Soberanismo é benestar

Escribía eu esta última primavera electoral que se bota faltar no galeguismo político un proxecto de país que, ao tempo, constitúa un proxecto para as maiorías sociais, como si existía no Partido Galeguista do 1932-1936 e no BNG nos 1997-2009. Como, hoxe en día, existe no PNV, no escocés SNP ou no galés Plaid Cymru. Porque PNV, SNP e Plaid Cymru propoñen arestora proxectos claramente nacionais e soberanistas, mais fondamente inclusivos (tanto para migrantes de calquera etnia como para nacionais retornados), ben alicerzados nos valores do desenvolvemento sostíbel e na igualdade. Propoñen proxectos sociais onde o precariado e as persoas máis vulnerábeis están no foco dos servizos sociais sen deixar de apoiar sobranceiramente o emprendemento empresarial e o incremento da prosperidade. Países autocentrados economicamente e socialmente xustos.

Despois de dez anos de queda e implosión galeguista o reto de construír un proxecto gañador é complexo.

É evidente que da dupla volta electoral desta primavera emerxe un BNG afortalado fronte aos curtos resultados en ambos os procesos de En Marea e CXG. Para máis o discurso hoxe en día do BNG, reflectido na mensaxe aperturista de Ana Pontón este último 25-X, non é o de 2010 e 2011 nin o das asembleas comarcais preparatorias de Amio 2012 nin o posterior da curta vitoria oficialista naquel domingo de Amio.

Porén, o BNG aínda non ten aquelada a mensaxe a respecto das maiorías sociais. Non ten ese relato transversal, ese proxecto de país que si teñen PNV, Plaid Cymru ou SNP e si tivera entre 1993 e 2009, malia que estea agora máis preto ca no 2016 u no 2013. Despois de dez anos de queda e implosión galeguista o reto de construír un proxecto gañador é complexo. Cómpre integrar moitas sensibilidades e moitos sectores e está por ver que que sexa quen a facelo o BNG actual, polo menos sen axudas dende fóra da organización.

Os alicerces dun soberanismo gañador.

Este proxecto de País e de maiorías, gañador, transversal e interclasista, este relato para as maiorías sociais, habería alicerzarse en seis vectores esenciais:

Un Soberanismo cívico. O concepto “soberanismo” ten toda a virtualidade de integrar a independentistas, federalistas, confederalistas e autonomistas e ser máis proxectivo e amplo ca o concepto máis identitario de nacionalismo. É a verba aquelada para os máis: se defendemos a soberanía das organización, a autoorganización, a conclusión, case ontolóxica, é que acreditamos en Galicia como medida das cousas, en Galicia como titular do dereito a decidir o seu futuro, mesmo a definir o grao de integración nas estruturas comúns estatais e europeas consonte coas reformas e mesmo transformacións do marco xurídico-político que se poidan acadar no futuro.

Un soberanismo transversal desta caste ha salientar a vontade de sermos nación, integrando no proxecto común tamén ás persoas inmigrantes, quer vencelladas familiarmente a Galicia, quer sen eses vencellos. Será, pois moito máis cívico a identitario, malia afirmarse tamén nuns sinais de identidade asumidos pola maioría da pluralidade social.

Republicanismo. Conéctase claramente co vector do soberanismo cívico, representando o alicerzamento deste proxecto común de País no principio democrático e na legalidade baseada nos dereitos fundamentais e liberdades públicas. E tamén leva inserida a superación do actual réxime monárquico como principal chata do Deep State na evolución do Estado cara un Estado plurinacional e cara ao pleno recoñecemento dun autogoberno galego que poida garantir, polas súas competencias e financiamento, o noso benestar.

Galicia achega só pouco máis do 5% da poboación e PIB estatais. Somos o País de Europa que máis precisa o autogoberno, porque as grandes cuestión económicas da axenda galega son prescindíbeis para o Estado. Só dende o autogoberno, dende o exercicio (preferibelmente pactado) da soberanía é posíbel o benestar. 

Europeísmo. Galicia é un pequeno país europeo. O seu mercado sobranceiro é Europa. A súa pluralidade social é europea. Os seus problemas e potencialidades son os da vella Europa. Transformar a actual UE nunha Europa dos pobos e cidadáns é tan preciso como complexo, mais fóra da UE non hai futuro.

Desenvolvemento económico dende a sostibilidade. Este proxecto de País habería apostar por decididas políticas de promoción empresarial, reindustrialización e posta en valor do medio rural baseadas no I+D+i, sempre enchoupadas nos valores ecolóxicos da sostibilidade. Cómpre agasallar o emprendemento empresarial que xogue na normativa ambiental, social e fiscal propia dun país europeo avanzado. Sen emprendedores empresariais non hai nin Nación nin emprego de calidade. Crecemento sostíbel é benestar.

Igualdade. O compromiso coa igualdade de xénero ha ser transversal, servindo de avaliación de todas as políticas sectoriais. Os valores feministas han de se incorporar ao cerne deste proxecto de País.

 Un proxecto social, un país de coidados. O desenvolvemento sostíbel xera benestar, mais non soluciona por si a desigualdade. Os coidados son o elemento esencial da política de benestar e alicérzanse nos valores de cidadanía común. A política de coidados habería arrombar coa pobreza e co precariado, ademais de constituír unha importante panca para o progreso económico, creando emprego tanto vencellado aos mesmos coidados como fomentando a empregabilidade nos colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión. .

Os vimbios e os métodos. Este país xógase moito nas eleccións nacionais de 2020. Non só a moi precisa e urxente substitución do PP no Goberno, senón mesmo a composición interna e o equilibrio de forzas desa hipotética maioría plural. Con Unidas Podemos (Galicia en Común na súa franquía galega) en claro devalo é fulcral que o PSdeG teña que se alicerzar nun potente Grupo soberanista. O BNG vai mellorar os resultados de 2016 mais semella que con isto non chega.

O pouco tempo que fica para as eleccións aconsella a ferramenta da plataforma, onde poidan concorrer grupos municipalistas, sectores de opinión, partidos e milleiros de persoas individuais sen prexulgar unha estruturación máis estábel

Os vimbios orgánicos para alicerzar este proxecto non son hoxe socialmente relevantes, mais achegan unha parte organizada coa que sería importante contar. Falo de En Marea e de CXG, mais tamén das forzas nomeadamente municipais que gobernan ou gobernaron até hai meses en Narón, Cambados, Pobra do Caramiñal, Outes, Salceda de Caselas, Arzúa, Melide, Vimianzo, ou Mondariz. Mais con ser estes vimbios importantes, moito máis o son as persoas hoxe en día independentes, moitos con experiencia política, que non sinten –aínda– ter espazo no BNG nin na esquerda estatal, con presenza cualitativa en moitas ocasións no mundo cultural, deportivo, sindical, empresarial ou social deste País.

Canto á fórmula organizativa acaída para vertebrar este espazo, o pouco tempo que fica para as eleccións aconsella a ferramenta da plataforma, onde poidan concorrer grupos municipalistas, sectores de opinión, partidos e milleiros de persoas individuais sen prexulgar unha estruturación máis estábel que dependerá sobranceiramente e en primeiro termo, dos resultados electorais do ano vindeiro.

E fica a pregunta máis conflitiva: como se pode ir ás eleccións nacionais de 2020? Teoricamente semella que hai dúas opcións acaídas á finalidade de construír proxecto: co soberanismo do BNG ou como novidade electoral. A primeira pode ser inviábel se o BNG non avalía a xeito a achega cualitativa deste paso para construír País. A segunda debilitaría o soberanismo, con moita probabilidade. Os valores da intelixencia e da cooperación xenerosa só levan a un camiño practicábel.

Un ano por diante, quizais menos. Unha responsabilidade histórica. Non será dende logo a derradeira oportunidade, mais a este País non lle quedan moitas.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail