Griezmann en Monte Pío

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Yo solo quiero saber hoy
Si me quedo o me voy
Hay veces que no puedo más
Siento que llega el final
Pero quiero saberlo hoy
Si me quedo o me voy

Los Fabulosos Cadillacs versionando «Should I stay or should I go»

A rotunda percusión do «The drum» de The Siege resoa con forza mentres a cámara se move polo exterior da residencia oficial de Monte Pío. De súpeto, estamos dentro e Alberto Núñez Feijóo olla fixamente cara a nós nun primeirísimo primeiro plano. «Estaréis hartitos por los comentarios que dicen si me voy, si me quedo… pero la verdad es la que voy a decir ahora». Dío así, en castelán, consciente de cal é o público ao que se dirixe. Sobreimpresionado, aparece o nome da canle e o día en que se vai emitir Feijóo: A decisión.

Tras tantas semanas de incerteza, a aparición dese vídeo –en realidade, un anuncio do documental– na conta oficial de twitter do presidente da Xunta supuxo toda unha revolución. Despois do de Griezmann, ninguén podía pensar que o líder do PPdeG utilizaría tamén ese método para anunciar cal sería o seu futuro: se aceptaría a oferta de loitar pola sucesión de M. Rajoy ou ben seguiría sendo o pichichi e o xogador franquía dos populares galegos.

Hoxe, en Luzes podemos adiantar catro escenas do documental antes da súa emisión. Ollo: SPOILER ALERT.

ESCENA 1.- Monte Pío. Vestíbulo.

Alberto está sentado nas escaleiras. Viste cun estilo casual, arreglado pero informal. Os brazos cruzados apoiados sobre os xeonllos.

– Dáche medo tomar unha decisión e que non sexa a correcta? –pregunta unha voz en off.

– Non –responde, aínda que non hai excesivo convencemento no seu ton–. Non, porque sei que a decisión que tome vouna tomar ao cento por cento, como fixen cando marchei con Romay ao Insalud, cando decidín volver para ser conselleiro… E non me vou arrepentir de ningún modo.

ESCENA 2.- Monte Pío. Salón.

Feijóo está sentado no chan, co mesmo chándal que pon para correr, acompañado dun figurante, nas xornadas de reflexión. Sobre os xeonllos, un exemplar de La Voz de Galicia coa súa foto na portada. Na man ten un teléfono co altofalante conectado, do que sae a voz da secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra. Feijóo escoita reflexivo, coa mirada perdida e xogando coas páxinas do xornal…

– En Xénova dixéronme que é normal que che tire seguir aquí porque es o líder indiscutible do partido en Galicia, tes o Goberno da Xunta, maioría absoluta e o control dos medios de comunicación; pero, así, nunca poderás chegar á  Moncloa. Se vas a Madrid, non terás nada diso nos vindeiros anos; no entanto, alí acaban de perder o Goberno pola moción de censura e queren recuperalo contigo á fronte. Tes as dúas opcións, así que pensa que é o mellor para ti. É certo que non é doado, pero agora contas con toda a información. Coido que cho dixen todo…

ESCENA 3. Coche oficial. Asento posterior.

– Flipaches un pouco coa reacción de Rajoy? –inquire de novo a voz en off–. Ao ir verte á túa casa e todo iso…

Feijóo recoloca os lentes no nariz.

– Si… Tiña que vir só Alfonso (Rueda) e, cando baixo abrir, vexo a Mariano. «¿Qué haces aquí?». Dime: «Vamosh a charlar un poquito…». Falamos; víranme tan fodido que viñeron darme ánimos e falar un pouco tamén.

– Deuche paz?

– Enfrioume, porque eu estaba moi quente despois de todo o que pasara (a última sesión de control no Parlamento xirara unicamente sobre o seu hipotético futuro: a oposición acusárao, entre outras cousas, de usar a Galicia como «sala de espera»; mesmo Leiceaga lle preguntara se, como Marta Sánchez, podería cantar «Soy yo, el que sigo aquí»).

ESCENA FINAL: Un letreiro sobre fondo negro advírtenos de que Alberto tomou a súa decisión na residencia oficial o día antes de que abrise o prazo oficial para presentar as candidaturas ao congreso do PP. Comeza a soar «God’s plan» de Drake (Yeah they wishin’ and wishin’ and wishin’ and wishin’ / They wishin’ on me, yuh…). A voz en off pregunta:

– Que decidiches…?

Funde a un primeiro plano de Feijóo, pensativo. Empeza a falar mirando cara a abaixo pero, cando remata, hai un brillo de convencemento nos seus ollos que non viramos antes.

He decidido marcharme a Madrid– responde, empregando de novo o castelán.

A música volve subir (I been movin’ calm, don’t start no trouble with me…). É de noite e Feijóo, vestido de traxe, está na rúa. A súa silueta é o único que se distingue baixo a escasa luz dos farois. O seu rostro está serio, ollando á fronte. A cámara xira ao ritmo da música. A montaxe acelérase e, por fin, vemos o que está a fitar: a fachada de Xénova 13, na que destaca o logotipo iluminado do Partido Popular.

A cámara retorna e ofrécenos de novo a faciana de Feijóo. Por primeira vez en todo o documental, vémolo sorrir de felicidade. A música sobe e…

FIN…?

Pois tampouco volo podo xurar. Polo que averiguamos, a produtora (unha das subcontratas de Jaume Roures) seguiu tamén o camiño marcado por Griezmann e, segundo as malas linguas, polo que fixera o Campechano o 23-F: é dicir, gravar dous finais distintos. Un, este –ao que tivemos acceso– no que Feijóo marcha; e outro no que queda na Xunta, traspasa a presidencia antes de que remate a lexislatura e marcha a un consello de administración.

Cal dos dous será o elixido? Ata o mesmo día da emisión, iso só o sabe o propio Alberto.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail