The Spanish kid of the block

Case que un idilio, o seu foi chegar e encher nada máis pisar a moqueta azul do poder en Bruxelas. Pedro Sánchez xa lles entrara polos ollos aos círculos de poder europeos cos nomeamentos como ministra de Economía dun importante cargo da Comisión, Nadia Calviño, e en Exteriores a un antigo presidente do Parlamento Europeo, Josep Borrell. O posterior xiro de 180 grados na política enerxética española, uníndose á vangarda europea contra o cambio climático, non fixo máis que reforzar as primeiras impresións.

Estas tres foron as medidas iniciáticas na política exterior europea do novo presidente do Goberno, coa idea clara de probar a vocación europeísta das políticas que quería impulsar. Había novo Goberno en España e non ía ser igual. Pasado un ano dende a moción de censura que depuxo a Mariano Rajoy, o new kid of the block, o novo neno do bloque, é xa un dos líderes do grupo de xefes de Estado e de Goberno da UE.

Sánchez conseguiu o que ningún outro presidente do Goberno español acadara antes, sentar na mesa dos maiores en Bruxelas e ser un máis, negociar e empurrar en proveito dos seus intereses sen tradutores polo medio; a carón do francés Emmanuel Macron e a chanceler Angela Merkel, fronte ao presidente do Consello Europeo, Donald Tusk; falando directamente en inglés, todo un fito na historia política española en Bruxelas, deixando en moi mal lugar os anteriores ocupantes de Moncloa.

Pedro Sánchez con Angela Merkel, Donald Tusk e Emmanuelle Macron.

Foi no último cumio europeo, os catro políticos discutindo os nomeamentos das Presidencias da Comisión, Consello e Parlamento europeos, Tusk como árbitro da institución do Consello e un dos que vai ser substituído, os outros tres como xefes dos socialistas, liberais e conservadores europeos. A Pedro Sánchez «interésalle moito exercer a cota de responsabilidade, estao facendo a dúas mans, como nunca se dera, non é un europeísmo de andar pola casa», confirma un diplomático.

«A cuestión do poder non é só querelo, tamén cho dá a confluencia de estar no lado correcto, nun grupo máis numeroso do esperado que quere facer Europa, o lado correcto», reflexiona esta fonte ao ser preguntada sobre a imaxe que Bruxelas ten do executivo de Pedro Sánchez. O PSOE é o grupo máis numeroso da súa familia política europea e o español o único socialista que dirixe un «gran Estado Membro». Factores externos que benefician e reforzan «un goberno que ten interese e vocación» de liderado en Europa.

Pedro Sánchez saúda a Mario Draghi, presidente do Banco Central Europeo, xunto a Jean-Claude Juncker, presidente da Comisión Europea durante o pasado Cumio Europeo.

Míster manual de resistencia pasa á ofensiva na loita de coitelos entre capitais e grandes partidos europeos para ver quen dirixe a UE nos vindeiros cinco anos. Rajoy era máis de Foucault aínda que, quizais, non o soubese. Era un suxeito dentro dunha estrutura, sometido a infindas determinacións, como a súa incapacidade para falar outros idiomas. Unha peza máis do poder que non tería estado cómoda nesta loita internacional. Así apareceu en tantas fotos, sentado só na mesa dos cumios, como se a súa mente voase libre tentando fuxir da trama histórica que acontecía en Bruxelas. Sánchez non, Sánchez recupera a Sartre, o ser suxeito de poder, ou que cando menos o procura para el.

O nacemento desa imaxe do pasado Cumio Europeo lévanos de novo a ese interese español en proxectarse na UE. Eran as dez da noite do xoves, coas posicións dos diferentes gobernos nun momento de enfrontamento máximo dentro do Cumio. A esa altura, xa remataran coa axenda de traballo e discutían na cea de traballo. Nun grupo de Whatsapp comezan a entrar mensaxes.

«Houbo unha reunión a catro ao rematar o Consello, os líderes dos tres países máis grandes das principais familias políticas co presidente do Consello Tusk para tentar avanzar nas negociacións…», explicaba o Whatsapp para, de seguido, axuntar a foto de Sánchez cos outros tres políticos. Era o contexto do pequeno encontro paralelo á tensa cea entre os dirixentes comunitarios, a versión que vendía o Goberno español do que estaba a acontecer logo de moitas horas de reunión a porta pechada. Ía dirixida aos correspondentes españois en Bruxelas.

Sánchez xunto a Donald Tusk, Emmanuelle Macron e Angela Merkel no Cumio do ano pasado en Bruxelas.

Cousas das novas tecnoloxías, chats de whatsapp que gobernos, políticos e partidos manteñen coa prensa. Serven para informar sobre cuestións loxísticas, como as axendas e os horarios das roldas de prensa; para vender comunicados aos xornalistas no canto de responder a preguntas; para tentar espallar á opinión pública unha mensaxe determinada.

Axiña a foto foi publicada e popularizada nas redes sociais, recollida polos colegas estranxeiros e logo nas crónicas do día seguinte informando sobre o desacordo na escolla dos próximos dirixentes da UE. Xeitoso exercicio de propaganda política das altas esferas españolas, unha semente máis que plantar en Bruxelas, outra do novo neno do bloque europeo na súa procura por ser un dos líderes. España xogando como terceira potencia da UE grazas ao Brexit do Reino Unido e o euroescepticismo do Goberno italiano ou, en palabras do diplomático, obtendo unha posición de poder coa «perda de liderado doutros países, xa non tan europeístas como antes».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail