O único domingo do festival. Ía escribir o primeiro, pero dinme conta que só hai este. Valoramos se a calor nos absorbe a nós ou nós a ela. A ver quen gaña. Chego pola tarde para atoparme ante a cruda realidade, un anticipo da obra que vería despois: imposible ver a estrea de Nun cuarto da rotonda. A igrexa da Madalena sen sitio ningún. Haberá máis ocasións para ver os amigos que a defenden. As persoas que estiveron dentro tiveron que soportar unha calor extrema. O que se fai polo amor ao teatro. Como dixo Quico Cadaval hai uns días nunha entrevista para a Real Academia Galega: «O teatro nunca se librou de ser unha arte do demo». Igual está conectado o asunto sen que nos demos conta. A palabra do día na RAG é solfexar, e iso é o que imos tentar facer co espectáculo que estivo no Auditorio do Castelo: Amarillo, da compañia mexicana Teatro Línea de sombra.
No comezo unha declaración de intencións: «¿Que miráis? Si yo no soy nadie». Esta vontade de reflexar unha comunidade máis alá do ego, exprésaa o director da montaxe, Jorge A. Vargas, nunha entrevista. «Construír una realidad con los menores intermediarios posibles». Esta vontade directa, explícita, descarnada…é un eixo vertebrador do espectáculo. Atopámonos cunha historia que leva anos ocorrendo, o problema migratorio entre México e Estados Unidos. Agora de actualidade polas políticas do presidente Trump. Ou «Trun», como se fose o xefe de estado venezolano. A montaxe xa ten uns anos, pero parece feita para o momento. Un dos actores pasouse tempo vivindo coas persoas nesa situación, para coñecer de primeira man as súas sensacións, convivir con esa loita para expresala mellor:
Yo miro al norte, pero el norte no me mira a mí.
A peza instálase nos códigos contemporáneos, na investigación das imaxes escénicas. Vargas, influído por un mimo francés Étienne Decroux, que ideou unha corriente de traballo corporal denominada «A estatua móbil». Ten que ver cunha gramática do corpo conectada co estado exhausto. Outro dos puntos importantes a analizar é o traballo dende o obxecto. Pártese da base de que son os elementos os que constrúen a idea, e non a idea a que precisa dos elementos. Isto percíbese moi claro na montaxe, na que os os obxectos sempre xogan e forman parte do debuxo escénico que vai evoluíndo ó longo da obra. A presenza de tres cámara de vídeo, dúas nas esquinas cerca do público, e outra situada arriba ofrecendo un plano cenital, dan unha perspectiva ao traballo. Desta maneira, puidemos ver tanto proxeccións asociadas ao tema en cuestión como diferentes visións do que está pasando no propio directo. O público pode escoller a súa mirada, porque os puntos de atención son múltiples. Un exercicio de collage escénico. Os actores, ou máis ben actuantes, ían alternando labores á hora de contar e de elaborar as imaxes escénicas que nos querían trasladar.
¿Qué son las fronteras? Somos los de abajo, migrantes de pensamiento. Do you know what I mean?
O Castelo de Ribadavia facendo de muro de pedra ao que saltar. Para traballar e poder volver á casa. Esa liña cada vez máis ampla entre privilexiados e non privilexiados. A fronteira como ferida, un precipicio, un salto ó baleiro. Unha metáfora e pesadelo da esperanza. Aos emigrantes mexicanos chamábanlles Wet back, porque tiñan que nadar o Río Grande para chegar aos Estados Unidos. A humanidade pode facelo moito mellor, a ver se algún día nos poñemos de acordo.