A utilidade e centralidade do PNV

Montouse un bo balbordo en Madrid (en Madrid montan seguido balbordo por toda idea ou acción política distinta do máis pechado centralismo) a conta do apoio do PNV e EH-Bildu, na Deputación Permanente do Congreso, aos Decretos-Leis aprobados polo Goberno do Estado o penúltimo venres. Non sei que mal terá o apoio dunha coalición como EH-Bildu (que, porén, contribuíu causar a caída do Goberno Sánchez por votar canda o PP e Cs e moitos outros contra o proxecto de Orzamentos estatais para 2019), plenamente legal e cinguida ao uso de medios democráticos e da que fan parte partidos tan ferreños historicamente na súa loita contra o terrorismo como Eusko Alkartasuna ou Aralar. Euskadi hoxe en día vive en paz, mais semella que algúns persoeiros da dereita española botan faltar o tempo da violencia.

É ben chocante o esforzo da prensa madrileña por lle atribuír ao PNV un suposto xorne dereitista. O PNV é a día de hoxe un partido con dúas almas, a centrista e a socialdemócrata, ben afastado da súa antiga tradición demócrata cristiá

Canto ao PNV, cómpre darlle os parabéns pola súa alongada traxectoria de utilidade e centralidade para Euskadi. Porque é un dos partidos europeos (canda o Scottish National Party escocés) que opera dende o interclasismo e a centralidade tanto defendendo os intereses dos empresarios como os dos traballadores (a central sindical ELA-STV defínese independente, mais partilla ideoloxía cos nacionalistas jeltzales), o que por certo lle xera importantes tensións que adoita ser quen a resolver. Porque non ten outro norte ca a defensa dos intereses do seu País. Por exemplo, despois do apoio de mediados de maio de 2018 aos Orzamentos do PP, é público e notorio como o lehendakari Urkullu e máis o voceiro no Congreso, Aitor Esteban, canda outros sectores máis vencellados ao mundo empresarial, dubidaban a respecto do voto fronte á moción de censura do PSOE. A decisión foi, como todas, adoptada no máximo órgano entre Asembleas, o Euskadi Buru Batzar, non certamente en Ajuria Enea, nin nos despachos da Gran Vía bilbaína ou nas casas de Neguri. A decisión a prol da moción de censura xurdiu das bases do partido, das xuntas locais, que lle manifestaban aos seus dirixentes da sede bilbaitarra de Sabín Etxea que non poderían presentarse diante de cadansúas veciñanzas se non aproveitaban a ocasión para lle mandar ao corrupto PP á casa.

Neste senso, é ben chocante o esforzo da prensa madrileña por lle atribuír ao PNV un suposto xorne dereitista. O PNV é a día de hoxe un partido con dúas almas, a centrista e a socialdemócrata, ben afastado da súa antiga tradición demócrata cristiá para se definir no marco dun humanismo plenamente leigo. Un partido que goberna Euskadi dende 1979 (agás a paréntese de 2009-2012) e que achega para un 4% da poboación estatal máis do 20% das prestacións estatais en rendas de emerxencia e para a inclusión social.

Os Estatutos de Euskadi e de Galicia están incumpridos polo Estado dende cadansúa aprobación, pous retén os medios financeiros, técnicos e humanos precisos para exercer competencias estatutariamente autonómicas

Os que tivemos ocasión de representar este país nunha negociación co Estado sabemos a dificultade desta caste de negociacións. Para avanzar na afirmación dos intereses galegos ou vascos cómpre coller aos representantes do Estado coa garda baixa, como colleu Anxo Quintana a Zapatero en novembro de 2007 e no verán-outono de 2008. A historia da transición, dende a aprobación dos Estatutos de Autonomía das nacións do Galeuscat é a historia da continua recentralización, agás os pequenos períodos nos que o Goberno do Estado precisa os teus votos. Períodos que posibilitaron avances tan importantes (e non só para cataláns, vascos ou galegos) como a supresión dos Gobernos Civís, a supresión da mili ou avances substanciais no recoñecemento dos dereitos dos traballadores autónomos.

O PNV defende os intereses vascos, mais tamén defende o cumprimento da Constitución e do bloque de constitucionalidade, do que fai parte o Estatuto de Autonomía de Euskadi, como o galego. Estatutos ambos os dous incumpridos polo Estado dende cadansúa aprobación, hai hoxe 40 e 38 anos, pois que o Estado retén os medios financeiros, técnicos e humanos precisos para exercer competencias estatutariamente autonómicas. Medios que haberían estar traspasados hai tempo. Proben dicirlle a un cidadán de Escocia ou California que en Madrid os partidos da Santa Alianza tripartita de extrema dereita renegan do PNV por obter no marco dunha negociación política o simple cumprimento da legalidade constitucional. I definitely don´t understand anything, dirá.

Tamén é verdade que o PNV obtivo en só seis meses outra caste de avances importantes tanto do Goberno Rajoy canto do Goberno Sánchez. Velaí a moi vantaxosa liquidación quinquenal da cota que lle ten que pagar ao Goberno do Estado polos servizos que este lle segue a prestar á cidadanía vasca, así como a garantía dos investimentos da V vasca da alta velocidade ferroviaria e, sobre todo, a exclusión da rede de alta tensión de 35 kv de Iberdrola da tarifa b2, aplicábel por normativa ditada ad hoc polo Goberno de Sánchez no último outubro só para as instalación de menos de 36 kv (de primeiras pensábase para as instalación de máis de 30 kv). Axuda para a competitividade da industria vasca que lle valeu a esta 120 M€.

Mentres, Galicia vive con anguria o desleixo das cinco forzas estatais na defensa dos intereses propios: a transferencia da AP-9 (mentres Euskadi obtivo a da AP-68, como noutrora a da A-1), os 90 M€ que precisa a nosa industria electrointensiva para ser viábel, a transferencia dos portos e aeroportos de interese xeral ou a viabilización do noso sector lácteo.

Precisamos dunha ferramenta útil e transversal como o PNV e non a temos. A coalición nacional galega para o 28-A non foi posíbel. Agardemos que, despois desa data, os líderes de En Marea, BNG e CXG escoiten á cidadanía e enxerguen antes ca nada os intereses do País. Un País que non ha mirar por Gobernos amigos nin inimigos, senón polos seus intereses, como expresión do dereito ao benestar da súa cidadanía.

Mais outra volta perdemos unha oportunidade. Agora os políticos galegos teñen que crear outra, non sabemos se aínda en condicións peores.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail