Unha Rosalía de seu

Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), (Galaxia, 2017), é unha obra da filóloga María Xesús Lama recoñecida hai escasos días co Premio Nacional de Ensayo 2018 que outorga o Ministerio de Cultura e Deporte.

O libro, que se ocupa das etapas de infancia e xuventude da biografía de Rosalía de Castro —desde o nacemento da escritora ata, aproximadamente, a publicación de Cantares Gallegos, cando Rosalía contaba con vinte e catro anos— aborda as peripecias da gran poetisa galega co ánimo de desmontar certos lugares comúns arredor da súa figura. Con esa arela, María Xesús Lama tenta desvelar a auténtica Rosalía de Castro centrándose en tres aspectos fundamentais.

Desterra a idea dunha Rosalía cuxa infancia estaría marcada pola súa condición de filla de crego non recoñecida e por unha vida de reclusión e soidade na aldea coa súa nai solteira

En primeiro lugar, Lama pretende recuperar unha imaxe da autora «distanciada dos tópicos manexados na fase inicial que permiten relativizar o manido trauma dun nacemento pouco claro ou misterioso, que tamén é característico do relato mítico e que tanto rendemento deu condicionando a interpretación da súa obra» (páx. 29). Desterra a idea dunha Rosalía cuxa infancia estaría marcada pola súa condición de filla de crego non recoñecida e por unha vida de reclusión e soidade na aldea coa súa nai solteira; unha nai, que experimentaría o seu embarazo como unha mancha que cumpría ocultar. Lonxe desta interpretación, María Xesús Lama presenta a unha Rosalía que, se ben manterá unha relación distante co pai —o capelán José Martínez Viojo— conservará o contacto epistolar e de intercambio de visitas coa familia deste. Pero que, sobre todo, terá na familia grande da proxenitora, María Teresa de Castro, un clan do que rodearse e esperar axuda, amor e respaldo durante toda a súa vida. A existencia desta realidade familiar menos inhóspita que a narrada polo mito rosaliano, cuestiona a imaxe da Rosalía chorosa e apartada, poñendo no seu lugar a esta nova Rosalía: unha persoa xovial, con gran sentido do humor, con habilidades para a interpretación musical e o canto e que frecuentaba, como era propio entre a fidalguía acomodada á que pertencía, os salóns doutras familias de estatus semellante ao seu.

A arela revisionista do tipo de contorno en que creceu Rosalía, fai que María Xesús Lama mesmo explicite a hipótese segundo a cal a poeta sería unha nena desexada por unha nai que, cando nace a criatura, é xa unha muller madura, e cuxa concepción sería froito dunha relación coñecida publicamente e mantida no tempo, e non o resultado dun fatal descoido clandestino.

«Os anos composteláns de Rosalía de Castro comprenden unha escasa década entre a desfeita que resulta da revolución de 1846 e o Banquete de Conxo de 1856, en honra dos mártires de Carral, primeira manifestación pública de que unha xeración nova xa se estaba formando»

En segundo lugar, cando María Xesús Lema aborda a primeira etapa compostelana da autora, resalta a importancia de encadrar á padronesa, como en xeral ao resto de figuras literarias que haberían protagonizar o posterior Rexurdimento galego, no contexto político do Estado español decimonónico, onde a lembranza e difusión dos principios da Francia revolucionaria serían enarborados por intelectuais liberais novos —agrupados no Liceo de la Juventud— como Murguía, Paz Novoa, Aurelio Aguirre, Rodríguez Seoane, Pondal, Angustias Luces, Josefa García ou a propia Rosalía. Cidadáns e cidadás que reclamaban maior liberdade nunha España dominada aínda polas estruturas do Antigo Réxime e que seguían devecendo por unha auténtica revolución demócratica. «Os anos composteláns de Rosalía de Castro —di Lama— comprenden unha escasa década entre a desfeita que resulta da revolución de 1846 e o Banquete de Conxo de 1856, en honra dos mártires de Carral, primeira manifestación pública de que unha xeración nova xa se estaba formando para ser dignos herdeiros daqueles aos que querían render homenaxe» (páx. 98).

É pois Rosalía unha persoa de conviccións políticas liberais —en aspectos mais relacionados coas desigualdades materiais, María Xesús Lama mesmo di que «protosocialistas»— e fortemente marcada polo Provincialismo de figuras como o revolucionario Antolín Faraldo, quen escribira aquilo de que Galicia se convertera nunha auténtica «colonia da corte».

Esta querencia pola liberdade e a aversión a toda forma de escravitude desenvólvese na obra de Rosalía, desde moi cedo, en todo o que ten que ver coa emancipación da muller

Unhas ideas redentoras do país que a autora acabará levando á súa obra literaria cando en 1863 a imprenta de Juan Compañel tire do prelo, escrito na lingua do pobo, Cantares Gallegos; obra reivindicativa do popular e coherente co espírito romántico que enchoupara a Primavera dos Pobos, na Europa de 1848, cuxo precedente foi, precisamente, o levantamento de 1846.

Pero esta querencia pola liberdade e a aversión a toda forma de escravitude desenvólvese na obra de Rosalía, desde moi cedo, en todo o que ten que ver coa emancipación da muller. María Xesús Lama debulla no seu ensaio a aparición da cuestión feminista nas primeiras obras publicadas pola autora, como o pequeno texo de prosa lírica de 1858, cuxo título, Lieders, servirá no futuro de apelativo cariñoso para se referir á autora na correspondencia entre Vicetto e Murguía. Nos Lieders rosalianos, a reivincación da liberdade creativa non se pode disociar da reivindicación da liberdade política.

Lama tamén se detén na riqueza de análise psíquica que desprega Rosalía na novela La hija del mar, onde a padronesa fai gala dunha gran capacidade para penetrar nos recunchos da dominación dentro do matrimonio e da súa degradación a través dun desmedido e depredador desexo sexual masculino; neste caso protagonizado, non por casualidade, por un comerciante de escravos. Así mesmo, na abordaxe doutra novela da primeira Rosalía, Flavio, o tema da opresión da muller nos enguedellos das relacións de parella aparece agora tratado a través da protagonista, Mara, personaxe que, como a propia Rosalía, representaría á muller letrada, culta e con ambicións de seu que chocará co muro de convencións na que se desenvolvían as relacións de parella da época.

O terceiro dos aspectos nos que a autora trata de desfacer tópicos, ten que ver coa relación entre Rosalía de Castro e Manuel Murguía. Cando aborda a etapa que Rosalía pasa en Madrid, onde finalmente coñecerá e casará con Murguía, María Xesús Lama presenta á poeta como unha muller de boa familia, cun talle alto e un rostro non exento de atractivo, fronte a un Murguía practicamente anano (parece ser que medía pouco máis dun metro trinta) de forte carácter e bohemio, que non chegaría a rematar —para enfado do seu pai e en prexuízo da súa futura estabilidade económica— a carreira de Farmacia; o cal nos dá información tanto sobre a independencia de criterio de Rosalía a respecto do que se converterá no seu esposo (pois non era Murguía o seu único admirador), como a respecto dunha sociedade que adoitaba facer mofa do dimorfismo, pouco habitual para os cánones da época, desta peculiar parella.

A revisión de Lama amosa unha Rosalía con ambicións literarias de seu, que xa contaba cunha rede de contactos e con certo recoñecemento previo á súa relación con Murguía

En consonancia con isto, a revisión de Lama amosa unha Rosalía menos dependente dos contactos e ascendencia que Murguía tiña en círculos xornalísticos e literarios de Madrid. Esta Rosalía, precisamente porque sempre fora unha muller con acceso a un alto grao de socialización, trátase dunha escritora con ambicións literarias de seu, que xa contaba cunha rede de contactos e con certo recoñecemento previo á súa relación con Murguía. Unha Rosalía, polo tanto, afastada do perfil creado polo seu marido —dentro da estratexia publicística deste— de identificar á escritora, enfermiza, lánguida, estática, desinteresada, coa Galicia sufrinte, postrada, que semellaba permanecer tan fóra do tempo como as súas paisaxes vizosas e pintorescas.

Porén, en paralelo a isto, a parella Murguía-Castro preséntasenos coma un tadem perfecto onde a creatividade da escritora e as dotes para a promoción literaria do intelectual conseguirán que as súas empresas se abran camiño tanto en Madrid coma no regreso a Galicia. Malia presentarse ao por veces invasivo Murguía coma unha sorte de manager da escritora, en ningún caso este conseguiría eclipsala. Antes ben, a relación entre Murguía e Rosalía aparece enchoupada —e así o revelan as súas cartas— dun gran cariño mutuo e dunha fonda compenetración e respecto intelectual.

Moi ben escrito, a lectura do ensaio asinado por María Xesús Lama flúe con naturalidade e constitúe unha experiencia gratificante que deixa no padal o devezo por ler o resto da biografía da gran poeta galega que publicará a investigadora, segundo ten anunciado, nun segundo volume no ano 2019.

Entrementres, ben paga a pena achegarse a esta primeira entrega dos cantos de independencia e liberdade de Rosalía de Castro.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail