Beiras pide disciplina

Levoulle unhas cantas décadas decatarse pero máis vale tarde que nunca. Xosé Manuel Beiras, o home que fixo todo canto puido para arruinarlle o futuro a Anxo Quintana logo de darlle o relevo no BNG e o home que rachou o BNG logo de saír derrotado na lexítima asemblea nacional de Amio, reclama disciplina na Marea. En  lugar de autocrítica, Beiras fai autopopulismo ao inventarse unha especie de «casta» interna que impide que se poda loitar contra a casta de fóra. Polo que se ve, o pluralismo e a crítica interna están moi ben cando as fas ti, mesmo publicamente e na prensa do réxime, pero cando cha fan os outros entón son cousas da casta.

Debo de ser dos poucos galegos que non entende que a Villares non se lle teña dado a máis mínima oportunidade

A este altísimo nivel exhibido por Beiras respondeu aínda con máis altura de miras e de discurso Martiño Noriega, o alcalde de Santiago, quen, logo de volver a lembrarnos por enésima vez o amiguísimo que é de Beiras e plaxiando literalmente o argumento favorito de Mariano Rajoy e dos cargos do PP cando lles fan preguntas incómodas, veu dicir que el estaba «centrado no traballo pola cidade e non estaba para prensa política rosa» Declárome dende xa incapaz de seguir un debate de tamaña altura estratosférica. Fáltame formación e talento para seguir un argumento tan complexo en razóns, rico en matices e plural nas súas sensibilidades.

Debo de ser dos poucos galegos que non entende e se lle escapan eses sutís matices que fan que os alcaldes das Mareas e a líder de Podemos, Carmen Santos, lle propinen un desplante tras outro ao voceiro parlamentario e candidato Luís Villares. Debo de ser dos poucos galegos que non entende e se lle escapan as razón que fan que a Villares non se lle teña dado a máis mínima oportunidade e se lle teña tratado dende o primeiro día coma a un interino que lle está gardando a praza a alguén.

Tamén me pasa co PSdG. Debo de ser dos poucos galegos que non entenden e se lle escapan os sutís matices que fan que os mesmos que elixen a Gonzalo Caballero líder despois lles coloquen direccións provinciais á contra. Tamén debo de ser dos poucos galegos que non entenden e se lle escapan os sutís matices que fan que Ana Pontón dedique boa parte da súa ultima alocución ao Consello Nacional falando do unidos que están, cando alí solo quedan eles, os da UPG.

Seguro que polo medio andarán a altísima política, sisudos e apaixonantes debates estratéxicos, discrepancias ideolóxicas vitais e fortes compromisos. Xa sei que son o único, pero eu vexo mais ben moita miseria, unha exuberancia irracional de vaidade, egocentrismo, ambicións persoais e adanismo e una carencia endémica de intelixencia e coraxe política para falar claro, dicir o que se quere e ir de fronte.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail