A foto da semana no Parlamento de Galicia foi, sen dúbida, a das deputadas do PP lucindo animal print. Rebobinamos. Hai uns días, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, criticou o «aspecto de leopardo» co que a súa compañeira Elena Candia encabezara unha manifestación ante a sede do ente provincial. Tomé foi máis aló e dixo que Candia «daba a imaxe do vaqueiro americano que entrou no Capitolio en Estados Unidos».

Seguro que lembrades o autodenominado Yellowstone Wolf, o tipo co gorro de xamán con pelo e cornos, o peito descuberto e a cara pintada coas cores da bandeira gringa. A súa estampa oubeante deu a volta ao mundo e mesmo se converteu en fugaz icona sexual.
Con ese referente no maxín, busquei a imaxe da presidenta dos populares lugueses e teño que admitir que levei unha inmensa decepción. Resulta que o único de leopardo que levaba Candia eran un fular e unhas botas. Agás para os ollos de Tomé, ata podiamos considerar que ía discreta. Xa non digo se a comparamos co xamán cornudo…
Pero iso é o de menos porque –discreta ou non– a popular, coma calquera outra muller, ten dereito a vestir o que lle pete sen ter que escoitar comentario ningún (comentarios que non oíron o resto de manifestantes, a maioría deles masculinos). E isto, e non o noso criterio estético persoal, é a auténtica clave. Un exemplo moi claro: cando ao profesor da USC Luciano Méndez o poñía nervioso o escote dunha alumna, o debate non podía ser o tamaño do escote, senón o comportamento do profesor. Pois, aquí, outro tanto do mesmo. Como se Candia decidise manifestarse vestida como Cheetah (que non é a mona de Tarzán, senón a archienimiga de Wonder Woman, como saberedes os que vistes o segundo filme).
O PPdeG –que para estas cousas ten un auténtico talento– axiña descubriu que aí había un filón. Primeiro púxolle animal print ao seu avatar de Twitter pero reservaba a mellor sorpresa para o pleno do Parlamento. O martes, todas as deputadas –e ningún deputado, shame on you!– acudiron vestidas de leopardo ao Pazo do Hórreo. A súa foto, posando fachendosas nas escaleiras, pedía a berros un titular en maiúsculas: WAKANDA FOREVER!
Encántame que a bancada popular se apunte a esta postura decidida en defensa da muller… Chapeau! Nunca é tarde, pero mágoa que deixasen pasar outras oportunidades previas. Por exemplo, cando o alcalde de Vilanova, o popular Gonzalo Durán, se referiu á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, como «a chacha para todo do ancián Abel Caballero». Igual, daquela, ter asistido a unha sesión con cofia, mandil e plumeiro deixaría clara a súa sororidade (de xénero e mesmo de clase). A menos, claro, que estas reivindicacións teñan como liña vermella o carné do partido, o que sería unha mágoa. Dende o BNG xa lles amosaron que a solidariedade feminina pode –e debe– ser transversal. E Durán, ao contrario que Tomé, non só non se desculpou, senón que se reafirmou nas súas palabras.

Pero, sobre todo, eu agardo que isto non sexa un simple postureo político do estilo Javier Maroto. No seu día, o que fora orgulloso veciño de Sotosalbos quixo vender como homofobia as acedas críticas que recibiu tras a voda co seu noivo, cando en realidade o que se estaba a denunciar era a hipocrisía que amosaba un cargo do mesmo partido que levara o matrimonio homosexual ante o Tribunal Constitucional.

Gustaríame pensar que o cambio é real, pero non nego que teño as miñas dúbidas. Xa dicía o profeta Xeremías que un leopardo nunca perde as súas manchas.
Se o saberei eu, que algo son da familia (da de Leo, non da do profeta).
PD: Ese mesmo día, a Cámara galega aprobou por unanimidade a proposta do Bloque para incluír na Lei de Violencia de Xénero a violencia vicaria, aquela que o home exerce contra a súa parella a través dos fillos. Alén de postureos máis ou menos efectistas –que, como a Shania, non nos impresionan demasiado–, imos avanzando…