Covid-19: a loita desde dentro

Á hora de comezarmos a lembrar tantas e tantas vivencias ao longo destes días de intenso traballo nos hospitais e centros de saúde vennos ao acordo a viaxe de regreso emprendido pola goleta Hispaniola desde augas do Caribe e a terríbel tormenta que case devora o mozo Jim Hawkins e o resto da tripulación antes de fondear na baía de Fisterra. Ben o relata Xosé María Lema na súa Costa do solpor. O regreso da illa do tesouro (Xerais. Vigo, 2017). Di o refrán do mundo do mar que, «se vén chuvia antes do vento, arría con tempo», Tal como xa acontecera noutras crises sanitarias recentes, aquí quedámonos coa cantilena de que chegara primeiro o vento (así o viamos no sueste asiático) e, xa que logo, tampouco cumpría apurarse tanto, pois como noutras ocasións, o problema habería ficar aló, ben lonxe. Porén, o que tiña que vir, veu. De súpeto, o ceo quedou atoldado, refachos de vento repentinos arremetían contra nós e vimos como compañeiros e compañeiras eran arrastrados polas feras augas do vendaval e a duras penas outros lograbamos, coma Jim Hawkins, atado a un dos mastros, facer fronte ao Leviatán dos sete mares. Hoxe, como nunca, berramos alto e forte, tras a dura batalla: «All hands on deck! All hands on deck!»

Foi así como, entre todos, homes e mulleres do mundo da sanidade, fomos quen de saír adiante. Por moito que, en ocasións, a nosa goleta/centro sanitario puidera semellar un brinquedo; por moito que de socate, os refachos de vento comezaran a esgazar a vela cangrexa do noso navío deixando en evidencia o desleixo e falta de compromiso económico dos nosos armadores/autoridades sanitarias para nos dotar dos medios axeitados; por moito que en ocasións os embates violentos de auga cruzaran de lado a lado a cuberta e caera tanta choiva como auga había baixo o noso barco; por moito que así for, saímos adiante.

Os seres humanos vivimos aprendendo. Desde que nacemos, ata o feito mesmo de morrer, a nosa vida é unha aprendizaxe constante. Hai moito de racional nese proceso de adquisición de novos coñecementos. Formámonos para desenvolver os nosos traballos con rigor e coñecemento de causa. Pero o día a día vainos mostrando que, ou nos dotamos de habilidades emocionais, ou aprendemos a xestionar as nosas emocións, ou os equipos dos que formamos parte no mundo laboral non van funcionar ben por moi capacitados que esteamos tecnicamente. Ao longo destes meses experimentamos moitas situacións que nos aportaron grandes coñecementos que redundaron positivamente na nosa formación. Pero queremos prestar máis atención ás vivencias experimentadas ao longo deste proceso. Velaí a diferencia entre experiencia e vivencia: a aprendizaxe que nos deixa. Non abonda con identificar que logramos aprender, senón que tamén temos que identificar como interiorizamos ditas vivencias. Son moitas as leccións que nos deixa a crise da Covid19.

No plano colectivo, mostrounos que necesitamos un bo sistema de infraestruturas sociosanitarias públicas, unha adecuada dotación de profesionais para cubrir adecuadamente as necesidades asistenciais, recursos materiais e tecnolóxicos para un funcionamento correcto e, como non, fomentar a educación entre a cidadanía para que adquiran hábitos saudábeis. No plano persoal, a necesidade de afondar no traballo en equipo fortalecendo os lazos emocionais que recobren o nervio que mantén vivo o equipo. Mais chegar a este punto non foi doado para todas as mulleres e homes do mundo da sanidade. Houbo moitas situacións ben complexas que só cunha forza de vontade inmensa, que agromaba dunha vocación fortemente arraigada, puideron ser superadas. Por iso sentimos a necesidade de relatar algunhas das súas experiencias (a xeito de homenaxe) pero, sobre todo, coa pretensión de que o conxunto destas vivencias sirvan de lección para reflexionarmos, para extraermos conclusións de cara ao futuro.

«Non saber se estamos levando a casa un inimigo mortal e sentir a impotencia ao ver a outras persoas pasean pola rúa con total tranquilidade, mentres ti traballas en quendas incansables, con moito calor e medo»

A maioría dos homes e mulleres sanitarios comentan que o mais negativo das súas vivencias durante a pandemia foi o medo, a soidade, a incerteza e o enorme desgaste físico e emocional sufrido. Velaquí algúns exemplos: «O medo a que a situación empeorase facíate traballar tódolos días co corazón encollido». «Se a xente coñecese a situación que estamos a vivir nas UCI, tomaríase a pandemia moito máis en serio». «Non saber se estamos levando a casa un inimigo mortal». «Sinto impotencia ao ver a outras persoas paseando pola rúa con total tranquilidade, mentres ti traballas en quendas agotadoras, con moito calor e medo». Outrosí para a soidade: «Sentir a soidade dos pacientes e as súas familias loitando contra una enfermidade terríbel era demoledor», ou a incerteza, reflexo do medo: «Ansiedade, nervios de pensar se tería tocado algo que non estaba o suficientemente limpo, se tería tocado a miña cara sen me decatar, se me protexerá esta máscara». Pero tamén houbo momentos para o sentimento de frustración e de impotencia: «Quero facer ben o meu traballo, protexerme, coidar ben o doente; pero, ou ben no dispoño de material o no dispoño de un protocolo a seguir».

Todas estas situacións xeran un enorme desgaste, porque inicialmente o corpo adaptase e aguanta, pero logo veñen os problemas de insomnio, irritabilidade, depresión. Houbo escaso apoio emocional e nin tempo había para verbalizar as emocións ante a tremenda situación. «Todos tiñamos medo e tras unha noite na que morreran moitos pacientes, cheguei a casa, entrei na habitación e púxenme a chorar». Ou ver que «os pacientes falecían sen se poder despedir dos seus seres queridos». Todo isto é expresado moi ben por unha profesional que relata que «o mais complicado de xestionar foi o estrés, a falta de certezas sobre o coronavirus e o trato coas familias dos enfermos».

«El respirador pitaba, el monitor pitaba… Llegaba a casa, me estaba duchando y aún sentía las alarmas»

Noutro tipo de comentarios poderiamos encadrar as denuncias por estarmos obrigados a prestar asistencia sen dispor das medidas de seguridade imprescindíbeis para nos protexer (EPIs axeitados, máscaras FFP2, batas impermeábeis, proteccións oculares, etc.) e non recibir unha adecuada formación para atender este tipo de doentes. Ese sentimento é expresado a través de manifestacións como: «Estámonos xogando a vida ao traballar sen recursos suficientes nin suficientemente seguros, sabendo que temos compañeiros que morreron precisamente por iso», ou: «Estase a xogar coa nosa seguridade e coa dos nosos familiares«, ou: «O respirador pitaba, o monitor pitaba… Chegaba á casa, estaba a ducharme y aínda sentía as alarmas», ou: «a EPI afógame, non vexo ben porque as gafas embázanse coa miña respiración; tampouco podo respirar ben». Por non falar de persoal ocasional, xa curtido na concatenación de interminábeis contratos de un día tras doutro, tras doutro…, que agora tiña que sumar a tensión de poder levar o virus dun centro médico para outro e para o seu propio fogar.

É bo lembrar e compartir o que máis nos doe, o que máis encolleu o noso corazón. Debemos liberar esas emocións tan a ferro incandescente gravadas para que non se durman e esperten en calquera ocasión a xeito de pesadelo insufríbel. Tamén para que se saiban as condicións nas que traballamos por moito que agora se queira aparentar que somos a repanocha e haxa quen queira presumir coma un cativo con zapatos novos o día da festa: como se fora o chico guapo dunha mala orquestra que nos vai engaiolar cun par de cancións melosas.

Pero tamén hai aspectos positivos: a satisfacción polo deber cumprido, ver como se van recuperando moitos pacientes, a capacidade de autoorganización e o ambiente de camaradería entre os equipos sanitarios. Quizais nestas vivencias fiquen perfectamente recollidos eses aspectos: «Sentir o apoio de tanta xente todos os días e ver como todos remabamos na mesma dirección foi, sen dúbida, moi emotivo», ou: «A dificultade de traballar nunha área diferente e cunha enfermidade descoñecida  foi compensada co traballo en equipo; foi o máis positivo da crise», ou: «O máis reconfortante era o remate de cada xornada de traballo e a sensación de satisfacción polo deber cumprido». A todo isto hai que engadir que numerosos profesionais manifestan que estas vivencias serviron par facelo mellor persoa e mellor profesional. O grado de satisfacción con un mesmo, o grado de satisfacción coa pertenza a un grupo (neste caso de traballo) que funcionou de xeito coordinado sumando esforzos, non competindo nin obedecendo cegamente, repercute positivamente na autoestima e no sentimento de pertenza a un colectivo.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail