Volver

O pasado domingo, unha alumna da academia de Operación Triunfo cantou con Estrella Morente o soado «Volver», unha das que sería previsiblemente as actuacións da noite. Expectantes ante o show, a artista andaluza sorprendeu (para mal) nada máis soar os primeiros acordes cuns versos un tanto distantes da balada, e levantando o dedo índice case ameazante espetou: «Ni el torero mata al toro, ni el toro mata al torero».

Un cántico que pasaría por un «No le perdonéis la vida al toro, que es humana cobardía» y que enlazaría despois co xa coñecido «Yo adivino el parpadeo, de las sombras que a lo lejos, van marcando mi retorno (…) e todo seguiría co previsto». O realizador optou por un primeiro plano que impediu descubrir as caras das concursantes, concretamente a de Maialen, a mesma que uns días antes proclamara que os toureiros son «moi nazis» e «moi psicópatas».

Twitter incendiouse aquel día laureando a Maialen, mais tamén este domingo no plató, cando Morente, casada co toureiro Javier Conde, e a concursante Nia remataron o himno flamenco. A canción durou entre catro e cinco minutos, tempo de sobra para que a directora do programa avisase ao presentador, Roberto Leal, para que deixase claro que iso non estaba planeado, e que ese programa da cadea pública, non tivo nada que ver na difusión dese tipo de mensaxes. Pero iso non aconteceu. Operación Triunfo compartía aínda de madrugada, despois de recibir miles de críticas en redes, un chío onde afirmaba que nos ensaios, Morente non avisou da súa proposta protaurina.

Apoloxía da tauromaquia en prime time. Tamén estes días e máis grave, viralizouse en Twitter o vídeo dunha reporteira acosada en pleno directo. Un tío plantoulle un bico na cara e ela foi capaz de continuar sen «inmutarse», aínda que os meus ollos querían ver como lle metía o micro na boca. Ninguén dende o plató foi capaz de parar a rapaza, dicirlle que respirase e falar con ela, preguntarlle se está ben e explicar o que aconteceu e, o máis importante, o porqué. O xornalismo feminista, a comunicación con perspectiva de xénero. Por que non somos conscientes da repercusión da televisión no imaxinario patriarcal? A imaxe non é outra cousa que un retrato.

Se as reaccións fosen inmediatas e se reprobasen determinados discursos, o conto sería moi distinto. O mesmo deberían de facer as administracións públicas: sinalar, sancionar o maltrato. Mais, no caso do que aconteceu en TVE coas touradas, non esquezamos que é lexítimo, a lei estatal aínda blinda a tauromaquia como patrimonio cultural. En Galicia, grazas á loita das animalistas e do movemento social, a praza de Pontevedra (a única que sobrevive) está cada vez máis baleira. Pero por exemplo, as sancións da Xunta ao concello de Valga por deixar entrar á capea a infantes menores de 12 anos cos seus pais, foi a máis baixa que permite a Lei de Espectáculos, case unha risa. Pero, que imos a esperar dun goberno autonómico que anima os cazadores de raposos e os seus campionatos?

Morente é o «perro viejo» do flamenco que quixo deixar en evidencia a unha moza de vinte anos menos, conseguindo que todo o mundo falase dela e de Operación Triunfo en Twitter. As máis escépticas cren que, ante a baixada da audiencia do programa en comparación co éxito dos anos anteriores, o equipo artellou unha fea estratexia de marketing coa perfomance para subir esas porcentaxes de share que tanto poñen. Eu quero pensar que estamos podres pero non tanto, e que aínda as sombras do españolismo teñen que facer as súas manifestacións para non morrer.

Iso é o bo, que o saben, que pouquiño a pouco avanzan alentándose entre si e erguendo os índices cara o ceo, cara o nicho, cheo de bigotes engurrados. E non vou de chula, que a miña avoa anda tamén por alí. Doña Clotilde era a primeira en colocarme diante da tele para ver as corridas de touros os domingos, e desfrutaba tanto con ela cando o macho ibérico cravaba ao macho ibérico as banderillas coma a que máis. «Volver, con el alma aferrada a un dulce recuerdo, que lloro otra vez».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail