A dificultade de aprender a ver

En 1660 alguén chamado Ruben de la Vialle penetrou na cova de Niaux, nos Pireneos franceses e, logo de camiñar por un chan irregular, húmido e esvaradío, chegou ata o que hoxe se chama «Salón Negro». Alí, na parede de rocha a carón duns magníficos debuxos prehistóricos de bisontes e outros animais, duns 13 000 anos de antigüidade, o tipo escribiu o seu nome. «Ruben de la Vialle 1660». Como se estivese posuído por algún mal que o animaba a atentar de xeito compulsivo contra os bens públicos, repetiu a operación nada menos que dezasete veces ao longo da caverna. Tiña boa caligrafía; para tratarse de mediados do século XVII debía de ser alguén estudado. Un ilustre vándalo, poderíamos pensar. Mais non, aquí non hai ningún tipo de atentado contra o patrimonio, xa que o patrimonio, para meternos con el, primeiro ten que existir.

Ruben mirou os debuxos e o único que viu foron outros graffiti algo máis elaborados ca os seus. «Vaia manía de pintar bichos», pensaría. «E nin sequera firmaron nin puxeron a data, co chulos que lles quedaron». Moitas das pinturas rupestres do sur de Europa foron observadas por todo tipo de visitantes ao longo da historia, como deixan ben claro os graffiti de Ruben e moitos outros. Pero ninguén viu as pinturas, señoría. Todos estaban cegos. Non podían velas xa que daquela a prehistoria aínda non existía. A idea de arte rupestre comeza a existir na mente dos humanos a finais so século XIX. Aí e cando deixamos de ser cegos e os gravados modernos se converten en vandalismo.

Ruben de la Vialle era, polo tanto, un ilustre ignorante. Non quero insultar; a ignorancia non ten que ser algo negativo per se. Todos nacemos ignorantes da cultura e a tecnoloxía (ao contrario do que pasa con, por exemplo, a contracción de determinados músculos, como os que se precisan para chorar; para iso nacemos xa aprendidos). Unha pequena parte do acervo cultural da humanidade implántase no sistema nervioso de cada xeración mediante a educación formal e outras vías de transfusión. E aí as desculpas xa non serven: nacemos vándalos, pero a cousa cúrase con cultura.

Unha propiedade da ignorancia é que te volve tecnicamente cego. Pero a cousa é igual de edificante cando se mira desde o outro lado, xa que un obxecto calquera existe tantas veces como as mentes que o observan. Os obxectos teñen unha entidade física, á que non temos acceso, e unha cantidade inconmensurable de representacións mentais. O mesmo debuxo nunha parede  de pedra pasou de ser un elegante garabato ou un graffiti a unha singular e marabillosa representación artística do Paleolítico Superior, unha mostra de extraordinario valor histórico que indica as habilidades cognitivas dos nosos antecesores.

Ao longo da nosa vida, imos estar diante de obxectos que seremos incapaces de ver. Para que algúns deixen de ser invisibles hai que ter a cabeza preparada, hai que aprender a ver.

Resúltame fascinante -e inquietante- o feito de que, ao longo da nosa vida, imos estar diante de obxectos que seremos incapaces de ver. Ocorre todos os días. Hai pouco, a nova dun achado arqueolóxico en pleno núcleo urbano de Vigo, lembroume esta propiedade de invisibilidade que teñen algunhas cousas. Resulta que no contorno da praia de Canido, a poucos metros da Vila Romana de Toralla, Emilio Rodríguez, un afeccionado á arqueoloxía, atopou entre as rochas da praia nada menos que ferramentas de pedra do Paleolítico Inferior de hai uns 200 000 anos (algunhas delas están expostas no Museo do Mar de Galicia). É un achado singular xa que as pedras que Emilio soubo identificar como ferramentas do Paleolítico foron vistas, con toda seguridade, por miles de persoas antes ca el. Ben…, foron «observadas», pero non identificadas como algo de interese.

Na actualidade, polos arredores da praia de Canido circula xente todos os días. Trescentos sesenta e cinco días ao ano durante centos e centos de anos. Incluso tendo en conta os cambios de nivel do mar e o feito de que as pedras poden pasar tempadas tapadas pola area, o conxunto de croios de Canido tivo que estar á vista de moitas persoas, incluíndo os construtores e os habitantes da vila romana. Ata é probable que máis dunha persoa teña mexado por riba dalgún deses obxectos paleolíticos que hoxe se amosan no Museo do Mar. Podíamos quitarnos a culpa de non ter identificado as ferramentas de pedra manifestándonos polas rúas de Vigo ao berro de «Todos somos Ruben de la Vialle». Para que algúns obxectos deixen de ser invisibles hai que ter a cabeza preparada, hai que aprender a ver.

Hoxe para algunhas cousas xa non hai desculpa e, se pintas o teu nome a carón dun bisonte de hai 15000 anos, pois mal. Para iso serve a educación, para ensinar a ver, a interpretar. Hai xente que, por exemplo, mexa por riba da lingua galega simplemente porque non a ve. Aí tampouco hai desculpa, incluso co atenuante da ignorancia, xa que neste caso é da mala, desa que vai acompañada de suficiencia e atrevemento.

One comment

  1. Pingback: Experiencias carcelarias – Luzes

Comments are closed.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail