Unha imaxe vale máis que mil palabras, expresa máis ideas, sentimentos, valores… dos que poderiamos desenvolver coa linguaxe. Non sempre é así, por sorte para a nosa saúde mental, mais algunha imaxes son verdadeiramente evocadoras ou provocadoras e fan ao noso cerebro producir interpretacións, reactivar conexións que nos moven por dentro. Evocadoras, cando remexen nas lembranzas que non sempre temos presentes no día a día, e provocadoras cando se contrapoñen a nosa visión do presente, do que pensamos que é a realidade ou do que é previsible/posible que suceda: dos estereotipos. Algunhas imaxes (moi poucas) teñen a capacidade de combinar esas dúas reaccións como ten esta foto, tomada ao fío da celebración do 40 aniversario do BNG, para un grupo importante de persoas e votantes.
É difícil saber dende fóra até que punto estaba preparada ou foi froito da casualidade ou da idea puntual dun fotógrafo (como parece pola peza de Europapress-tv), mais, polo menos para min, é un verdadeiro acerto de comunicación política simbólica. Porque enlaza co guión dos últimos discursos e entrevistas de Pontón e coa propia presentación do vídeo dos 40 anos que se fixo ese día. Un discurso inclusivo na súa ollada cara o pasado, «Todas as que estaban contribuíron», lonxe dun espírito sectario que pretenda eliminar as partes do pasado que non son doadas de ver, como ten sucedido outras veces. Non era esta a ollada a Riazor no 30 aniversario, hai 10 anos, poucos meses despois de Amio.
É difícil saber dende fóra até que punto estaba preparada ou foi froito da casualidade ou da idea puntual dun fotógrafo, mais, polo menos para min, é un verdadeiro acerto de comunicación política simbólica.
E inclusivo cara o futuro: «Todas somos necesarias no proxecto». Até as críticas que teño escoitado sobre quen falta na foto –ou quen sobra– parten da lectura común de atribuírlle un certo significado relevante, non banal e transcendente de recoñecemento ao pasado e de proxección cara o futuro. Moita carga para unha foto. Tamén é congruente esta interpretación co que Beiras dicía nunha entrevista hai uns días no Faro: «O que non teño pensado é apoiar unha opción española, malia que sexa de esquerdas. Xa non. Agora xa aprendín». Semella estar recoñecendo que esa idea de que non había forza abondo en Galicia e que había que contar coa esquerda española para un cambio político no país, fracasou e punto. E daquela, que ten pensado apoiar?
Do propio nome da campaña de celebración, «Setembro do 82, o nacemento da unidade do nacionalismo», podemos concluír que hai unha disposición da dirección do Bloque a facilitar confluencias. Nestes 40 anos, e antes tamén, as dinámicas centrípetas e centrífugas fóronse sucedendo no nacionalismo galego con diferente virulencia como unha constante. Igual non hai unha fórmula máxica para manter a unidade, para facela duradeira. Igual temos que contentarnos con facer produtivos politicamente eses procesos, eses momentos.
Nestes 40 anos, e antes tamén, as dinámicas centrípetas e centrífugas fóronse sucedendo no nacionalismo galego con diferente virulencia como unha constante. Igual non hai unha fórmula máxica para manter a unidade, para facela duradeira. Igual temos que contentarnos con facer produtivos politicamente eses procesos, eses momentos.
Estamos ás portas dun ano electoral, entre maio de 2023 e xullo de 2024, con municipais, xerais, europeas e autonómicas, no que varios factores favorecen o auxe do BNG e do nacionalismo galego. A reconciliación e a procura da unidade (sexa organizativa, programática ou mediopensionista) pode ser un dos fíos argumentais no discurso electoral do BNG. Xa temos comprobado que en política, con raras excepcións, a suma multiplica e a división resta.
Recoñezo que esa foto a min tócame, ilusióname. E aínda que agora estou moi lonxe da actividade militante, non podo evitar, como votante, agardar que esa conxunción de intelixencia, amor a Galicia e compromiso político que reúne, dea algún froito nos próximos tempos. O cambio xeracional moi visible na dirección nacionalista seguro que axuda a facelo.
Recoñezo que esa foto a min tócame, ilusióname. E aínda que agora estou moi lonxe da actividade militante, non podo evitar, como votante, agardar que esa conxunción de intelixencia, amor a Galicia e compromiso político que reúne, dea algún froito nos próximos tempos.
Malia todo, nós non podemos esquecer que obras son amores, que pasar das musas ao teatro é o máis complicado. Elas e eles non deberían esquecer que cando se frustran as grandes ilusións mobilizadoras, as votantes adoitamos caer na melancolía, terreo aboado ao populismo.
En fin, todo isto é un falar. Porque so é unha foto.