Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Prezado señor presidente da Xunta, diríxome a vostede para, como xa teño feito nalgún artigo, agradecerlle o seu silencio das últimas semanas, cando foi o único dos líderes dos partidos políticos galegos que non me apoiou en público na miña loita contra a depresión; cando a difundín para axudarme a min mesmo axudando aos demais. Agradézollo aínda sabendo que nun cálculo político atinado era o único que podía facer, porque atacarme non sería nada aconsellable e, ao dicirme algo, arriscábase a unha reacción brutal da miña parte.
Estamos a falar dunha enfermidade terrible que, segundo todos os indicadores que se dispoñen e ao dicir dos mellores especialistas que coñezo en Galicia e Catalunya, alcanza no noso país os niveis máis altos do Estado debido, disque, á falta de luz. No norte de Europa hai máis suicidios que no sur, polo seu clima. E na península ibérica pasa o mesmo, con Galicia á cabeza, seguida de Asturias.
Agradézolle que non dixese nada, nin pola vía directa nin a indirecta dos seus resortes mediáticos. Unha mensaxe de ánimo teríame posto ante unha situación imposible, pois respecto moitísimo o seu cargo, obtido nunhas eleccións democráticas que, como dixo o meu estimado profesor Pedro Puy no debate de investidura, tiveron uns resultados que non foron contestados por ninguén. Eu como politólogo e comunicólogo, seica condicionado pola particular situación que padezo desde 2016, podo ter reservas sobre as pouco acaídas condicións de igualdade de oportunidades no que atinxe ao tratamento e acceso aos medios de comunicación coas que se foi ás urnas, mais non deben ser moi importantes, porque case ninguén máis reflexiona sobre isto. Para min vostede é o presidente lexítimo do meu país, sen ningunha dúbida.
E agora mesmo penso que o fundamental é a pandemia. Vostede ten nas súas mans a vida de 2,6 millóns de galegos, entre os que está a muller a que máis quero no mundo, a miña nai, que ten 75 anos, vive en Lugo, e é persoa de risco, relativo entendo. E tamén as dos pais da miña compañeira sentimental, moito máis maiores e con máis perigo.
Saiba que desde hai dous meses eu estou por orde facultativa desconectado da actualidade e xa non domino os datos da pandemia. Vin, sen querer, unha suba dos falecementos en Galicia que me preocupou aínda que non saiba poñela no contexto do Estado. Dixéronme tamén que as cifras de Galicia seguen a ser das mellores. Segundo vostede é pola súa xestión, segundo eu tamén porque o bicho veu en tren, tardou en chegar, hai un espallamento da poboación importante, a xente é guiadiña, hai pouca xente nova para facer de vectores involuntarios e pola sorte, entre outros moitos elementos. Oxalá sexa pola súa xestión e esteamos blindados.
Malia a carraxe que sinto pola inxustísima persecución que sufrín nestes anos desde a Secretaría Xeral de Medios, e que me leva a pensar na miña marcha de Galicia, gustaríame ter a altura de miras de Rui Rio, o líder do PSD portugués, o partido irmán do PPdeG, para dicirlle que ten o meu apoio na loita contra a pandemia, pensando en todos os galegos, pero sobre todo na miña nai.
Sería un cínico e un hipócrita se non afirmase que vostede me ten decepcionado moi profundamente como persoa e como líder do PPdeG. E, a título individual, como xornalista con 30 anos na profesión, sen facelo en nome de ningún dos medios cos que colaboro, teño que lle pedir que cumpra minimamente o artigo 20 da Constitución Española, o que garante o dereito á información e á liberdade de expresión. Polo menos debería volver aos tempos anteriores a 2016, os de antes da viraxe que fixo nacer o glorioso movemento Defende a Galega da TVG e da Radio Galega, en resposta a unha manipulación intolerable incluso para os usos tradicionais en Galicia, nos que desgraciadamente o bipartito de PSOE e BNG non fixo o cambio que prometera.
Eu non quero volver aos medios públicos, a padecer o acoso laboral na TVG que tanto dano me fixo. Eu teño o meu futuro enfocado cara Catalunya. O que sufrín estes anos en Galicia non é para nada a razón do meu afundimento e das miñas depresións, que son moi anteriores, de tempos nos que eu non sabía nin que vostede existía. Pero desde logo o trato pouco humano destes anos non axudou ren. Si que lle solicito, desde a miña insignificancia, que normalice a situación dos medios públicos, que abra unha negociación con todas as formacións políticas e con Defende á Galega, e que se remate co ostracismo que sofre a miña irmá de padecementos Tati Moyano. Son peticións ao presidente do PP, non ao da Xunta, porque a este segundo o que lle dou é o meu apoio total para loitar contra a pandemia.
Anxo Lugilde Pardo
Sant Feliu de Guixols, 16 de novembro de 2020
Servizo especial non suxeito a remuneración, no marco da terapia médica
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán