Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Acababa de comprarme o cedé en Londres. Ía sempre comigo no bolso para escoitalo no coche, na casa ou, como aquela noite, cunha copa no Rahid de Santiago. Estaba atrapada polo One from the heart de Tom Waits e enganchei co cómplice perfecto:
-Veña, deámoslle outra volta a Tom, que aínda é cedo.
E así caeron, durante semanas, güisquis con José Luis Alvite e a excelente banda sonora da película de Francis Ford Coppola; para nós, Corazonada (1982). Alvite buscaba arrebatarme ese disco imposible de atopar naquela Europa sen Internet, e a viaxe expreso dunha amiga a Londres -habituais e obrigadas aquelas escapadas para moitas mulleres nos 80- permitiume encargar un exemplar un par de meses despois e regalarllo. Andaba Alvite nunha explosión de felicidade co agasallo, cando unha rapaza oriental entrou no Rahid a vender rosas.
-Queres unha? -preguntoume o xornalista.
-As miñas flores preferidas son as nécoras.
Alvite riu a cachón: mataba por unha frase contundente e aquela entroulle. Acababan de abrir a veda; eu só pensaba nun ramallete de nécoras. E, ademais, aquelas rosas tiñan mal cocer.
Poucas veces vexo unha nécora na pantalla do cine. Nécora 3D apuntaba, tiña ata varios carteis de promoción. Un delirio de Marcos Güemes, quen, na súa fantasiosa imaxinación, soñaba un reparto con Pamela Anderson e Kiko Rivera. A trama prometía para os amantes do xénero: a invasión de Santander por unha lexión de nécoras sedentas de sangue. O único que fallou foi que a película non se chegou a rodar, pero despois de tanto ruído sobre o filme iso non me parece nin importante.J
Ben Wheatley anda recreando nécoras xigantes para o seu próximo proxecto, Freakshift. O argumento é un clásico: un grupo de policías corruptos -entre os que están Alicia Vikander e Arnie Hammer– proponse acabar coa especie. Toca esperar para ver como resolven o ataque e nos sorprenden cos xiros de guión de Wheatley, un director que xa nos cativou en Down Terrace (2009), Kill List (2011) ou Turistas (2012), e que asinou brillantemente os dous primeiros episodios da oitava tempada da serie Doctor Who. Confiemos en que non lles poña loureiro ás súas nécoras.
As que máis me prestaron, sen dúbida, foron as de Jorge Coira en 18 comidas (2010). Ben se ve que son da ría, porque cando aparecen en pantalla róubanlle protagonismo a todo un Luís Tosar.
Durante anos, Morris, no papel de Antón de Pratos combinados, fíxome sufrir as noites dos mércores na televisión autonómica. Tanto tiña o día e a hora, entraba no bar Suízo de Miro Pereira co seu saúdo habitual: “Unha necoriña, cuñado?”. Malditos guionistas, que provocan “necorismo” nos espectadores sen respectar os meses da veda. Pola contra, ás de Mariscos Recio, de La que se avecina, nunca lles metería o dente. A mariscaría de Mirador de Montepinar, creada por Alberto e Laura Caballero, é recomendable para botar unhas risas, pero as nécoras de Antonio Recio cheiran ata traspasar a pantalla.
Máis que polas nécoras, o audiovisual ten afección polos caranguexos, pero aí xa falamos doutros crustáceos, e doutro prezo. De Brett Piper vin o trailer de Queen Crab (2015), e fin. El ataque de los cangrejos gigantes (1957), de Roger Corman, son sesenta minutos nos que a imaxinación da factoría Corman supera con talento a falta de medios. Os caranguexos xigantes, por mor dunhas probas nucleares que realizan científicos estadounidenses, devoran cerebros humanos e vólvense intelixentes. Ciencia ficción dos anos cincuenta con encanto.
Papel protagonista ten Sebastián, o caranguexo de La Sirenita (1989). Un invento de Disney, porque dese personaxe non hai nin rastro na historia de Hans Christian Andersen na que están baseadas a película e a serie.
Na serie animada sobre as viñetas de Hergé, As aventuras de Tintín, temos o capítulo O caranguexo das tenaces de ouro. Unha historieta sobre unha banda que trafica con opio camuflado en latas de caranguexo, e que Tintín -como non- desmonta e sirve en bandexa á policía.
Cada mes de xullo, cando levantan a veda da nécora, penso en Alvite, un prodixio de enxeño e un amigo que me quedou a deber un ramo de preciosas patas con corpo de coral.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán