Declaracións e titulares sensacionalistas están a deteriorar unha situación na todos deberíamos de estar máis unidos ca nunca.
Por unha banda, lin un titular bastante sorprendente: «Os médicos decidirán a entrada na UCI segundo a esperanza de vida dos pacientes e do seu valor social». Acto seguido púxenme a verificar dita afirmación cos propios implicados, os médicos.
Unha das miñas fontes de Madrid, onde a pandemia está a chegar o seu máximo expoñente, directamente nega o concepto de «valor social». Ante un suposto de excepción, verifica que sempre vai reinar o principio bioético de «facer todo o posible polo paciente cos medios que temos» e que se se produce nun momento no que non hai respiradores, acolleriámonos á opción de respiracións non invasivas (iguais de efectivas) ata que haxa un respirador libre».
Outro dos médicos (este de Galiza) ao que lle preguntei por estes supostos asegura que «ante dous pacientes na mesma situación, e unha única opción (sinala), valórase o maior beneficio», non o valor social. Tampouco dubidou en resaltar que «estamos nunha situación excepcional» e que (os médicos) «somos meros sufridores da situación que se está a vivir» ante a miña pregunta de se sen medios e sen material necesario, como farían? Responde facendo fincapé en que «eu vou a traballar para procurar o mellor posible para os meus pacientes».
Outra sanitaria, nun vídeo que podemos ver na súa conta de Spiriman, cóntanos a importancia dos EPIs e que non hai suficientes. Non hai EPIs, non hai máscaras, non hai xeles, non hai, non hai, non hai e non hai… Pero seguimos a facer titulares con números de mortos e números de contaxiados, sen ter en conta as altas. Por favor, non estamos para sensacionalismos, cando ademais a xente está confinada nas súas casas e moitos non dispoñen de suficiente información.
Non creo que esteamos nunha situación xusta, estámola a padecer todos. Non podemos facer máis que ficar na casa e esperar a que todo isto pase.
Acábame de chegar a información (mentres escribía este artigo) de que unha muller morrera por coronavirus nun centro de día en Palencia, no que a miña avoa quedaba para pasar o día. É unha muller que ten mil achaques pola súa idade. O feito é que, até que non teña síntomas, non lle van facer a proba. Iso si, os nosos políticos e monarcas xa saben todos eles se están ou non contaxiados. Ben por servizos públicos ou privados (diputados de Vox).
Entendo que os medios son os que son, mais teñen que chegar máis (e poden, porque Vox confirma que a privada os ten). Temos que facer unha barriada de mensaxes polas redes sociais, os medios de comunicación, e polos nosos berros, aplausos e caceroladas. Necesitamos que se escoiten moi ben as mensaxes que máis importancia teñen neste intre: #quedatenacasa, #senEPIcontaxiámonostodos, #TestTestTest. A nosa mellor arma nestes intres é compartir a información que nos chega, dunha forma ou doutra, pero sempre contrastando, sobre todo, cos que están alí, os que están na primeira liña de combate, os nosos sanitarios. Non só o que din os políticos.
Ficarei entón coas últimas palabras que me escribiu o Doutor Juan Manuel Parra (outra das miñas fontes): «Ningún paciente queda sen facer todo o posible por el, ningún».