Vivimos no paradoxo dunha «modernización regresiva». Brutalmente regresiva. ¶ O abraiante desenvolvemento das novas tecnoloxías, un cibermundo que xa traspasa as lindes da ciencia-ficción, a vertixinosa expansión dos xigantes do Tecnopoder, que acumulan coñecemento e diñeiro, contrasta coa fraxilidade, incerteza, e mesmo anguria, na que vive gran parte da xente que habita o planeta. Unha orfandade que se estende a todos os seres vivos. Un sufrimento da «nai terra» ante a evidencia de que pode máis, neste intre, a excitación destrutiva que a excitación creativa. ¶ Este século XXI debería ser o da mundialización da sociedade do benestar, a proxección da terra como «un fogar común», o ecumenismo e o diálogo entre relixións, a superación do «círculo vicioso» da economía corrupta por unha economía honesta e sostíbel. A hora da «común decencia», das sociedades políticas decentes, fronte á canallocracia e aos autócratas enriquecidos. Mais vemos que o que se impón é a sociedade do malestar, da obscena desigualdade, que premia os máis ricos e culpabiliza os vulnerábeis. ¶ Fálase moito, como unha nova panacea, da Intelixencia Artificial. Mais semella que, paralelamente, estase a botar a perder a intelixencia natural. Campa outravolta o pensamento bruto. Ese que entende que a historia da humanidade comeza con Caín. Ese que ten por padriño a quen proclamou que o home era un lobo para o home. E que necesitamos un xefe, un führer, un capo, un caudillo que dirixa a manda. ¶ Ese pensamento bruto é común ao «trumpismo» e ao «putinismo». E é a marca que, de non frearse a descivilización, pode facer quebrar a Europa e gobernar, coa complicidade das vella dereita, en países como España. ¶ A guerra de Ucraína, co fracaso diplomático internacional e a inexplicable invasión da Federación Rusa, con todo un estarrecedor ronsel de morte e desfeita, e mais tamén outras guerras e horrores silenciados, sitúanos coa cara contra o chan. E o chan non é o do «xardín das delicias» que se presumía para Europa, unha vez superada a pandemia, senón o dun proceso de descivilización que fede a inferno. ¶ A diplomacia está desaparecida. Aqueles chamados a traballar na desintoxicación do odio, mesmo ministros que teñen por mester garantir a paz, falan como voceiros bélicos. ¶ Parte principal da estratexia do pensamento bruto foi converter a Organización das Nacións Unidas nun depósito de chatarra. O que a ONU ía significar despois da IIª Guerra Mundial! Agora, xa nin aparece nas informacións. Fálase, si, da OTAN e das alianzas militares. ¶ Deberían aprender dos cervos. Nada lle sería máis doado aos cervos que loitan que procurar o ventre do outro e fender alí as hastas para matar. Pero non. Prefiren entrelazar as hastas e turrar horas e horas. Na etoloxía da agresividade animal, hai unha intelixencia intuitiva. O que os investigadores chaman «os mecanismos inhibidores» ou «as forzas que inhiben». ¶ Iso é o que non ten o pensamento bruto. ¶ Si, malia os «profesionais» do odio, as palabras, as linguas, fan o amor.