A volta ao armario

Unha realidade deste confinamento é a perda de certa liberdade de todos nós polo ben común.

Non paramos de compartir historias abraiantes de familias con sete fillos que viven nun piso, mocidade que vive en 30 metros cadrados sen fiestras ao exterior, maiores que son axudados polos seus veciños… Grazas a quen sexa, estamos volvéndonos máis empáticos e conscientes doutras perspectivas, lonxe do noso cu.

A través da rede educativa LGTBI galega, —pioneira no noso país neste tipo de iniciativas para protexer e educar en diversidade—, daba unha mensaxe de apoio a todos aqueles alumnos que, grazas a esta iniciativa, tiñan un lugar seguro onde ficar coa súa realidade LGTBI, no colexio ou no instituto; para que levaran o mellor que puideran a súa realidade queer. Agora, moitos deles quedaron sen ela.

Foto: Xavi Cabrera (Unsplash).

Lamentablemente, estes alumnos –incomprendidos na súa maioría polas familias–, neste confinamento deben volver meterse nun armario. Un armario no que, despois de empoderarse e de chegar a ser eles mesmos, teñen que volver calar, baixar a cabeza e intentar que os nervios non xoguen malas pasadas e chegar á disputa; unhas disputas que, con todos confinados nun estado de extremo nerviosismo, pode chegar incluso ás mans.

Pero iso non só pasa cos estudantes de instituto. Pasa cos estudantes universitarios. Tamén coa mocidade que, por culpa da non recuperación efectiva da antiga crise, sen ser tan novos, fican na casa de seus pais; por ter salarios que non lles permiten nin o alugueiro dunha habitación.

Confínanse xuntas unhas xeracións moi diferentes, por non dispor do poder adquisitivo necesario para poder, polo menos, ter unha vida propia; lonxe das microhomofobias (porque quero pensar que a familia sempre, no fondo, nos quere), pero que hai moitas cousas que nunca van entender. Non porque non se esforcen en facelo, senón porque somos persoas de culturas diferentes.

Foto: Shane (Unsplash).

Cantas veces lle teño escoitado a un pai dicir que iso do Orgullo gay é só unha festa e que non ten sentido ningún. E cantas veces un —ou unha— moza LGTBI lle contesta «igual de preciso que o Día do Traballo, pero nós en vez de queimar pneumáticos enchemos de cor as nosas cidades e de arte. E chámase Orgullo LGTBI», e xa comeza nese intre unha lea. E ningunha das partes ten a culpa. Tena a nosa sociedade; deseducada en integrar a diversidade.

A que agora estamos a crear –estase a ver coa Xestapo dos balcóns–, enfróntanos acotío. Simplemente polo feito de ser diferentes uns dos outros. Porque é a mellor maneira de, nunha democracia ficticia, manter as persoas atentas a outras cousas en vez das que de verdade importan. Que a «normalidade» se manteña como un pequeno policía, para que eles mentres poidan facer das súas.

É unha magoa que toda esta rapazada –e algúns máis maiores– teñan que facer esta «volta ao armario». Por que uns teñen que renunciar a unhas liberdades e outros a unhas máis? Falamos sempre de igualdade, mais faime moita graza que con aqueles que somos diferentes se aplique unha equidade sempre á inversa. De ser sempre os queer os que teñamos que renunciar ás nosas liberdades para que poidamos vivir nunha falsa normalidade.

Foto: Marlon Correa (Unsplash).

E se empezamos a darnos conta de que o «raro», é o que sempre estivo a acontecer?, (incluso na heteronormatividade). E que aos que se nos cataloga como «raros» podemos ser os que máis razón teñamos que aportar nestes tempos loucos? E se nos damos conta de que o raro é, en verdade, a auténtica normalidade? E que os LGBTI temos o mesmo dereito de pensar, reflexionar e transmitir opinións?

Dende Luzes, non me cabe dubida de que toda a tribo quererá sumarse a esta iniciativa, e mándovos un aplauso confinado moi grande e todo o apoio a esa xente que se sinte coa obriga de «volver ao armario». Prométovos que todo vai pasar e, espero de todo corazón, que todos aprendamos a valorarnos máis os uns aos outros. Seguro que entre todos o conseguiremos.

Vós tamén sodes heroes e heroínas. Bravo por vós!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail