Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán
Na hiperventilada España, un «obrigado» pode provocar un terremoto. Foi dicilo Pedro Sánchez no debate de investidura devolvendo educadamente o «obrigado» de Néstor Rego e abrirse un novo escándalo nacional.
Que que era iso de que o candidato se puxese a falar en portugués, no que a dereita rapidamente debeu interpretar como unha proba máis de que España está a piques de romper; que que era iso de falar en lusista, reintegracionista no Congreso; que se non era normativo…
Señoras, señores… benvidos ao mundo real… Obrigado non é normativo, pero está na rúa, úsase con normalidade e moito máis alá do mundo do Bloque, aínda que sexan os sectores nacionalistas quen máis o reivindican. Como me dicía o outro día un bo amigo, o normativo é grazas e non o usou na súa vida. Eu, por certo, tampouco.
Debates lingüísticos á marxe, esta foi a investidura na que máis se falou de Galicia dos últimos tempos e iso é moi bo se votara ou non ao BNG. A presenza de Néstor Rego no extraordinariamente dividido escenario político español permitiulles aos nacionalistas galegos colocar a súa axenda e, de momento, conseguir un compromiso do novo goberno, tan necesitado de votos.
O BNG apuntouse un tanto e a proba foi o nervioso que se puxo Núñez Feijóo que empezou a tuitear coma se non houbese un mañá. O presidente ten que decidir se finalmente se presenta ou deixa pasar este cáliz
Son dos que cren que os do Bloque puideron mesmo tirar un pouco máis da corda e aproveitar aínda mellor a xogada porque o cambio de postura de Ana Oramas deixou a Rego o voto decisivo final. Sexa como sexa, o BNG apuntouse un tanto e a proba foi o nervioso que se puxo Núñez Feijóo que empezou a tuitear coma se non houbese un mañá.
A posta en marcha do novo goberno de Sánchez dálle unha oportunidade inmellorable ás diversas e complexas esquerdas galegas para deixar a un lado personalismos e minifundios e poñerse en serio a traballar para alcanzar o goberno da Xunta co socialista Gonzalo Caballero á fronte.
A Feijóo complicóuselle moito a situación: xa non ten a Ciudadanos para apoiarse comodamente e non lle vai a quedar máis remedio que contar coa extrema dereita de Vox se é que suman despois das eleccións.
De momento o que ten que decidir o presidente é se finalmente se presenta ou deixa pasar este cáliz diante do risco dunha derrota e a data das eleccións, pendente do avispeiro catalán e do PNV co que ultimamente se poñía de acordo para que coincidisen as galegas coas vascas que, por certo, poderían ser antes do verán. Así que atentos.
Obrigado.
Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán