«O Eurogrupo é unha besta interesante, o órgano que toma as decisión más importantes… Reúnese en torno a unha gran mesa rectangular». Quen describe deste xeito o encontro dos ministros de Economía da zona Euro é o antigo titular das finanzas gregas, Yanis Varoufakis, no seu libro Adultos na sala. A miña loita contra o profundo establishment europeo.
Ao longo de máis de 500 palabras, o economista estrela de rock amosa a súa visión do acontecido durante o longo primeiro semestre de 2015, cando o Goberno de Alexis Tsipras tentou negociar novos termos de asistencia financeira (ou rescate imposto) por parte dos socios europeos para romper coa austeridade que impoñían Bruxelas e Berlín. O parágrafo ilustra o funcionamento do engrenaxe europeo: gobernadores de bancos centrais, representantes do FMI, políticos -con especial relevancia se veñen de Alemaña ou Francia-, e representantes da Comisión Europea. Un formato que acada a máxima potencia se hai Cumio, a reunión dos xefes de Estado ou Goberno.
Estas negociacións sobre as políticas da UE que nos afectan a todos desenvólvense a porta pechada, sen cámaras ou grabadoras que as rexistren. No canto de diario de sesións hai asesores, escollidos funcionarios europeos e tradutores, porque non todos dominan o inglés ou francés para manifestar a posición do seu Goberno sobre unha cuestión particular, ou entender a do veciño. Así que ao final, en Bruxelas todo, ou case todo, se filtra e remata por coñecerse. Tanto, que ata vemos fotos dos menús que degustan os nosos políticos. Ñoquis con noces, abadexo afumado con emulsión de queixo parmesano, faisán con champiñóns, pera e amorodos e de postre piña fresca. Este foi o dun cumio onde a primeira ministra británica, Theresa Mai, hai uns meses se enfrontou cos seus colegas europeos polo Brexit. Nun receso doutro cumio sobre o Brexit, Mariano Rajoy e o seu equipo aproveitaron para subir unhas pizzas ata o edificio onde estaban reunidos.
«En Luxemburgo demos a benvida a decenas, miles de inmigrantes italianos, que chegaron como migrantes para traballar e así vostedes puideron ter diñeiro, en Italia, para alimentar os seus fillos»
Tamén sabemos que Varoufakis, aínda que nós os xornalistas prefiramos gardalo para as nosas batallas, case rematou a labazadas con algún ministro europeo cando Grecia estivo a piques de ser expulsada do Euro. Varoufakis tivo a ousadía, recoñecida por el logo de abandonar o Goberno heleno, de grabar co seu móbil partes das discusións naquelas reunións do Eurogrupo. E ameazou con publicar os berros. Portas pechadas, 28 altos políticos diante dunha mesa, representantes doutras instituciones, segundo sexa a reunión e tema a discutir, e asesores. Así se xoga no establishment europeo, mais cara fóra sempre se informará de avances e encontros positivos. Se non acatas as reglas eres un paria, un outsider, como Varoufakis.
A reflexión e a lembranza do acontecido vén a conto pola última filtración dunha discusión interna entre ministros que amosa a fenda que parte ao continente. Velaquí o acontecido este pasado venres en Viena, onde se atoparon ministros de Interior e Exteriores para falar sobre política migratoria.
De novo unha mesa alongada, sen pratos servidos, o que quizais explique o nerviosismo. Ou mesmo pode ser a luz hortera escollida polo anfitrión, o Goberno austríaco. O ministro de Interior italiano, Matteo Salvini, facía unha loubanza de como frean a inmigración irregular nas súas costas. Dicía con estas palabras: «escoitei a varios colegas dicir que cómpre a inmigración polo envellecemento da poboación europea. Eu teño unha perspectiva completamente diferente. Quizáis en Luxemburgo teñan esa necesidade mais en Italia sentimos a necesidade de axudar a que os nosos mozos sexan pais e non a de obter novos escravos para remprazar os bebés que xa non temos. Así que estamos absolutamente dispostos a falar con todos…».
E de súpeto comezouse a escoitar… «allez, allez, allez…ah»-, en francés un «veña, veña, veña eh» en tono reprobatorio. Salvini, quen non ten por costume ser interrumpido no seu país, xirou o pescozo buscando a persoa que estaba a remoer polo baixo. Era o socialista luxemburgués, Jean Asselborn, cos cascos postos. A tradución ía uns segundos por detrás e, ao escoitar esa asociación, Asselborn, home de carácter, ergueu primeiro a mirada cara os seus compañeiros e logo ollou para Salvini mentras censuraba as verbas con ese allez.
O italiano calou sen entender o que estaba a acontecer, botou unha ollada e afirmou que estaba a responder «con calma» a puntos de vista que non compartía. Dispara de novo: «se en Luxemburgo estades necesitados de novos inmigrantes, eu prefiro axudar a que os italianos teñan fillos». A Asselborn quentáronselle entón os fuciños. É home de carácter e unha quinta parte da poboación luxemburguesa ten orixe portugués pola inmigración vivida dende os 70. A italiana tampouco che é pouca cousa.
«En Luxemburgo, querido señor…», encende alterado o seu micro e tira os cascos, «…en Luxemburgo demos a benvida a decenas, miles de inmigrantes italianos, que chegaron como migrantes para traballar e así vostedes puideron ter diñeiro, en Italia, para alimentar os seus fillos», espeta Asselborn para rematar cun «merde alors», o clásico «ao carallo».
Pequenos sorrisos, facianas de sorpresas, bochorno ou complicidade… Un bolígrafo que sae voando e Salvini que morde o labio para rematar reprochando que a educación non é igual en todos os sitios de Europa. Quizais, preferiría empregar outra dialéctica. Recoñéceo en privado un diplomático dun país europeo, «a situación é moito peor que na crise grega… a UE está moi mal». E logo queixábanse de Varoufakis.