sucede isto, que un tende a pensar que a novela, en conxunto, resulta ser unha versión literaturizada de ditas teorías. Esta influencia da teoría na literatura non é un fenómeno novo. O existencialismo creou a súa propia escola literaria, e a psicanálise, a teoría da relatividade e tantas outras teorías científicas e humanísticas deixaron un gran rastro na literatura. Coa novela de Marco sucede algo semellante. A diferenza é que, o que promete ser unha estética novidosa, recibímola, neste tempo de eterno presente –o insuperable «realismo capitalista» de Mark Fisher– como unha estética que xa ten unha historia, facilmente identificable e obxectivable; o que redunda na perda de substancialidade do texto en canto artefacto literario en si. Este exceso de presenza da teoría na literatura actúa sobre todo naqueles capítulos de temática máis utópica e menos dedicados a narrar o día a día do coidado experimentado pola autora.

María Marco (Vigo, 1976).

Por contraste, as pasaxes da novela cun ton máis confesional, realista e por veces exemplarizante, nas que a descrición da súa experiencia como coidadora da nai se desenvolve en toda a súa crueza e cotidianidade, resultan máis substanciosas. Por así dicilo, este é o núcleo experiencial da novela. A frustración, o esgotamento, a penosidade das tarefas, a paréntese vital, o encerramento, a dependencia, o fartazgo. E tamén os momentos de complicidade, de alegría, de tenrura. Nestas pasaxes temos a impresión de que asistimos á revelación dunha verdade. É este back to basics que, dalgún xeito, trata de abrirse paso en diversas ordes da vida contemporánea o que tamén aparece en Coidadora e o que, para nós, resulta máis interesante da novela.

Foto: Dominik Lange en Unsplash.

Por outra banda, con veleidades máis poéticas, realízase no libro toda unha exésese sobre a noción de «catábase», o descenso aos infernos, por medio de digresións sobre os túneis que existen no subsolo de Vigo e, en xeral, de metáforas arredor do subterráneo, do que habita no inframundo; trasuntos do tempo de morte en vida que está a pasar a coidadora. Un treito, todo este, que trae á memoria aquel capítulo d´Os miserables no que Victor Hugo disertaba sobre o París dos sumidoiros comparándoos co «intestino de Leviatán»: o reflexo invertido, o lado oculto e liminal das sociedades modernas. A estética -post fundada sobre a transvaloración nietzscheana do legado clásico e xudeocristiano convive, na novela de Marco, coa experimentación por parte da protagonista da moi xudeocristiana idea da morte e a resurrección que se substancia na figura do Cristo e no sacramento da penitencia como acceso á graza.

Foto: Dominik Lange en Unsplash.

Aparece tamén, no que a novela ten de confrontación co tráxico por parte de quen lidaba apenas coa comedia da vida, a crítica anticapitalista. Faino como apelación á ética dos coidados entendida ao xeito ontolóxico da Sorge heideggeriana: «Coidar é o verdadeiro acto revolucionario, un acto kamikaze dunha radicalidade infravalorada. Empodéranos como especie anulándonos como individuos. Coidar é o sacrificio radical de anulación do ‘eu’. Vendéronnolo como a expresión do amor, pero o amor non existe, tan só existen os coidados en diferentes graos», p. 55. Esta anulación do suxeito entra en contradición coa apelación ás «cariátides», as mulleres que sosteñen o mundo, en tanto que suxeito colectivo cuxo traballo non contabiliza, segundo as teorizacións de Silvia Federici, como valor no mercado capitalista: «o capitalismo apóiase comodamente […] sobre a cabeza destas mulleres, que non son de pedra. O traballo reprodutivo invisibilízase como unha vella e resignada columna que todos admiran […]. As cariátides non cobran, non comen, dormen o xusto», p. 123. Unha contradición que se resolve na tradución desa revirada das mulleres nunha praxe nihilista: «ao camiñar xuntas, destrúen primeiro a Acrópole e Atenas e toda Grecia e logo Europa e Moscova, convertendo o herdado en ruínas, destruíndo todos os templos, deixando caer a nosa civilización como despois dunha gran guerra ou unha pandemia», p. 124. Unha discontinuidade temporal que só máis tarde será reconstrución «con vigas e cimentos de novas aliaxes de amor e liberdade», p. 124.

Cariátide caída sostendo a súa pedra, Auguste Rodin c.1880-1 (Tate CC-BY-NC-ND).

Por outra banda, aparece en Coidadora unha sorte de socialismo-utópico en forma de futurismo pospolítico. A través do xénero da ficción científica, con resonancias ás ideas de Donna Haraway, lígase a esperanza da humanidade a que a ciencia acade a rexeneración neuronal e fabúlase coa superación da nosa condición mortal a través da manipulación xenética e da hibridación das especies; na novela, unha flor á que se lle enxertou ADN humano e que ten a capacidade de renacer cada primavera. A este respecto, dise na novela: «Sería unha revolución decisiva para a evolución humana na cal os dependentes se converterían en belos cyborgs multiconectados, ataviados con delicados exoesqueletos que suxeitasen eses débiles corpos. As coidadoras liberaríanse finalmente; só faltaría conseguir o tratamento definitivo para a dor.», p. 95.

Na actualidade xa existen robots que interactúan e están programados para coidar as persoas maiores e dependentes.

Do mesmo xeito que os discos dos oitenta de Battiato albergaban o fondo humanista do autor, detrás desta formalidade informe de María Marco, desta maraña de citas e xéneros alenta, malia todo, o xa sinalado núcleo experiencial que redime a novela. Coma se se tratase dunha serpe que, en pleno proceso de remuda da pel, non conseguise desfacerse das capas vellas, a novela de Marco semella anunciar un novo mundo coa linguaxe do mundo que queda atrás. Un regreso da experiencia nun tempo que aniquilou a idea de experiencia en favor da de simulacro. É neste sentido que, formalmente, Coidadora semella démodé malia a súa aparente modernidade. Finiquitada xa por dúas veces a «fin da Historia» —unha no crac financeiro de 2008, outra coa pandemia de Covid-19 de 2020— a estética que triunfou durante os anos 80 e 90 actúa coma déjà vu para dar conta dunha Historia que regresa na súa faceta máis severa, menos lúdica, e máis necesitada de ser contada con inmediatez, sen vías indirectas, nin próteses teóricas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail