Unha Galicia medieval para todos os públicos

Dicía Ramón Villares nunha presentación do seu libro Galicia. Una nación entre dos mundos (2019) unha frase sinxela pero reveladora: «Galicia non é calquera cousa». Viña sinalar o de Vilalba, ou así o interpretei eu, que detrás do nome desta terra hai séculos de historia que conforman un pouso actuante no presente e que a pretensión de reducir o país a unha simple delimitación administrativa española ou a unha serie de rasgos folclóricos supón conformarse cun corsé demasiado estreito. Certo é que as implicacións políticas do concepto de nación cultural que manexa Villares tamén se poden interpretar coma un corsé demasiado estreito, pero ese é outro tema.

Outro historiador galego empeñado en demostrar que Galicia non é calquera cousa é Anselmo López Carreira. Canda autores coma Camilo Nogueira ou Xosé Antonio López Teixeira, López Carreira leva anos empeñado en desempoar as capas de esquecemento inducido arredor do reino de Galicia, en evidenciar a falacia da Reconquista (tema de tremenda actualidade agora que o neoespañolismo retoma con forza este mito), así como en demostrar a continuídade, sen grandes rupturas traumáticas, entre a Gallaecia romana, o reino suevo e o posterior reino medieval de Galicia que, co tempo, repartiría os seus centros de poder entre Oviedo, León e Santiago de Compostela.

Gallaecia Regnvm deseripta a F. Fer. Ojea. Mapa grabado en plancha de cobre datada en 1640 do cartógrafo Jan Janssonius, publicado en Newer Atlas.

Na introdución do libro que nos ocupa, Arte e escritura na Galicia medieval (Séculos VI-X) (Xerais, 2019), o autor escribe que «é incuestionable que a correción dos nomes e clasificacións das categorías artísticas e culturais en cuestión esixe o restablecemento da entidade do Reino de Galicia en toda a súa dimensión territorial e cronolóxica, e isto xa supón por si mesmo unha revisión copernicana dos esquemas relativos á Idade Media «española», de tal magnitude e consecuencias que é doado imaxinar a resistencia das estruturas oficiais e oficiosas.»  Un aviso a navegantes das tremendas implicacións políticas que acarrexa a súa incursión na análise da produción cultural material propia dos séculos que viron abrollar o reino de Galicia.

No presente volume, o autor céntrase en catro manifestacións desa cultura material: os arcos de ferradura; as cruces patadas (isto é, cruces con máis forma de cruz grega que latina); a decoración tallada de cordóns ou sogados e a chamada «letra visigótica».

Cruz patada procedente das Torres do Oeste (Catoira). Época de Alfonso II (866-910). Museo de Pontevedra.

En xeral, á hora de analizar as tres primeiras destas manifestacións culturais medievais, a historiografía española adoita encadralas na chamada «arte asturiana» e preséntaas como expresións dun pequeno reino illado que habería de producir unha arte singular e diferenciada a respecto do que se facía noutros lugares de Europa. Canto á chamada letra visigótica, a pretensión da historiografía española de vencellala a ese pobo xermano ten que ver coa longa teima, dentro desa propia historiografía, por construír, arredor do reinado visigodo, unha sorte de unión primixenia da nación española en tempos pre-medievais que continuaría co reino astur-leonés e desembocaría nos reis católicos.

En contraste con estas análises canónicas na historiografía española, enchoupadas de espírito decimonónico castelanista, López Carreira dedícase a revisar cada tipo de produción cultural, expoñendo as lagoas que observa na lectura oficial e propoñendo, coa apoiatura doutros investigadores, outras interpretacións razoables e razoadas para contextualizar historicamente ditos obxectos e manifestacións culturais.

Arco de ferradura de Panxón (Nigrán). Declarado Monumento Nacional en 1964, data de finais do século VII.

Así, no que respecta ao arcos de ferradura, López Carreira trata de desmontar a teoría que os cataloga coma arcos visigóticos a través de varias vías. Por unha banda, a posible influencia da arquitecturá musulmá desenvolvida no sur da Península Ibérica onde certo tipo de arco de ferradura tamén está presente. Por outra banda, a existencia previa do arco de ferradura en expresións arquitectónicas e pictóricas carolínxeas. Por último, expoñendo a tese da maior antigüídade dos arcos de ferradura existentes no territorio do reino de Galicia, correspondentes á época sueva (por exemplo San Pedro de Rocas ou Santa María de Bande), e retrotraendo mesmo a súa posible orixe ao mundo galaico-romano (con exemplos de arcos de ferradura inscritos na «Pedra formosa» do castro de Briterios ou en estelas atopadas en Bragança).

San Pedro de Rocas. Consta de tres capillas excavadas na roca, comunicadas entre si, con arcos de ferradura sobre columnas adosadas e capiteis labrados na mesma roca; conserva os altares primitivos en forma de mesas e tamén decorados con arcos de ferradura.

Outro tanto fai o historiador coa cruz patada. Desmonta a idea de que se trate dun artefacto cultural exclusivamente asturiano (semellantes exemplares á cruz de Oviedo apareceron na catedrais de Santiago e Lugo). Sinala a posibilidade da influencia externa —neste caso Bizancio, reino que, co Imperio Carolinxio, era unha das dúas grandes potencias do momento—. E, por último, volve propor a expansión de dita forma a partir da Galicia sueva (sen excluír as influencias monacais bizantinas), tomando como proba física, por exemplo, a cruz patada inscrita en San Pedro de Rocas (que tamén conta co alfa e omega), ou na lauda de Teodomiro de Iria, ambas anteriores ao século X. Un xeito de representar a cruz, este, que para o autor estaría arraigado na Galicia medieval e que contaría cunha tradición que se remontaría á época sueva, pois na moeda de Requiario (s. V) aparece xa ese tipo de cruz patada.

Moeda de Requiario, rei dos suevos entre os anos 448 e 456.

Vía similar ás xa comentadas percorre o autor á hora de analizar a decoración en pedra con forma de cordón ou sogueado. Para a historiografía oficial este é, canda a bóveda de cañón, un marcador diferenciador da chamada arte asturiana, pero López Carreira volve sinalar os nexos de unión entre este elemento ornamental e outros similares da Francia carolínxea —influenciados, á súa vez, pola arte bizantina de San Vital de Rávena (s. VI)—. Así mesmo, López Carreira retoma a hipótese de vencellar o sogueado, tamén presente en numerosas igrexas galegas (cita por exemplo un sogueado presente nun capitel de San Pedro de Rocas que dataría do século VI, a época de Martiño de Dumio), con manifestácións artísticas propias do mundo galaico-romano. Así, por exemplo, o sogueado aparece na Pedra formosa do Castro de Eiras, en Famalicão.

Pedra Formosa do Castro das Eiras (Famalicão).

Canto á cuestión da letra visigótica, o autor califica de «extravagancia» a súa catalogación con ese nome. López Carreira considéraa unha letra altomedieval herdeira da minúscula cursiva romana cuxas diferenzas de detalle non darían para a consideración da mesma como letra «nacional» (deixando á parte o anacronismo de empregar o termo nacional neste contexto). En todo caso, abunda o autor, se se pretenden fixar denominacións xeográficas que dean conta desas pequenas diferenzas dentro da cursiva romana, tamén se podería falar doutras divisións máis específicas que a que delimita o termo visigoda. Finalmente, no que respecta a este apartado, o autor volve tomar como exemplo unha inscrición atopada en San Pedro de Rocas en letra capital romana para inferir non só que a letra non se podería calificar de visigoda, pois data do período de esplendor do reino suevo (s. VI), senón que, mesmo querendo ver nalgúns caracteres un principio de evolución cara a cursiva, algo que a historiografía oficial acostuma facer con este tipo de inscricións, sería, curiosamente, na Galicia sueva onde primeiro se atoparía esa tendencia a partir da cal se edificou a idea da letra visigoda.

Un exemplo de escritura visigótica caligráfica alongada. BNE, circa 960.

En suma, o libro de López Carreira supón unha boa vía para introducirse na cuestión do papel do reino de Galicia no contexto altomedieval a través dunha lectura crítica das teses da historiografía oficial española. Unha introdución que ademais de fornecer da bibliografía que defende as teses oficiais, tamén inclúe propostas doutras interpretacións alternativas sen perder calidade científica. Trátase dun libro divulgativo, que conta con numerosas fotografías en branco e negro dos elementos artísticos que se comentan, e que inicia unha nova colección —impulsada pola editorial Xerais e coordinada polo Catedrático de Historia Moderna da USC, Isidro Dubert— centrada na divulgación histórica. Un proxecto que, agardamos, depare novas e gratas sorpresas. Necesitados estamos deste tipo de traballos empeñados en sacar o coñecemento da academia e, sen perder o rigor científico, contribuír a espallalo entre todo tipo de públicos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail