As contas da igualdade

O 8M é, cada ano, momento de botar contas. Durante estes días do mes de marzo os medios de comunicación fan reconto da evolución dos datos da desigualdade que permanecen malia os discursos e as manifestacións. Da fenda salarial que non se acurta, das violencias de xénero, máis visible pero que non retroceden. Do teito de cristal que poucas rachan, converténdose aínda en excepcionais. Da dobre xornada e o reparto do traballo de coidados que segue a ser carga case exclusiva das mulleres.

Marcha feminista do 8M en Santiago de Compostela. Fotos de Agostiño Iglesias.

Un logro simbólico do feminismo, é que nos últimos anos resulta incontestable a adhesión popular ao discurso da igualdade entre varóns e mulleres. As masivas mobilizacións este día, así como as producidas tanto nas redes sociais como na rúa, como resposta a sentenzas inxustas ou tentativas de retroceder nos dereitos, son signo dese logro. Coa relevancia engadida do seu carácter interxeracional. Esta conversión en mainstream, sitúa no anacronismo máis salvaxe e perigoso o argumentario da dereita extrema que, como noutros aspectos políticos e sociais, pretende devolvernos ás cavernas do pasado, e que gaña adeptos e votos.

Luz Fandiño, na praza 8 de marzo de Compostela, ao inicio da marcha.

Está a dar froitos o importante esforzo da Academia feminista en investigar e divulgar a historia de mulleres notables, que foi agochada nos seus tempos, e que hoxe poden servir de exemplo de que, incluso nos tempos máis escuros, houbo mulleres coa forza e a capacidade de superar os límites. A primeira universitaria, a primeira aviadora, a primeira médica… ademais de reparar unha inxustiza, proporcionan modelos «de conversión», imaxes icónicas necesarias para o cambio dos estereotipos de xénero que sosteñen e racionalizan as desigualdades.

Innegable o cambio na cultura dos últimos tempos. No audiovisual, que mostra máis historias protagonizadas por mulleres de toda idade e condición e, aínda que seguen a ser poucas, máis mulleres dirixindo, e en todas as categorías técnicas. O mesmo proceso sucede na literatura e no deporte, na música, no teatro, na pintura… mulleres ocupando os espazos de creación e produción, modelos «de contabilidade» que suman para derramar, na práctica, eses estereotipos.

 

O 8 de Marzo, é bo momento tamén para facer a lista de propósitos do ano novo. Cando temos máis éxito é cando acadamos a unidade de acción dende a diversidade do movemento. Cando superamos os enfrontamentos internos, somos quen de tombar un ministro ou reabrir un paridoiro. É cando temos obxectivos concretos que podemos expresar en forma de cambios lexislativos, ou medidas de goberno, cando manifestamos a forza real do feminismo.

Conxugar o espírito crítico (e autocrítico) do que hai, coa capacidade propositiva é a chave para avanzar. Ser capaces de ver o que non funciona aínda que foi proposto coa mellor intención, e mudalo. Ser capaces de facer propostas con rigor e non mergullarnos no populismo que nos rodea. Ser capaces de aproveitar as oportunidades das institucións sen ser secuestradas pola acción institucional.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail