Carta ao alcalde de Vigo sobre o MARCO

Sr. Alcalde:

Son moitas as argumentacións que poderiamos dar con relación á necesidade do Centro de Arte Contemporánea MARCO, dirixido con criterio experto, para a cidade. Precisamos dunha aprendizaxe da mirada para achegarmos a arte. As claves da arte máis actual non se aprenden no bacharelato, hai moitas lagoas no ensino das vangardas históricas. Polo miúdo nin tan sequera chegamos nos estudos deica aquelas páxinas onde se fala da historia das vangardas. Hai un baleiro que só podemos cubrir cunha proximidade, aos poucos, cas expresións innovadoras. Se non hai esa proximidade todo pode ser incomprensíbel. Neste senso un Centro de Arte Contemporánea coma o MARCO é unha peza clave para o coñecemento e difusión das prácticas artísticas máis inquedas. Precisa tamén dun programa de apoio pedagóxico para encher as eivas e trazar pontes na percepción.

Trátase tamén de contribuír á igualdade de oportunidades, a arte e mais a cultura non pertencen ás castes privilexiadas senón que teñen que estar a carón da vida cotián, permitindo que non existan sectores excluídos no coñecemento das artes visuais. As artes son achados transversais que nacen dos sentidos. Todo o mundo ten dereito a expresar a súa creatividade e sentir as vibracións do «novo».

A configuración das novas tendencias e dun espírito emprendedor ten moito que ver coas antenas abertas ao novo. Vigo foi sempre unha cidade moi anovadora e aberta á arte. Epicentro da vangarda artística galega ao longo de moi diversas etapas: anos da posguerra, década dos 60 e 70, a exuberancia dos 80. Arestora esmorece con moitos atrancos cara manter un tecido mínimo de galerías de arte e cunha política municipal errática que figura poñer en cuestión modelos xa ben consolidados.

A crise do MARCO provocada dende o Concello (derivada talvez dun pésimo asesoramento) está a xerar unha fonda preocupación en todo o sector artístico e cultural do Estado. Descoñecemos onde xorde esta trapallada… Un cambio na dirección dun Centro de Arte Contemporánea non ten porque representar unha involución desta magnitude. Onde o espazo dedicado a arte actual (por decisión do alcalde ou concellería de cultura) vai ser utilizado para outras actividades. Cando Vigo ten espazos dabondo e ben axeitados para acoller mostras desas características (afastadas da arte contemporánea) como as anunciadas de Verne ou a mostra centrada nos Estaleiros Armada.

Falei en algures da situación estratéxica de Vigo dentro do chamado Arco Atlántico, de que goza dunha posición axeitada cara facer de bisagra entre Galicia e Portugal. Cómpre desenvolver un espazo común galegolusitano, un área cultural, territorio creativo e simultáneo ámbito de desenvolvemento económico. Non é preciso salientar na esfera do turismo cultural o referente dun Centro de arte contemporánea de prestixio. Unha peza máis a incorporar aos activos naturais da contorna da ría, patrimonio cultural e antropolóxico.

As xeracións novas están mergulladas nun magma de tendencias onde a amálgama arte-cultura define un mundo inzado de posibilidades de expresión. Un tecido de cativas industrias vinculadas á creatividade que perfilan un ecosistema que é hoxe o substrato de todas as grandes cidades. Lugares de encontro e irradiación. Deseño gráfico, novas estéticas, ilustración e fotografía, esculcas na moda, cinema, música, últimas tendencias, experiencias parateatrais, arte urbana, aventuras literarias heterodoxas, revistas culturais, editoriais novas. As canles da creatividade amoreada nunha sedutora fusión. Todo un trepidante mundo en ebulición dun alcance insospeitado

En Galicia sempre pesou máis a cultura literaria nunha defensa arreo da lingua, mais o idioma das formas (expresión da que gustaba Luís Seoane) vén ser central á contemporaneidade. Aí temos que dar un bo chimpo dende a dimensión literaria deica o contacto coas artes visuais dun xeito complementario nunha sinerxía fértil. Un espazo de comunicación está latexando aí nese fermento creativo onde as lindeiras entre os xéneros non son ríxidas e a poesía acada unha dimensión visual. O texto vibra na tipografía, a palabra érguese coma un tótem visual na rautada-grafismo de Novoneyra.

Cómpre non lle ter medo ao futuro. Un Centro activo de arte contemporánea permite acceder (coma un sismógrafo) a moitas das claves do mundo actual e ao tempo esculcar nos sedimentos da nosa propia travesía cara á modernidade creadora. MARCO pode ser ese espazo onde conflúan os vectores cidadáns que no eido artístico están a agromar. Coido que estamos fronte a un novo impulso de vitalidade creativa. Esa explosión de vitalidade en Vigo non vai poder parala vostede nin ningunha outra instancia oficial.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail