Tintín no ceo europeo

Quizais sexa unha das imaxes fermosas que nos deixan estes días de desescalada. Non está chea da tenrura e calor humano dos aplausos aos enfermos que superan a Covid-19, tampouco son as primeiras visitas e agarimos a distancia cos que sacar sorrisos aos nosos maiores, nin as facianas de ledicia e satisfacción dos hostaleiros ao abrir de novo os seus bares e restaurantes vendo unha lixeira luz na crise económica galopante. Que Tintín volva despegar de Bruxelas é todo un símbolo de liberdade para Europa.

Impresos no lombo da aeronave de Brussels Airlines, Milú e Tintín están dentro do submarino do Unicornio e ollan o fondo mariño con peixes e rochas. Tamén un continente ferido que saca a cabeza fóra da pandemia como faría un naufrago para respirar. O sorriso inocente do personaxe e a ollada curiosa do can non saben o que teñen diante, centos, miles de persoas con máscara, guantes e pequenos botes dun líquido transparente a agardar por eles como salvadores.

Tíntín na cidade eterna, Tintín e a french conection de Marsella, Tintín voando a destinos turísticos europeos e levando miles de viaxeiros belgas e emigrados europeos. Tintín, que tanto corría nos seus cómics, é agora o protagonista da carreira europea polo turismo, a carreira polo sol contra a crise da Gran Reclusión.

«Levámoste ao fogar de Tintín», di o avión da antiga aeroliña de bandeira belga, hoxe propiedade do xigante alemán Lufthansa, rescatado nesta crise con moitos miles de millóns de euros públicos pola «comunista» Angela Merkel. De seguro que no canto de Bélxica os pasaxeiros desexaban ir moi lonxe, sans e salvos de virus. Cara a outro lugar do continente, dá igual se ao chegar non hai chocolate que comer nin cervexa que beber, nin paseos en bici pola costa do Mar do Norte ou longas promenades nos bosques das Ardenas.

Escapan dun país afortunado xa que agora pode recibir viaxeiros europeos, coa excepción dalgúns socios como España, Grecia ou Chipre. O movemento é nas dúas direccións, que tampouco son moitos os italianos que nestas datas veñen ata aquí ao norte europeo podendo gozar das augas do Adriático, e son miles os que marchan de Bruxelas. O que procuran París e Roma é atraer os cartos dos belgas no comezo da tempada turística.

Este movemento norte-sur, sur-norte lémbrame ao visto en Nova York cando o furacán Sandy. Na cidade acostumada a ver baixar dende os confíns da illa os  traballadores de colar azul para repartir cafés, recoller o lixo e limpar as tendas. De súpeto, grazas á natureza, os yuppies de Wall Street fuxían cara o norte, onde había luz, auga e non estaba todo asolagado. Ollo que non fose un adianto do que pode chegar co cambio climático.

Mais retomemos a Europa da pandemia, a que comeza a esquecer a Covid-19 e onde son miles os cidadáns que se botan á rúa, terrazas e bares, praias e parques para gozar do inicio do verán e esquecer os meses pechados nas súas casas. A liberdade individual e os intereses económicos impóñense aos controis sanitarios e á precaución persoal.

Veremos se cando chegue o outono, ou antes se é que fallan os controis sanitarios nalgún aeroporto e as medidas de limpeza e protección hixiénica nas mastodónticas instalacións hoteleiras da costa europea, non hai un importante brote do virus nalgures e cómpre dar marcha atrás ás présas en todo o avanzado.

Polo de agora, das máis de 4.000 persoas que no aeroporto do Bruxelas deberon superar a medición de temperatura corporal só unha amosou síntomas de coronavirus. Agora non chega con cruzar o escáner de obxectos «perigosos», comproban tamén que non pasamos dos 38 graos. Se estamos moi quentes, illarannos para nos facer máis preguntas e test. É o novo requisito para subir a un avión, é a nova realidade na que Tintín volve voar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail