Non somos tokens, espero

Aínda que a palabra token, un anglicismo que viría traducirse ao galego como «ficha» se a consideramos un nome e «simbólico» ou «testemuñal» se a tratamos como adxectivo, se emprega con bastante frecuencia no mundo das criptomoedas, dos bitcoins e da xente que considera que non estar intentando gañar cartos 24/7 denota falta de intelixencia, non é no único ámbito no que se utiliza.

Antes de que irrompera neste campo, a palabra usouna nos anos 60 o movemento polos dereitos civís da comunidade afroamericana nos Estados Unidos para denunciar que a inclusión da mesma na sociedade estaba a ser algo testemuñal, simbólico e non real nin transversal. O primeiro rexistro do termo atopámolo, de feito, no artigo de Martin Luther King: «The Case Against ‘Tokenism’». Desde entón, escoitámolo tamén para falar de personaxes tanto na literatura como na produción audiovisual que son secundarios, non teñen maior recorrido nin profundidade e que se recoñecen e definen única e exclusivamente por seren parte dun «grupo minoritario», sexa o que for. Son representacións suxeitas á mirada hexemónica da comunidade á que fan referencia e, máis que favorecer a súa inclusión, reforzan estereotipos e prexuízos e negan a diversidade dentro dela. Están presentes, si, pero como entes estáticos négaselles a oportunidade de evoluír. En South Park levaron esta caracterización á súa máxima expresión e teñen o personaxe Token Black, un rapaz cuxa función na serie é basicamente ser negro. As personaxes token serven, nin máis nin menos, como parapeto para que ninguén nos poida acusar de racistas, homófobos, ou de non representar a diversidade.

Dr. Martin Luther King Jr., dirixíndose a unha multitude cun megáfono en Roxbury, o 22 de Abril de 1965. (AP) ( via https://www.wbur.org/news/2018/01/15/mlk-memorial-in-boston).

Fronte á loita de grupos aos que se lles negou a inclusión ao longo do tempo, observo fascinada outro fenómeno no 2.0 que seguramente non sexa exclusivo del: o das persoas pertencentes a grupos sociais perfectamente incluídos e asentados na sociedade, mesmo dominantes, que se esforzan en Internet por achegarse o máximo posible a ser un token e non unha persoa real. Son quen de te deixar coa dúbida de se hai realmente un ser humano detrás das respostas completamente mecanizadas ou se, efectivamente, estamos interaccionando cunha personaxe deseñada por algún guionista para que a narración flúa sen que o acusen de deixar a ningún colectivo na sombra. Non é fácil distinguir se estamos ante a presenza dixital de alguén que tamén a ten física ou se son, como semellan, bots. E, para o contacto que adoitamos ter con eles, a verdade é que pouco importaría que fosen tokens ou persoas físicas de natureza tokenizada. Son xente con respostas predefinidas cara a determinadas cuestións, invariables e inmutables independentemente do contexto ou de calquera outro parámetro. En Twitter bautizáronos no seu momento como «Firstname Bunchofnumbers», xa que os seus nomes de usuario son a estrutura que seguen en moitas ocasións, e saltan como un resorte ante palabras clave como poden ser «feminismo», «Renda Básica Universal», ou «Irene Montero». A min, como inexperta á hora de diferenzar a intelixencia artificial da que non o é só a través da lectura, marabíllame a disciplina que teñen para manter un discurso calcado, tanto no fondo como na forma, e a dilixencia coa que o repiten contra vento e marea. Éme imposible saber se estou presenciando o rexedor dun concello menor que se acaba de encender por redes ou se detrás desa defensa furibunda dun máximo de tres teimas perfectamente delimitadas non hai ninguén máis que Firstname Bunchofnumbers.

(via https://twitter.com/reactjpg/status/1269536006421782528)

Se se ten un mínimo de conciencia sobre un mesmo, seu chisco de self-awareness quizais aderezada con algo de egocentrismo, non se pode evitar facer un exercicio de introspección buscando en nós algún trazo dese tipo de comportamentos cara aos demais. Serei eu a Firstname Bunchofnumbers de alguén? Lerame alguén e pensará «Firstname Bunchofnumbers if I ever saw one»? Estarei posta pola institución pertinente como elemento bisagra para que a narrativa de outra persoa siga a desenvolverse como corresponde? Pois claro que non, nin eu nin ninguén somos símbolos nen representacións. Somos individuos no sentido amplo da palabra. Coas nosas múltiples caras e estratos, coa profundidade que nos dá ser un ser humano. Somos contribuíntes, somos consumidores. A vida non está guionizada. A xente non é un token de nada. Espero.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail