Tente quieto Alberto, segundo aviso

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Un mes despois de que llo contaramos aquí, en rigoroso directo e en exclusiva para luzes.gal, os preclaros xornalistas de Madrid veñen de descubrir que O Noso Alberto está de novo no camiño da sucesión e a «Feijóo2018 Sucession Tour» vai lanzada. A sesuda entrevista concedida a Jordi Évole para preguntarlle o que uns poucos lle levamos preguntando unha década, co mesmo escaso éxito, acaboullo de confirmar. A prensa española é así, persegue a noticia e non para até confirmala como é debido. 

Non imos repetirlle o que xa lle dixemos no primeiro aviso, movidos por unha xenuína preocupación pola súa saúde política. Se O Noso Alberto ve que O Noso Mariano dá síntomas de fatiga e se nota con folgos para aguantar na pira sucesoria case dous anos, adiante cos farois; doutores ten a Igrexa. Ernest Shackelton tamén estaba convencido de que podía coa Antártida e a Antártida puido con el, pero deixou para a historia un verdadeiro manual de liderado coa historia do Endurance. Fracasar tamén pode ser bonito e está claramente infravalorado. 

Esas fotos acabaron case con toda posibilidade de ser sucesor e nin van desaparecer, nin se van esquecer. Precisas o apoio incondicional de O Noso Mariano e un milagre

Tratar de branquear a imaxe de coleguiña de Marcial Dorado nunha entrevista en Salvados é unha xogada astuta pero, como xa puideches comprobar, a cousa non se resolve con evasivas e poñéndose tenso. E vancho seguir preguntando tan pronto cruces Pedrafita. Ninguén se debe de atrever a dicircho así que dígocho eu, que te aprecio: esas fotos acabaron case con toda posibilidade de ser sucesor e nin van desaparecer, nin se van esquecer. Precisas o apoio incondicional de O Noso Mariano e un milagre, e en política non abundan.

Se tratas de conseguir o apoio de O Noso Mariano, xa cho digo, vas mal. Facéndote o sensible coa folga feminista ao día seguinte de acusalas de politiquería e porte de perfil no asunto das pensións para marcar distancias con Goberno de Madrid non é o mellor camiño. Especialmente porque o teu Goberno é igual ou peor. En máis de nove anos de mandatos sucesivos o único que fixeches polas mulleres e polos vellos é acabar, mal, tarde e arrastro, os plans de galescolas, residencias e centros de día que che deixou feitos o nacionalismo no Bipartito, seguir pagando o complemento galego das pensións non contributivas e recortar e chamar doutra maneira o salario público que se lle pagaba ás mulleres vítimas de violencia de xénero, que tamén che deixaran aprobados e pagados o nacionalismo no Goberno.

O Noso Alberto é listo de sobras para saber que o mercado sucesorio está pechado e que se algún día abre non será até o ano das eleccións. Así que só podemos concluír que se estaba poñendo no escaparte por si O Noso Mariano acaba facendo caso aos estrategos que tanto abundan en Madrid e había crise de Goberno, aínda que só fora porque pararan de comerlle a cabeza co tema. 

Xa sabemos que O Noso Alberto ten présa por marchar porque sabe o marrón que deixa aquí e sabe que se acaban as oportunidades e o tempo xoga na súa contra, pero parece mentira, Alberto; un presidente nunca fai as crises de Goberno cando lle peta á prensa. Démolo en primeiro de Presidentear. Hai que prestar máis atención na  clase. 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail