Xenxibre e laranxa

A miña compañeira de piso na universidade explícame, mentres eu sento no sofá con varias mantas, a forma tan boa de pelar o xenxibre que lle ensinou á súa nai. Estame facendo unha infusión para axudarme ca dor da regra. Un mes máis tarde, móstrolle a forma máis práctica de pelar unha laranxa, a que a miña nai me ensinou, mentres ela senta no sofá ben enmantada. Ten catarro e as laranxas teñen vitamina D. A nosa amizade sabe a xenxibre e laranxas e as mans das nosas nais cubren cada centímetro da nosa casa.

Despois de pasar o Nadal da casa, ela comeza a pesarse todos os días. Un día atópoa chorando porque non lle abrochan uns vaqueiros. Eu non sei que dicirlle, así que sento ao seu carón e fálolle sen parar dos cotilleos da festa de aniversario dunha compañeira de clase que nos cae mal a ambas. Fago comida de máis e ofrézolle nos días que sei que foi ao adestramento sen almorzar. As dúas sabemos o que estou facendo, pero ela déixase. A nosa amizade sabe a xenxibre e laranxas e arroz con cousas e gustaríame saber como facer para que deixe de ver o seu corpo a a través dos ollos da súa nai.

Nos días nos que non me podo levantar da cama, ela aparece cunha pizza. Pon unha serie na tablet. Sei que non sabe o que dicir cando comezo a chorar sen explicación, así que non di nada. Só queda ao meu carón en silencio, comendo e vendo a serie. Nos peores días, pon unha lavadora ca miña roupa e sácame a dar un paseo. Non sei como explicarlle á miña nai como me sinto, non sei como pedir axuda. A nosa amizade sabe a xenxibre e laranxas e arroz con cousas e cheira a sabas limpas e paseos polo parque e se falaran o mesmo idioma, sei que ela lle pediría axuda á miña nai por min.

No último día xuntas, compartimos unha laranxa no parque. Non temos un coitelo, así que a pelamos coas uñas. Cando lle ofrezo a súa metade, ensíname por centésima vez como dicir grazas na súa lingua. Somos fillas das nosas nais, coidándonos das formas nas que nos ensinaron a coidar, ela en silencio, eu, cas miñas historias. Non nos debemos explicacións. Só compartimos unha laranxa mal pelada no parque.

Sigo pelando o xenxibre da forma tan boa que lle ensinou a miña nai. Pregúntome se se lembra da forma tan práctica de pelar laranxas da miña.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail