Un dos vídeos máis difundidos dos Goya foi unha conversación que se coou no directo de RTVE duns individuos que facían comentarios sobre as mulleres que pousaban na alfombra vermella. No momento da gravación aparecía a actriz nomeada Marta Nieto, que, ao parecer, tiña o mesmo apelido que un dos presentes e chanceaban con que era a súa curmá. «Preséntama», solta un. Ao que responde o outro: «É a que está máis boa de todas. As demais, eran todas esqueletillos, soamente unha cantante, a “Nancy” Peluso e unha que parecía un putón verbenero, tiña tatuaxes, non sei de onde a sacaron, esta cobra macho, pero puta puta seguro, que pintas, macho!».
Non sabemos se quen dixo isto foi un reporteiro ou non. O caso é que este tío apareceu dous días antes do 8M, que ironía. É que te imos comer con máis ganas que a un gofre da Rúa do Príncipe. Meu pobre, que mala sorte tes, chamémoste Paco. Practicamente estabamos a esperar por ti, é que nolo puxeches en bandexa, isto foi darlle unha bebé cebra a unhas leoas. Ti que cres, imos facerche cuchi-cú, Paco, imos facerche cuchi-cú?
No medio de todo este caos polo 8M non esperabamos outra cousa que non fora a un machista dicindo unga unga, contabamos cuns comentarios sobre que estamos tolas por manifestarnos, pero tremendo plot twist, non esperabamos isto, moi forte, Paco. Xa che vale, tiñamos os carteis feitos.
Así habla de las mujeres el patriarcado…
Asco es poco.
Poco es el asco. pic.twitter.com/niVrElO1tC— Vivas (@SoniaVivasRive3) March 6, 2021
Podías ser un machista baboso calquera outro día do ano, porque estou segura de que as tes soltado peores, pero non, tes tanta puntería que dous días antes do día das mulleres protagonizas unha emisión en directo cuspindo un machismo de libro, de círculo de taberna, de fútbol, de instituto, de directivos. É que ás feministas tan feminazis coma min este cóctel provócanos taquicardias. Cantos anos tes, Paco? Terías tanta puntería para todo? Terás parella, Paco? Non terás unha parella, Paco, que lavará eses calzóns travesos e que terá a pescada preparada para cando chegues? Ai Paco, quen cho ía a dicir, eh? Quen se ía imaxinar que ías saír en todos os telexornais coma un -non- home, ese que ten capacidade para razoar e facer cousas útiles na terra, senón coma un home con pene que exacula masculinidade tóxica por todas as partes, un ho-me-con-pe-ne, isto ás veces explica tantas cousas.
Shhhh. Si, Paco. Tranquilo. Seino. Xa sei que tes muller, nai, irmá, ao mellor avoa, veciña do quinto, curmá e carniceira, doutora de cabeceira, a peixeira que lle vendeu a pescada á túa muller, igual tes uróloga, Paco, igual tes uróloga. Ah, esquecíaseme, quizais tamén prima, pero seguro que non é Marta Nieto, non é Marta porque ti es un gran tipo Paco e non ías deixar que a túa querida e marabillosa curmá marchase co primeiro langrán. Porque ti, Paco, ti sabes ben como sodes os tíos.
Si, Paco, tamén sei que ti axudas en casa, que cando a túa muller che manda pasar a aspiradora (aínda que ela vaia por detrás porque o fas mal) ti non pos nin un pero. Porque o pó si pero a merda do váter iso si que non, iso non é cousa túa, ti estás moito tempo fóra da casa. E todo o fas coa mellor intención, Paco. As mulleres somos o máis bonito que Deus creou e polo que velades no mundo, que sen nós non vivides, en realidade somos as que mandamos en casa porque xa podes dicir que o ceo é azul que vai a túa muller e di que é verde, e é verde. Ela ten a última palabra en todas as discusións e sempre ten a razón, se ti en realidade es un mandao’.
A ver como cho explico, Paco. Mira. Nós estamos moi enfadadas. É o día do señor e estamos a debater exactamente que facer contigo. Unhas queren darlle traballo á túa uróloga, por isto da pandemia e a crise económica e que todo está moi difícil, sabes? Hai que poñerse no lugar do outro. Outras din de impartirche unha clase maxistral sobre divas na música do século XXI porque cren que tes que ampliar o abano máis aló de Loquillo, está incluído no temario Nathy Peluso, Nathy, non «Nancy». Outras din que te poñamos a ti diante das cámaras cun vestido e con tacóns para facerche un escrutinio tan cotroso como ti lle fixeches ás actrices dos Goya, e despois, podemos difundilo polas redes sociais, estou segurísima que nos vale tamén que leves o chándal dos domingos. A ver se é que ti es «Bratz» Pitt e non nos demos de conta.