«Este cochino Gobierno»

«En la boca oscura de un callejón, pintada y con flores en el pelo, asomaba una mujer:
-Las coplas no son delitos mayores, y hay que tener otro miramiento».

Para que serve a literatura? Unha das respostas que máis me convence é a de que desvela o que non está «ben visto». Iso de estar ou non «ben visto» xa sabemos que ten dobre sentido. Algo non está «ben visto» porque está oculto. Ou non está «ben visto» porque resulta perturbador. Ou as dúas cousas a un tempo.

O suceso dunha obra pode explicarse porque, de súpeto, ilumina unha zona escura. E velaí están, de grande e recente suceso, con xéneros e asuntos diferentes, a novela Patria, de Fernando Aramburu, e Fariña, de Nacho Carretero, que respondería á natureza do «novo xornalismo» para entendérmonos.

Teñen en común que enfocan dúas zonas de escuridade e tamén que permiten escoitar voces nunha espesura de silencio.

Mais logo están esas obras que emiten luz continuamente. Pode mudar o contexto histórico, o atrezzo da época,  mais semella que o que estamos a ler está escrito para antes e despois, que ese foco viradoiro vai reflectir xusto a inquedanza que estamos. Que conxugan nun tempo verbal que o historiador Josep Fontana denomina «un presente recordado».

Así que o que eu non entendo é como non anda esta tempada en boca da xente, de man en man, nos suplementos literarios, de primeiro nas listas, o Ruedo Ibérico de Valle-Inclán. Fálase moito de «esperpento», está moi agora na xiria dos políticos, mais o que tiñan que ler, e non se le, é o Ruedo Ibérico. Cada cousa que acontece neste tempo de «modernidade retrógrada» e «moderantismo reaccionario», ten aí o seu capítulo, a súa perfecta estampa. Por dar un só un apuntamento, vexa como se trata no capítulo XV do Libro Noveno de La corte de los milagros, o caso dos xuízos aos rapeiros:

«En la boca oscura de un callejón, pintada y con flores en el pelo, asomaba una mujer:
-Las coplas no son delitos mayores, y hay que tener otro miramiento.
Parrondo (el guardia) se volvió al tabernero:
-¡Crisanto, declara tú si este sujeto no ha faltado a la moralidad pública!
Desde la boca oscura del callejón, respondió la sombra florida:
-¡Hasta con los cantares se mete este cochino Gobierno!
Crisanto levantó una mano grande y apaciguadora:
-¡Parrondo, hay que ser más ecuménico!».

Pois iso. A ter outro miramento e a ser máis ecuménicos.

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail