Gonzalo Pérez Jácome, alcalde de Ourense: «Van pillarnos con esmolas? Se metes o pau, méteo ao grande»

A Coruña.- O diario La Región de Ourense publicou este martes un novo audio de conversacións do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, no que o rexedor se refire ás mordidas que sacan ás empresas interesadas nas concesións públicas do Concello.

A gravación únese aos audios dos últimos días. Nun deles, escóitase a Jácome presionar a dous funcionarios do Concello para que asuman unha multa que lle puxeron a el en Vigo cun vehículo oficial do Concello que el conducía, e noutros dous, xáctase de branquear diñeiro negro obtido de comisións destinadas a finananciar á súa formación, Democracia Ourensá (DO).

Na gravación coñecida este martes, Jácome refírese ao «conseguidor» que mediaría entre el e as empresas interesadas nas licitacións do Concello, que o diario identifica como o seu xefe de Gabinete, e ao diñeiro que podería sacar dos fondos europeos de recuperación se no canto de facerse con pequenas mordidas desen «un pau ao grande»: «É mellor pillar 800.000 euros dunha vez», chega a dicir. Jácome chancea mesmo coa posibilidade de acabar «en chirona» por esas actuacións.

O alcalde defendeuse asegurando que os seus rivais políticos fan «terrorismo electoral» mediante «técnicas mafiosas» destinadas a condicionar os comicios municipais do 28M. Asegura que os audios son «ilegais e carentes de valor» e que están «editados, manipulados, falseados e descontextualizados».

O BNG leva o caso á Fiscalía

O rexedor anunciou unha rolda de prensa para o mércores ás 11.30 e asegura que presentou unha denuncia no xulgado de garda «por un presunto delito de espionaxe con microfonía oculta na Alcaldía».

Pola súa banda o BNG presentou tamén denuncia contra Jácome por un delito de falsidade documental por non identificarse como condutor do coche do Concello que foi multado en Vigo. Ademais, o candidato do BNG á Alcaldía, Luís Seara, e o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, entregarán este mércores un escrito na Fiscalía do Estado, ao considerar que os feitos derivados dos audios poden ser constitutivos de delito.

Nas eleccións de 2019, Democracia Ourensá obtivo sete dos 27 concelleiros do Concello. Os comicios gañounos o PSOE, pero o PP apoiou a Jácome para que puidese facerse coa Alcaldía sendo a forza máis votada, a cambio de que este permitise que Manuel Baltar seguise á fronte da Deputación de Ourense.

O abandono de varios concelleiros de DO, que acusaron a Jácome de malversación -a Fiscalía investigoulle por iso, pero retirou logo a denuncia- fixo que o rexedor goberne agora co sustento de só outros tres edís. O PP tamén se negou a apartalo do cargo mediante unha moción de censura.

«É mellor pillar 800.000 euros dunha vez»

Esta é a transcrición do último audio publicado por La Región:

Jácome: Fran, Fran agora é unha puta pinga.

Interlocutor: Non.

Jácome: Ademais, o que arrastra é mágoa de eventual. Fran dime que tampouco ten moito interese en ir.

Interlocutor: Non, non, non ten interese e logo mándache un wasap de 20 páxinas.

Jácome: Xa, o que pasa que onte estivemos a falar do tema da pasta e el di que seguir p’alante. A min dáme moito medo, eu prefería abortar, pero… Eu vou abortar a partir de agora. Non sei. É que nos van a mirar, non sei…

Interlocutor: Como a partir de agora? Se, se….

Jácome: El di, home, a partir de agora, é que agora quedan oito contratacións máis. E di Fran, é que é medio quilo, non podemos renunciar a el, medio quilo.

«Agora quedan oito contratacións máis. E di Fran, é que é medio quilo, non podemos renunciar a el, medio quilo»

Interlocutor: Coma se el tivese ou fóra a tocar algo diso.

Jácome: Non, non toca nada, pero el dime que o que está a facer vale moito máis do que está a pagar o seu soldo. E eu díxenlle que, home, no futuro ten que cobrar máis, iso está claro. E dime que el me dixo: calquera persoa que faga de conseguidor cóbrache 10.000 euros por isto.

Interlocutor: Si, e? Pois ti non os vas a cobrar.

Jácome: Xa.

Interlocutor: Claro, é queee…

Jácome: Díxome el: o conseguidor… Isto non cho fai ninguén gratis… Onte veu pola mañá. Onte veu por exemplo por aquí e dixo el de non se que. E dixen eu, ben, e fíxenlle o xesto e xa entendeu. Ejé… Van meter en chirona.

Interlocutor: Non, non, que ti non sabes nada.

Jácome: Non, non, que va!

Interlocutor: Non.

Jácome: Non? Ti ves que o empurran a el? Si?

Interlocutor: Home claro. Pero, foder, que teña cuidao.

«Déronnos unha subvención, dous millóns e medio de euros, quérello dar aos de Coruña e que nos dean 200.000»

Jácome: Eu creo que debiamos ir ao grande e non en trapalladas destas. Ao grande. Agora mesmo déronnos unha subvención do comercio electrónico, son dous millóns e medio de euros, quérello dar aos de Coruña e que nos dean 200.000. Non, home, non. Facelo vós cuns amigos informáticos, home. É mellor pillar así 800.000 dunha vez que andar con caralladas.

Interlocutor: A ver, el cando ten tanto interese é que algo, algo quere.

Jácome: Mira, hai que ir a prezo, hai que coller diñeiro, eu recoñézoo que non se pode pedir unha… Escucha, non se pode, pero este rollo… Está no allo e el non sabe, non sabe e é moi chapuzas… Home, sabes o que fixo o outro día co Extraco? Ía dar un diñeiro. Entón díxolle: Douche 30.000 para vós. Non, eran 70.000. E entón ao final dille. Non mira, conseguín que lle deixase o diñeiro a Camilo o do Puente para que ti non llo teñas que deixar e xa está. Cona, pero é que así perdemos. Ah si, pero así te esqueces, porque se non…

Interlocutor: Pero non lle deas tanto poder.

«De momento son todo esmolas, e non me gusta andar con esmolas»

Jácome: Si, é verdade. Tamén é verdade que o de Extraco pensa que lle está dando o diñeiro para el e non pa min. O de Extraco a min non me dá nada. E de momento son todo esmolas, e entón non me gusta andar con esmolas, que nos van a pillar con esmolas, van pillar con esmolas, sabes? Se metes o pau, méteo ao grande.

Interlocutor: Home claro.

Jácome: Son esmolas, hoombre. En serio, 30.000 euros son esmolas. Iso si, agora para a campaña imos pedir o de… Chega o de Collarte e ofrécenos diñeiro para a campaña e díxenlle, canto, canto nos das. 30.000. A ver como cho dou, ten que ser a través da UTE, porque a empresa tal non pode tal…

Interlocutor: Eu o que quero son os 30.000 euros e desa movida non quero saber nada.

Jácome: Claro, foder.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail