Polos fillos, o que sexa

¡Yo voy a ser ama de casa y voy a apechugar

con las tareas domésticas! ¡Voy a ser mujer!

¡Y no una de esas afeminadas que

trabajan en cosas de hombres!

Susanita (a amiga de Mafalda) on fire.

Un silencio absoluto, denso, case físico envolveu o patio do hotel Palacio del Carmen cando Feijóo apareceu. Apenas pasaran uns meses dende que, nese mesmo escenario e tamén ante a plana maior do PP galego, anunciara entre bágoas que non optaría a suceder a Mariano Rajoy e que quedaba na presidencia da Xunta. «Sin haber completado mi compromiso, no puedo fallarles a los gallegos, porque sería fallarme también a mí mismo».

Que cambiara dende entón? Os cargos do partido encollían os ombreiros ante as preguntas da prensa. «Si, vale, é certo que Casado anda totalmente desnortado, pero acaba de chegar, haberá que darlle tempo». «Se non quixo ir daquela a Madrid, vai querer agora? Non ten sentido». «Entón, para que é esta convocatoria…?». Ninguén sabía nada.

O tradicional hermetismo de Feijóo non só mantiña en vilo os seus. Tamén os líderes da oposición, pegados a radios e televisións, contiñan a respiración agardando polo que fose que ía contar. Mañá volverían repetir ese mantra de que «Galicia non pode pasar a vida pendente dos vaivéns do seu presidente» pero, nese momento, eles estábano ata o punto de mandar calar os seus acompañantes cando o viron achegarse ao estrado e axustar o micrófono.

Fiel a si mesmo, Feijóo empezou cun longo rodeo, recordando unha vez máis como tomou o relevo de Manuel Fraga na oposición, como guiou o PP de volta á Xunta e como renovou en dúas ocasións máis a súa maioría absoluta. Lembrou ese rexeitamento da tentación de marchar a Madrid, subliñou que os orzamentos para o 2019 quedarán listos e que a carreira polas municipais estaba en marcha cos candidatos elixidos e proclamados.

Por iso, podía utilizar unha das súas expresións favoritas. «Misión cumprida». E, como estaba cumprida, el… deixábao.

Si, deixábao. Feijó tomara a decisión de abandonar a actividade pública, de retirarse da política, e facíao por razóns persoais: para centrarse na súa familia e poder ver medrar o seu fillo.

Era algo que ninguén agardaba, por iso –mentres os xornalistas chamaban ás súas redaccións e os líderes da oposición comezaban a brindar–, no patio do hotel elevouse un murmurio de sorpresa que case impedía escoitar os argumentos que xustificaban a decisión: falárao con Eva na casa e decidiran que non podían seguir con ese ritmo de vida, que un dos dous debía pasar máis tempo con Albertito. Cando houbo que elixir quen sería, nin sequera fixo falta debater. Faríao el, que era –con diferenza– o que menos cartos traía á casa. O seu soldo de setenta e tantos mil euros anuais non chegaba nin á sola vermella Louboutin da millonada que ela metía no peto como xefa suprema de Zara Home –ese sitio no que sempre arrecende tan ben e no que todo está perfectamente ordenado por cores e formas–. Ademais, el xa rexeitara substituír a Rajoy, pero nunca se sabe se Amancio podía fartarse de Pablo Isla e buscar outro perfil con mellor melena. A sorte estaba botada.

Cando abandonou o estrado, as cámaras e os micrófonos abalanzáronse sobre a primeira fila de cargos. Entre eles debía estar o sucesor –ou a sucesora– e o aínda presidente non sinalara a ninguén. A prensa ulía o sangue, e todos desexaban que esas mans que se perdían nos bolsos ou nos petos interiores das americanas buscasen unha navalla e non un teléfono móbil…

Por iso, só un reporteiro captou o documento que logo se convertería en viral e quedaría para sempre asociado a ese momento. Lonxe dos focos, Feijóo fundiuse nunha aperta coa súa parella antes de coller en brazos o pequeno Alberto. Sorrindo como nun anuncio de perfumes, o zoom permitía ler nos seus beizos a frase que lle dixo a Eva antes de bicala.

–E pensar que case che propoño que sexas ti quen o deixe. Non sei como o iamos explicar…

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail