Quedou O Noso ExPresidente tocado, afundido ou reforzado despois de que o Parlamento non o recoñecera como gañador das pasadas eleccións xerais? Na TVG contemplan que Ana Pontón vaia convidada a Luar en compensación polo inicio de campaña que Alfonso Rueda fixo en Land Rober? Por que a extrema dereita e a dereita extrema, tan celosas da monarquía, alcuman despectivamente –moi despectivamente– Felpudo VI ao que ocupa actualmente o cargo? Está mellor visto polo lado destro do espectro ideolóxico que un rei non cumpra coas súas obrigas fiscais (por non falar dos seus votos matrimoniais) que siga os ditados da Constitución? Asolagarán As Pontes de promesas de reindustrialización da mesma forma que asolagaron o buraco da mina? Que andan fozando –nunca mellor dito– os xabarís polo medio das cidades e das súas institucións?
Os contertulios habituais, Ana Luísa Bouza, monseñor Antón Losada, Marta Otero Mayán e Xosé Manuel Pereiro son quen de tocar estes temas, e outros relacionados ou sen relacionar sen despeitearse.