As altas instancias xudiciais españolas volveron tomar unha decisión TOP, propia do extinto (?) Tribunal de Orden Público. Condenar á revista satírico-informativa Mongolia a pagar 40.000 euros ao extoureiro e actual personaxe público Ortega Cano por vulnerar o seu dereito á honra ao utilizar a súa imaxe con fins publicitarios sen o seu consentimento. Mongolia elaborara un póster para anunciar un acto en Cartaxena no que aparecía Ortega como un extraterrestre, cun par de mencións vinícolas.
Non debería de estrañarnos. Este é un caso máis da particular forma de entender a liberdade de expresión e de crítica por parte dos poderes do Estado en España, tan particular que non se compadece cos usos do mundo occidental e civilizado do que se vanglorian en pertencer, senón coa súa aplicación chafalleira nas marxes extremas dese mundo. Pero, ademais, a condena a Mongolia é reveladora da capacidade dos intérpretes das leis de convertelas en dúctiles, maleables e axustadas ao dereito que conveña.
É curioso que alguén como o antes toureiro, cuxa vida e milagres son un ingrediente do caldo mediático mainstream no que tamén se cocen os das súas parellas, exparellas, descendentes coas súas respectivas parellas e exparellas, con aproveitamento económico por parte de todos eles, recorra á honra luxada (e aos 40.000 euros que a reparan) por un cartel exposto nas rúas dunha cidade de 200.000 habitantes. Pero é máis curioso aínda que o sistema xudicial (Tribunal Supremo, Audiencia de Madrid, xulgado de Alcobendas) considere «aproveitamento publicitario» o uso da imaxe dun personaxe público con fins satíricos. Coa mesma vara de medir de utilización publicitaria da súa desgraza, Ortega podería haberse querelado contra os medios que publicaron a súa condena a 2 anos de prisión por causar baixo a influencia do alcol un accidente de circulación con resultado mortal. Ou calquera personaxe retratado de forma pouco favorable nun meme podería pedir o amparo xudicial.
Como Plataforma de Medios Independentes, mancomunados polo único interese de manternos e considerar o xornalismo como servizo público non só condenamos unha sentenza que cremos errada, extemporánea e inxusta, senón que solicitamos a derrogación, tantas veces dilatada, de toda a normativa que supón unha clara limitación á liberdade de expresión, incluído o inexistente -salvo nas leis españolas- dereito a sentirse ofendido.
Este texto subscribeno as publicacións:
Alternativas Económicas, Carne Cruda, Catalunya Plural, CTXT, Cuarto Poder, Luzes, La Marea, Nortes, Nueva Tribuna, Pikara, Público, Praza, El Salto, La Voz del Sur, integrantes da Plataforma de Medios Independentes
Para que non quede todo en proclamas, hai unha conta en Verkami para axudar a Mongolia