A Coruña, un espazo sen fala

As cidades son un corpo en transformación continua. Todo pode mudar. A súa economía. As súas fronteiras. A súa poboación. Mais, desafortunadamente, moitos deses cambios non emerxen da reflexión acougada de quen as habita senón dos arroutos de quen as goberna. Acotío, como se non nos afectase, descansamos noutros a decisión de en que cidade queremos vivir. A ruta do desleixo condúcenos ao feísmo. Os cambios precisan debate e acordo. A Coruña é actualmente unha desas cidades que ten que delourar o seu futuro. Como Bilbao antes de se transformar no que hoxe é. Antes de que a cultura ocupase os seus vellos peiraos industriais.

A Coruña é unha cidade con pulso. A afouteza do seu tecido social descansa na súa diversidade e na identificación co chan que pisa. A cidade enfróntase neste momento á posibilidade de transformar o seu lado máis vulgar e degradado e recompor a súa fachada litoral. A cara máis longa da cidade. O traslado ao Concello de Arteixo dos peiraos que tanto comprometeron a súa  configuración económica e social representa a oportunidade de abrir un debate, unha conversa transversal e múltiple, para pensar o que quere ser. Pero iso esixe evitar que o debate actual, a transcendencia do que se está a decidir, sexa secuestrado polo ruído e o conformismo. Por rifas que arrendan á cidadanía daquilo que lle pertence.

A Coruña enfróntase neste momento á posibilidade de transformar o seu lado máis vulgar e degradado e recompor a súa fachada litoral. A cara máis longa da cidade.

A oportunidade de recompor cunha estética nova o seu lado máis industrial (dende As Xubias aos Cantóns) precisa que no confronto de ideas participen os arquitectos, os paisaxistas, os economistas, os sociólogos, os medios de comunicación, as asociacións de veciños… para que a cidadanía teña a primeira e a derradeira palabra. A cidade é dos que a pisamos e necesita para se desenvolver, para construír un futuro humano e singular, voces imaxinativas e ambiciosas. Ilusións e proxectos. O porvir segue pendente da apertura dun debate colectivo que evite unha nova desfeita. Un novo arrouto de vulgaridade e mal gusto. Sen condutor non hai debate. As administracións, unha vez máis, están mergulladas nunha rifa que non chega á cidadanía. A renovación da fronte litoral abre a opción de deseñar e desenvolver un espazo máis social, máis participativo e máis respectuoso coas tradicións e os azos da cidade. As consultas cidadás, mesmo a que comprometeu o alcalde Xulio Ferreiro hai pouco, precisan argumentos que convertan o voto nun pulo de ilusión.

Hai días inaugurouse en Madrid a primeira edición da feira Work in Process adicada a facer converxer os procedementos que nalgunhas cidades europeas se seguiron para materializar as súas ambicións urbanísticas e culturais coa participación da cidadanía. Tabakalera (en San Sebastián), Mediolab Prado (en Madrid)… forman parte do programa europeo Collaborative Arts Partnership Programm (CAPP) e cada un, dende a súa posición e cos seus propios recursos e debates de ideas, tentan edificar no corazón das súas cidades alternativas urbanísticas salientábeis e singulares. Non é sinxelo. Menos aínda nun país, como o noso, tan tendente a engrandecer as fendas da diferenza e abafar as esperanzas. Pero A Coruña non ten outra opción para se reconciliar coas súas condicións naturais. O feísmo, sabémolo ben, sobrevive aos que lle dan forma e o consenten.

Un dos guieiros que explican dende a Península de Canide (en Oleiros) á baía da Coruña recorda que a cidade tivo catro castelos. Hoxe só queda en pé o de San Antón. Un amigo meu propón recuperalos. Reconstruír a historia para reconciliarse co futuro. Pero hai moitas máis opcións. De seguro que máis atinadas. O debate esixe altura e ambición. Algo que a política actual non ten. O espazo adicado a vivendas, nunha proporción razoábel e afastada do mar, non é o problema. As transformacións urbanas máis salientábeis dos países nórdicos e dalgunhas cidades holandesas e alemás souberon tecer espazos estéticos e de convivencia, de vivendas e servizos, atractivos e singulares.

A dificultade é que no canto dunha pantalla atractiva, como en Estocolmo, Rotterdam, Bilbao ou Londres, aceptemos a escultura mercantilista que o secuestro do debate quere edificar na fronte máis visíbel da cidade. Antes que ferramentas xurídicas (acordos bilaterais, consorcios públicos…), precisamos o debate e as aportacións da cidadanía máis lúcida, experta e ambiciosa. Todos os que queiran. Algúns levamos máis de dous anos agardando por el. O contrario é o vazquismo: o culpábel do secuestro que sigue impedindo que a cidade engrandeza a singularidade do seu perímetro.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail