O 30 de outubro de 1920 publicouse en Ourense (Orense non sabemos o que é, pero en Galicia non está) o primeiro número da revista Nós, que levaba por subtítulo Boletín mensual da cultura galega. Os responsables foron os integrantes do Grupo Nós, varios literatos que pretendían normalizar o uso do galego e elevar o seu status, dignificalo. A revista foi un dos referentes da nosa cultura ata que deixou de publicarse en 1936, pouco antes do golpe de estado franquista. Entre os seus membros atopábanse algúns que anteriormente foran compoñentes do chamado Cenáculo Ourensán, como Ramón Otero Pedrayo ou Vicente Risco.
O primeiro deles é un dos autores favoritos de Armando Ojea (Ourense, 1961), candidato de Democracia Ourensana ás eleccións á Xunta de Galicia. A obra elixida polo representante de DO é Arredor de si, novela na que o protagonista inicia unha viaxe en busca da súa propia identidade, declarándose nun primeiro momento antigaleguista ata que viaxa por Europa e se decata de que Galicia nada ten que envexar a outros lugares do vello continente. O partido de Ojea, porén, ten máis que clara a súa identidade: Ourense first. No muro de Facebook da organización está escrito: «É moi simple, se DO é chave na Xunta, a provincia de OUrense [sic] recibirá máis diñeiro dos orzamentos galegos». As cousas, claras.
A cara máis visible de DO é Gonzalo Pérez Jácome, fundador do partido e actual alcalde da cidade das Burgas, con Ojea como tenente de alcalde. Quizá non coñezan os famosos exabruptos e performances de Jácome, pero en Galicia falouse deles en numerosas ocasións. É por iso que pode xurdir a tentación de identificar o personaxe cun dos inicios de novela máis memorables que temos na nosa lingua, escrito por outro dos integrantes do Cenáculo: Risco e o seu O porco de pé. Di así: «Na posguerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a Alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita».
Nada máis lonxe da realidade: o líder de Democracia Ourensana demostrou con fartura a súa habilidade ao levar á formación desde a irrelevancia inicial á situación actual, na que podería converterse en indispensable se o PP non consegue a maioría absoluta.
É por iso que ao partido, e polo tanto a Jácome e Ojea, habería que identificalos máis ben cos versos que a escritora e profesora Dora Vázquez dedicou a Ourense, a súa querida cidade natal, a de todos: ¡Medraches, miña terra! … Medraches, / coma os nenos que a roupa lles foi sendo pequena, / e houbo que alongarlle apresuradas bastas. / Medraches cara o Miño e máis aló das Pontes. / Medraches cara o monte, o Polvorín e o Cumial, / cara a Valenzá e o Salto do Can, ¡cara tódalas bandas!
O líder de Democracia Ourensana demostrou con fartura a súa habilidade ao levar á formación desde a irrelevancia inicial á situación actual
E é que Democracia Ourensana, medrar, medrou. Creada en 2001 da man de Jácome e outros compañeiros e compañeiras entre as que xa se atopaba Ojea, o seu lema era que «DO non é de dereitas nin de esquerdas, senón de Ourense». A teoría moi bonita, pero na práctica?
En 2005 preséntanse ás súas primeiras eleccións, autonómicas. Vótanos pouco máis de seiscentas persoas. Nas municipais de dous anos despois case triplican o resultado. En 2011 sacan dous concelleiros na capital de provincia, a súa primeira vez. Aínda que nas autonómicas de 2009, 2012 e 2016 non conseguen representación, o seu ascenso no ámbito municipal é fulgurante: en 2015 conseguen oito concelleiros en Ourense, converténdose en segunda forza por detrás do PP; dous en Barbadás e dous en Pereiro de Aguiar. Ademais, Jácome e Ojea entran na Deputación.
Será nas eleccións de 2019 cando DO se faga coa Alcaldía da cidade pactando co PP, a pesar de que os azuis son a segunda forza en número de votos e a formación de Ojea, terceira, ambas con sete concelleiros. O pago foi manter a José Manuel Baltar (o agora senador, un home ao que lle gusta a velocidade) como presidente da Deputación de Ourense, aínda que Jácome dixera que o organismo e a familia que leva décadas gobernándoo eran «a zona cero da corrupción», e que terminaría co baltarismo. Á vista está que non o cumpriu.
Pero se crían que todo isto lles restaría apoios, nada máis lonxe: nas últimas eleccións municipais, en 2023, o seu partido converteuse na primeira forza política con dez concelleiros. Jácome foi elixido alcalde de novo e Ojea é tenente de alcalde, grazas outra vez ao mutuo apoio que o PP e DO se dan desde hai cinco anos, aínda que renegasen os uns dos outros varias veces e en público. É dicir: na práctica, DO só pactou coa dereita.
Jácome foi elixido alcalde de novo e Ojea é tenente de alcalde, grazas outra vez ao mutuo apoio que o PP e DO se dan desde hai cinco anos
Armando Ojea, segundo o currículo que ofrece o partido, é licenciado en Física e foi profesor de música e de matemáticas nunha academia, ademais de que «fala doce idiomas e é dos poucos españois que coñece o idioma étnico Wólof, de Senegal e Gambia. É ademais diletante en márketing, bioloxía e psicoloxía». En xaneiro renunciou á súa acta na Deputación, xa que a lei electoral galega non permite ser candidato á Xunta nin aos deputados provinciais nin aos alcaldes (din que por iso non se presenta o propio Jácome), pero seguirá sendo tenente de alcalde ata novo aviso.
El e Jácome conforman un binomio de base sólida, pero os alicerces de Democracia Ourensana son menos estables: chegaron a quedar sós no concello cando en 2020 dimitiron de cinco dos sete concelleiros do seu grupo de goberno, e existen acusacións de corrupción por parte de exmembros do partido, así como multas da Xunta Electoral por usar a web municipal para facer propaganda na campaña do 28M ou gravacións do xornal La Región nas que ambos saen implicados no suposto manexo de diñeiro negro. Mesmo houbo agresións físicas do alcalde e ao alcalde. Unha perpetua esmorga como a novela que marcou un fito na literatura galega doutro ourensán de prol, Eduardo Blanco Amor.
Se Democracia Ourensana marca un fito tamén na historia política da nosa comunidade e eleva a Ourense á categoría de imprescindible comprobarémolo o próximo 18 de febreiro, aínda que o resto de partidos veña dicindo desde hai anos que aos de Ojea, nin auga. Algúns xa se comeron as súas palabras (varias veces). Veremos se esta vez lles toca ás formacións de esquerda pasar polo aro. Pasar pola pedra, que dicimos aquí.