A igrexa obstaculiza a exhumación de catro republicanos asasinados nunha aldea de Carballo

A Coruña.- O Arcebispado de Santiago está a frear a exhumación dos restos de catro republicanos secuestrados e asasinados polos franquistas en setembro de 1936. Os seus cadáveres apareceron pouco despois na localidade de Santa María de Bértoa, no municipio de Carballo (A Coruña), en cuxo cemiterio, propiedade da Igrexa católica, foron enterrados.

Tumba sen nome de Francisco Miguel, no cemiterio de Bértoa. Foto Jglamela

Trátase de Juan Boedo Pardo, de 28 anos, veciño de San Cristobo das Viñas (A Coruña), gasista de profesión; Andrés Pinilla Fraga, de 52 anos, conserxe do Colexio Notarial da Coruña; Pedro Pinilla Calvete, mecánico; e do pintor surrealista, ilustrador, libreiro e crítico de arte Francisco Miguel, unha das grandes figuras da arte galego contemporáneo e a quen os fascistas amputaron as mans e desfiguraron o rostro antes de enterralo.

Francisco Miguel e a súa muller, Syra Alonso, en 1934. Foto Álbum de Galicia. Consello da Cultura

Os cadáveres apareceron o 29 de setembro de 1936 no Campo de Morgade, na aldea de Queo de Arriba, e foron enterrados polo párroco e polos veciños no cemiterio de Bértoa. A pedimento das familias e de veciños do pobo, a  Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) iniciou unha investigación na que obtivo constancia documental e testifical do lugar no que foron inhumados.

«Presentamos a petición hai un ano, pero o Arcebispado de Santiago denegóunola alegando que neses terreos hai sepulturas doutras persoas», asegura Carmen García-Rodeja, portavoz da ARMH. «É inaudito porque despois dunha exhaustiva investigación sabemos exactamente onde están enterrados, temos testemuños orais de testemuñas aínda vivas e contamos cos permisos de Patrimonio e da Consellería de Sanidade da Xunta», engade.

García-Rodeja asegura que a asociación celebrou varios actos públicos cos veciños de Bértoa nos que, en presenza de familiares dos asasinados e representantes do Concello de Carballo, explicou a súa investigación e a intención de recuperar os corpos para que os seus familiares poidan dispoñer un enterro digno. Ademais, engade que as técnicas que empregan os seus especialistas permiten localizar e exhumar os restos sen danar nin alterar outros posibles enterramentos.

«Trátase de levar a cabo unha actuación en chan apartado dos nichos que non ten dificultades técnicas desde o punto de vista arqueolóxico e forense», explica a voceira. «A ARMH levou a cabo numerosas exhumacións en Galicia e mantivo relacións cordiais cos diferentes bispados, polo que esta é a primeira vez que se atopa con obstáculos no seu labor de axudar ás familias dos desaparecidos pola represión franquista a atopalos, para identificalos e poder darlles unha sepultura digna», subliña.

En maio do ano pasado, a Igrexa denegou a solicitude alegando que os traballos poderían afectar a outras tumbas e que algúns fregueses opoñíanse a eles. A ARMH volveu presentar a petición, e as familias dirixíronse por carta ao Arcebispado explicando a súa postura e o seu desexo de recuperar os restos dos seus parentes, sen que de momento obtivesen resposta. «A autoridade eclesiástica de Santiago leva meses alongando o proceso, tardando en dar repostas ás peticións ou argumentando que algúns fregueses opóñense a que leve a cabo a exhumación», alega a ARMH.

Pola súa banda, o arcebispado asegura que está «a estudar coidadosamente» a solicitude, segundo dixo a Luzes-Público un portavoz desa entidade: «Non podemos opoñernos á lei e non o facemos, pero nese espazo onde se queren buscar eses restos houbo moitos enterramentos». «Non nos negamos, pero a Igrexa actúa con cautela porque ten moito respecto polos cemiterios, que son un lugar sacro onde non podemos permitir que se produza unha profanación. Non queremos dicir que a exhumación vaia a supoñelo, pero temos que garantir que non sucede», engadiu.

O pasado 1 de abril, o papa Francisco I nomeou arcebispo de Santiago a Francisco José García Prieto en substitución de Julián Barrio Barrio, quen ostentou o cargo desde 1996. Prieto tomará posesión oficialmente o próximo 3 de xuño.

O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, á esquerda, e o seu sucesor, Francisco Prieto, que tomará posesión do cargo o próximo 3 de xuño / Foto: Arcebispado de Santiago

A Guerra Civil durou en Galicia apenas uns días, os que tardaron os golpistas en facerse co poder. Pero a represión que desataron foi un verdadeiro exterminio non só de rivais políticos significados, senón de calquera persoa que manifestase a súa oposición ao terror. O proxecto interuniversitario Nomes e Voces, dedicado a estudar a represión franquista en Galicia, documentou que só entre 1936 e 1939 foron asasinadas polos fascistas 4.699 persoas. Case 1.500 foron executadas tras procesos penais que derivaron en sentenza de morte, pero a maioría, máis de 3.200, como lles sucedeu aos catro represaliados de Bértoa, foron mortas ou fusiladas sen ningún tipo de procedemento xudicial.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail