Un país cheo de roxos

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Nos bares sempre suceden historias. Vai frío e entro nun clásico madrileño a almorzar. Diante dun prato de churros vexo dúas mozas cunha nena; as tres, roxas. Sento nunha mesa ao par delas. A camareira non se pode reprimir: «¡Un congreso de pelirrojas!». As veciñas das pencas esbozan un sorriso forzado, pero eu río o conto. Axiña, a camareira vén onda min. Non porque lle interese despacharme, senón para contarme que o seu home tamén é roxo, que no mundo só hai un tres por cento de louros e que en Madrid non coñecera outro. Pero aí están: tres Pippi Langstrum de repente -o de Pippi pénsoo porque a camareira estatística déixame ben claro que falan en estranxeiro-. Mentres agardo polo meu chocolate, ensínolle fotos de actrices e actores roxos habituais nas series españolas. Ela repróchame: «Ninguno de esos es de Madrid». Leva razón; en tantos anos na capital eu non dei con ninguén co pelo encarnado, pero si con algúns entre os compañeiros de estudos e de traballo en Galicia, onde non resultan tan exóticos como pasado o túnel do Padornelo. E daquela decátome: os actores das fotos son todos galegos.

Cristina Castaño e María Castro no papel de Paula Barreiro, en Pratos Combinados.

Paula Barreiro, a adolescente veciña do bar Suízo en Pratos Combinados, ten o pelo roxo. Uns recordarana en Cristina Castaño; a quen enganchou máis tarde coa serie viralle a imaxe de María Castro: todos terán razón, porque houbo un cambio da actriz que interpretaba á filla do avogado Barreiro, que os espectadores aceptamos con naturalidade. Cristina creou un personaxe con chispa e encanto antes de voar da serie, vinte e cinco capítulos despois, para compartir elenco con Concha Velasco na obra teatral de Antonio Gala Las manzanas del viernes. Pratos fíxolle unha chiscadela á realidade e, no derradeiro episodio que rodou Cristina, os protagonistas da ficción ven triunfar a Paula como compañeira de escenario da auténtica Concha Velasco: unha preciosa despedida de Cristina Castaño.

Os irmáns Cristina e Nacho Castaño.

Pero en Galicia aínda cearíamos Pratos Combinados 131 noites máis con Paula Barreiro, xa coa espelida María Castro no papel, e sen sobresalto algún para o espectador. Paula seguía a ser unha moza de rizos roxos con ansias de triunfar como actriz. E María, unha novata daquela, debutou cun monólogo no Bar Suízo interpretado como se se criase na televisión. Foi un hábil relevo, e nesa ocasión tivo final feliz o Síndrome de Darrin: a substitución dunha actriz, ou actor, por outro que interpreta o mesmo personaxe.

María Castro, a Jessi da serie Sin tetas no hay paraíso, xunto ao actor Manolo Cardona e a actriz Amaia Salamanca. .

O nome do síndrome vén de Embrujada, serie estadounidense sobre as peripecias dun matrimonio desde a súa lúa de mel, cando Samantha lle confesa ao seu home, Darrin, que ten poderes máxicos -espertados sempre cun característico movemento de nariz de Elizabeth Montgomery que tanto divertía á audiencia en branco e negro dos anos 60-. Unha enfermidade apartou da comedia a Dick York, o actor protagonista, pero na cabeza dos produtores non cabía que a bruxa Samantha quedase viúva. Así que, dun capítulo a outro, logo de cinco temporadas emitidas, o marido Darrin pasou en 1969 a vestir o corpo de Dick Sargent, sen maior inconveniente para os telespectadores.

Na primeira imaxe, Dick York que no ano 1969 se viu obrigado a abandonar o papel de marido de Samantha (Elizabeth Montgomery) a protagonista da serie Embrujada logo de cinco temporadas. Foi substituído no seu papel de Darrin Stephens por outro Dick: Dick Sargent.

En Galicia temos un interesante grupo de actores roxos que regalan o seu talento en series e cintas rodadas fóra da casa. María Vázquez era pouco recoñecida nas televisións españolas ata que saltou a chispa con La Fuga (2012); desde entón as súas pencas son familiares en todas as comunidades. No cine xa traballara con Montxo Armendáriz (Silencio roto, 2001), con Gerardo Vera (Deseo, 2002) e con Icíar Bollaín (Mataharis, 2007); e en Galicia todos coñeciamos o seu nome: Iria, a mestra progresista de Padre Casares (2008-2015). Hoxe é Maruxa polo seu rol en Fariña (2018).

María Vázquez

Para actor roxo, Nacho Castaño. A súa interpretación no arranque de La sombra de la ley (2018), de Dani de la Torre, atrápate contra a butaca. Nacho é un artista imprescindible no audiovisual de Galicia que enche de humanidade a pantalla. Prendeunos de rapaz en Divinas Palabras (1987) e en Fariña creou un Ricardo Portabales máis verdadeiro que o DNI do narco «arrepentido».

Nacho Castaño interpretando a Ricardo Portabales, o narco arrepentido, na serie Fariña.

As roxas do café poñen os abrigos. Antes de marchar, unha das mozas rífalle á cativa: «Colle o mapa, mincha, que non tes cabeciña ningunha». Eran galegas. Quen contaba!

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail