Un xuíz quere arquivar o caso das mulleres de Lugo que foron gravadas ouriñando e subidas a webs porno. Ocorreu en 2019 e agora o letrado vén de resolver que non hai delito nesas gravacións xa que as mulleres ouriñaran na vía pública. O feminismo galego loita para que non se peche a causa e se investigue aos autores dos vídeos.
Na festa da Maruxaina (Lugo) de 2019 graváronse sen permiso a centos de mulleres que ouriñaron ao aire libre, entre elas menores de idade. Denunciaron un ano despois cando descubriron que estes vídeos estaban colgados en varias páxinas porno e o xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Viveiro pretende arquivar o caso por considerar que non hai delito ao mexar nunha vía pública. Nin elas nin o movemento feminista comparten esta argumentación e comezaron a campaña #XustizaMaruxaina.
[Puedes seguir leyendo este artículo en castellano aquí]
Así di o auto do xuíz: «Debe terse en conta que se trata dunha serie de gravacións de mulleres ouriñando nunha rúa, é dicir, nun lugar público no que poderían ser vistas por calquera persoa que por alí transitase, e é por iso que non supoñen ningún ataque nin vulneración da intimidade no sentido recollido no artigo 197 do CP». Tanto as mulleres gravadas que teñen constancia destes feitos -máis de 80- como Mulleres en Igualdade de Burela (Bumei) defenderon a súa postura e criticaron que «ninguén ten dereito a compartirnos ouriñando na internet, aínda que esteamos na rúa». A asociación feminista presentou unha demanda xudicial e presentouse como acusación popular xa que algunhas vítimas lle pediron axuda a falta de apoios dos concellos, aos que enviaron cartas aínda sen resposta.
«Non xustificamos o acto de ouriñar na vía pública, é máis, as propias mulleres están dispostas a que sexan multadas ou se tomen as medidas necesarias, pero non podemos compartir o argumento de que é unha vía pública. Non podemos consentir que se arquive o caso porque pode haber unha trama detrás, descubrimos imaxes doutras provincias, hai persoas que se dedican a isto e que gañan diñeiro», sostén a presidenta do Bumei, Mary Fraga.
A Maruxaina é unha festa multitudinaria que, antes do coronavirus, reunía a miles de persoas na localidade de San Cibrao. Aínda que a administración local puxese ao dispor dos asistentes baños portátiles a gran cantidade de asistentes provocaba que estes servizos non fosen suficientes e que elas estivesen acostumadas a facer pis na rúa. Adoita ocorrer nos pobos galegos onde se realizan festas ao aire libre e neste caso a zona xa era coñecida por todos, tanto, que un ou varios individuos decidiron instalar de maneira estratéxica unas cantas cámaras para gravalas, por suposto, sen consentimento nin coñecemento de causa. O obxectivo era captar as súas partes íntimas e os seus rostros para posteriormente subir as gravacións a páxinas porno e gañar diñeiro á súa costa.
En xullo de 2020 unha das mozas e a súa parella atoparon o vídeo por Internet, segundo conta unha delas, «estaba compartido a modo de anuncio». Ao descubrilo, a moza indagou aínda máis e soubo que tamén estaba subido noutros portais pornográficos de Internet. Inmediatamente púxose en contacto con outras coñecidas que tamén aparecían, e así, tirando do fío, a día de hoxe máis de 80 mulleres teñen constancia de saír nestas imaxes. Son centos de vídeos, pero debido á popularidade da Maruxaina e a cantidade de mulleres que foron gravadas, algunhas delas son doutras comunidades e mesmo doutros países e descoñecen o suceso, polo que non puideron localizalas.
Hai un ano eran unha vintena de mulleres as que tiñan constancia do vídeo e o primeiro que fixeron foi poñer unha denuncia no cuartel da Garda Civil. «Fun das primeiras en decatarme, mesmo paguei por acceder a máis información en Internet. Revisamos todos os vídeos, buscamos a toda a xente posible e facilitámoslle toda a información á Garda Civil», explica unha das vítimas, de 29 anos. Conta que foron tres cámaras colocadas en distintos ángulos xa que estes individuos tiñan a vontade de gravalas o máis preto posible para captar os seus xenitais, un dos aparellos estaba colocado na roda dun coche, mais ningunha delas deuse de conta neses momentos. Nos vídeos vese como cortan a imaxe cada vez que se asoma un home, o que confirma a clara intención de que só pretenden gravalas a elas. As afectadas non teñen nin idea de quen puideron ser os artífices destas gravacións indecentes, descoñecen tamén se é a primeira vez que colocan as cámaras, pero si corroboran que foron gravadas varios días e que o número de mulleres, debido a que correu a voz entre elas e por redes sociais, aumenta cada día máis.
«Estamos coordinadas 80 mulleres como mínimo, hai un ano eramos 25 ou 30, e máis que van ir saíndo», explica a presidenta de Bumei. Algunhas das mulleres tiveron que someterse a tratamento psicolóxico ao saber que están colgadas na rede. «Van asimilando o trago, é moi forte, é unha situación moi indecorosa e as menores levan a peor parte. O xuíz debería reconsiderar as consecuencias que trouxeron as imaxes, o dano xa está feito», conclúe.
O avogado de Bumei, José Manuel Oliveros, traballou no recurso que impugnará o auto do xuíz e que presentaron este martes. «Hai un ámbito da intimidade que foi violentado coa instalación das cámaras», considera o avogado, pero aí o xuíz non entra e só valora a existencia da vía pública. De momento, conta que as pescudas identificaron determinadas IP nos dispositivos que subiron esas imaxes pero que non hai responsables coñecidos, por iso é tan necesario que non se peche a causa e se siga investigando o suceso. Para elas e para o letrado, existe un delito contra a intimidade e de revelación de segredos.
A Xunta puxo ao dispor das afectadas o Observatorio da Violencia de Xénero e aínda que respectan a decisión xudicial, o Goberno galego si que cre que os vídeos atentan contra a intimidade das mulleres. Os próximos días sucederanse concentracións feministas e as afectadas confían en que a xustiza rectifique, o que será unha vitoria para o movemento #XustizaMaruxaina pero só o comezo dunha investigación. Defenden que ningún home ten o dereito de gravalas ouriñando ou espidas, nin para beneficio propio nin para lucrarse á súa costa, estean onde estean.
Este artigo publicouse orixinariamente en castelán en Público como parte dun acordo de colaboración con este periódico. Aquí podes atopar máis artigos de Público en Luzes.