Galicia, republicana e monárquica a partes iguais

A estreita marxe a favor da república nun hipotético referendo en España achícase aínda máis se extrapolamos os datos a Galicia, onde a enquisa revela un empate case técnico coa monarquía, a menos dun punto de diferenza.

A sociedade galega está menos polo labor de convocar un referendo sobre monarquía ou república. A maioría, case un 43%, non o cren necesario fronte a un 39% de respostas a favor. Isto supón unha diverxencia importante con respecto á media estatal, que sitúa en preto dun 48% as persoas a favor de que se celebre a consulta e nun 36% as contrarias á mesma. Hai, iso si, un 17,6% de galegos que declaran non saber que votarían, unha porcentaxe lixeiramente por riba da media estatal.

De celebrarse o plebiscito hoxe, un 41,1% das persoas enquisadas en Galicia votarían a favor da república, fronte a un 40,9% que se decantarías pola opción monárquica. Un raquítico 0,9% de diferenza que amosa unha profunda división no noso país acerca da titularidade da xefatura do Estado. Votaría a uns, pero gañarían os outros

A cousa cambia cando se lles pregunta que alternativa cren que gañaría. Un 33% pensan que sairía escollida a república, mentres un 47,5% consideran que a monarquía. Estes últimos, suman case nove puntos de diferenza a respecto da media estatal, que tamén aposta pola vitoria da monarquía se ben máis axustada que no caso de Galicia.

No que respecta ao tipo de réxime político, un 54,5% das persoas preguntadas en Galicia consideran extremadamente importante vivir nun país democrático, tres puntos por riba da media española. Se falamos do funcionamento concreto da democracia en España, a valoración maioritaria desde Galicia é de aprobado raspado, se ben un 10,6% manifesta que que non está nada satisfeito. Con todo, son 5 puntos menos que a media estatal, onde a insatisfacción total rolda o 16%.

O estudo de opinión encargado pola Plataforma de Medios Independentes, tamén ofrece datos de cuestións como a confianza nas institucións. Así, os galegos confían nelas en maior medida que a media estatal, coas Forzas Armadas en primeiro lugar seguidas do poder xudicial e os medios de comunicación que cunha aceptación do 52,4% se sitúa por diante do Parlamento, no que din confiar un 51%, e da monarquía que recibe o voto de confianza dun 49,7% dos galegos. Estes tamén aproban os sindicatos, a diferenza do conxunto do Estado que confía moito menos nos representantes dos traballadores. Partidos políticos e Igrexa son as dúas institución que suspenden en Galicia, máis os primeiros que a segunda que, con todo, non merece ningunha fiúza para un 30,5% dos galegos enquisados. Un 58% desconfía dela, fronte ao 60% da media estatal. De todas formas, a mostra utilizada para o caso galego aconsella, segundo os redactores do informe, interpretar con cautela os resultados con marxes escasas entre respostas. O mesmo ocorre coa mostra de enquisados de 16 e 17 anos.

Mellor opinión das raíñas ca dos reis

Á pregunta de se tiveran podido votar no referendo para a ratificación da Constitución española de 1978, un 54% dos galegos que participaron na sondaxe declaran que o farían a favor, fronte a un 12,4% que manifesta que tería votado en contra e un 20,5% de indecisos. Tanto as respostas a favor como en contra superan a media do Estado, onde o número de indecisos (23,8%) e de persoas que non terían participado (6,7%) na votación é superior que en Galicia. Un 70,4% da mostra no país cre necesario reformar a carta magna, fronte a un 22,1% que opina que hai que deixala como está. No conxunto de España, só un 13,8% prefire non tocala.

No que respecta á valoración dos membros da Coroa, a que sae mellor parada é a raíña emérita Sofía a quen aproban o 69,7% das persoas preguntadas en Galicia, máis de dous puntos por riba do total de España. Séguea en nivel de aceptación o rei Felipe VI, cun 65,9% de aprobación en Galicia, inferior nun punto ao do resto do Estado. A Raíña Letizia, cun 52% de aceptación tamén pasa o filtro. O único a quen suspenden os galegos, cun 55,8%, é ao rei emérito, dos que un 35,4% o valoran moi mal. No entanto, no resto do Estado a cifra de valoracións negativas ascende ao 59,6%, sumando catro puntos máis de penalización que en Galicia a Juan Carlos I.

Sobre a posibilidade de introducir cambios na monarquía española, a sociedade galega móstrase moi ou bastante partidaria de que o rei poida ser xulgado polos seus actos durante o reinado; de que haxa máis transparencia nas contas, bens, propiedades e actividades da familia real; e de que se modifique a Constitución para que o home non teña prioridade sobre a muller no acceso ao trono, pero están en pouco ou nada de acordo con que deixe de ser o xefe das forzas armadas e en que non interveña no proceso de investidura do presidente do goberno.

En relación ás calidades dos monarcas, máis dunha cuarta parte das persoas enquisadas consideran que Felipe VI non é neutral (25,4%), lixeiramente por riba da media española, e por debaixo de seu pai a quen suspenden en neutralidade un 37,4% dos galegos, dos que máis dun 20% consideran que é cero neutral. Á hora de mediar entre as forzas políticas, os galegos pensan de xeito maioritario que tanto Felipe VI –este en maior medida– coma o emérito son capaces, malia que un 22,6% dos galegos cren todo o contrario de Juan Carlos I.

Á hora de entender as necesidades da xente, no caso de Felipe VI un 19% dos galegos din que nada, catro puntos por riba da media, e só un 9,7% din que moito. A cousa empeora cando se pregunta polo rei emérito. Máis dun 30% dos enquisados en Galicia opinan que non é quen de se poñer no lugar da xente. Do seu fillo, case un 61% dos galegos considérano honrado, aínda que só un 21,1% opinan que o é moito. Aquí é onde o rei emérito leva a peor parte. Máis dun 59% afirman que non é honrado, e un 35% que non o é en absoluto.

Con respecto á formación de ambos, son maioría en Galicia as persoas que cren que si están ben preparados. Un 35% coida que Felipe VI o está moito, fronte a un 16,2% no caso de Juan Carlos I que para un 18,8% dos galegos non está nada preparado. Tamén opinan que non promociona nada a imaxe de España no exterior un 24,3% fronte ao 19,1% da media estatal, mentres un 17,2% dos galegos afirman que a promociona moito, un punto menos ca media estatal.

Felipe VI é neutral, pero de dereitas

No tocante á súa posición política, un 3,4% dos galegos sitúan a Felipe VI na extrema esquerda e un 7,9% na extrema dereita. A maioría, un 22,9%, din non sabelo e un 19,8% póñeno no centro. Son maioría os galegos que estiman que está máis escorado á dereita, un 58% fronte a un 9% que pensa que á esquerda. Apenas un 10% dos enquisados afirman que non ten ideoloxía. O resultado é moi similar para Letizia, aínda que a sitúa algo menos nos extremos. Son maioría, un 27%, os que recoñecen non o saber e só un 6,4% consideran que non ten ideoloxía. Un 47,2% estiman que é de centro-dereita, e un 18,6% sitúana cara a esquerda. No que concirne ao emérito nesta cuestión, un 17,8% opina que estaría na extrema dereita, e o 2,5% extrema esquerda. Só un 7,2% di que non ten ideoloxía. A el tamén o poñen os galegos por maioría no arco do centro-dereita, case un 69% fronte ao 6,2% no centro-esquerda.

Na cuestión territorial, segundo a opinión das persoas participantes, ambos monarcas defenden a integridade territorial do Estado, aínda que Felipe VI o faga en maior medida. Un 32,5% opinan que moito, dous puntos por riba do total do Estado. Se falamos da organización dese Estado, do máximo centralismo á máxima descentralización, un 20,1% dos galegos pono no medio da escala, un 20,7% non o sabe e un 17,8% no máximo centralismo, en maior porcentaxe que a media estatal. En canto ao emérito, a maioría (23,8%) –tamén por riba da media estatal (18,7%)–, colócano no máximo centralismo, un 21% no medio da escala e un 16,6% que non o sabe. Preguntados pola intervención do rei no conflito de Cataluña, un 17,6% das persoas que responderon en Galicia coidan que o fixo moi mal e un 13,1% moi ben, un cifra tres puntos inferior á do conxunto do Estado, onde un 16% opinan que actuou moi ben. En Galicia, máis dun 54% aproban a súa intervención mais suspéndena un 39,8% do total.

Sobre o seu papel na crise do coronavirus, a maioría dos galegos danlle o aprobado mais un 35,4% suspenden a súa actuación e un 21,5% valórana moi mal, fronte ao 17,6% a nivel estatal. E acerca da súa reacción trala publicación das noticias sobre os negocios do rei emérito, os datos son similares á media estatal, cun 22% de galegos que opinan que foi moi mala e só un 6,2% moi boa, fronte ao 14,7% no conxunto do Estado. Tamén coincide a mala opinión acerca da súa saída aos Emiratos Árabes, valorada como moi mala por máis do 40% das persoas enquisadas, tamén en Galicia.

Leonor reinaría en Galicia

As respostas en Galicia están de xeito maioritario de acordo en que a monarquía proporciona orde e estabilidade; que non é boa nin mala, senón que depende do rei; que ten un custo desproporcionado con respecto ao que aporta; que os escándalos da familia real danan a imaxe internacional de España; que o rei Felipe VI non se beneficiou das supostas comisións recibidas polo seu pai (aínda que si as coñecía); que sen monarquía as tensións cos nacionalismos irían a peor; que o rei Juan Carlos trouxo a democracia a España ou que a raíña Leonor reinará nun futuro, a diferenza do que cre a media estatal.

Onde hai moita polarización en Galicia é ao respecto de se consideramos a monarquía unha institución doutros tempos, que non ten sentido en democracia. Aquí, coma no referendo, as crenzas están dividas case a partes iguais. Son máis os que cren que é así, un 47%, mais aínda hai un 43% que está en desacordo con esta afirmación.

A Enquisa sobre a Monarquía é unha iniciativa impulsada pola Plataforma de Medios Independentes (PMI), que agrupa a 16 cabeceiras, entre as que está LUZES. Para poder realizar a meirande enquisa nunca feita en España sobre a monarquía, a PMI organizou unha recadación de fondos que foi quen de completar nun só día. A enquisa encargóuselle a 40dB, o instituto de opinión dirixido por Belén Barreiro, ex-presidenta do CIS (Centro de Investigaciones Sociológicas). A proposta de poñer en marcha este proxecto xurdiu trala solicitude destes medios ao CIS dunha enquisa sobre a monarquía, un asunto sobre o que o organismo leva máis de cinco anos sen preguntar

Esta é a relación de persoas que posibilitaron o proxecto coa súa axuda.

Mira ou baixa a Enquisa Informe monarquía

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail