Contra o #todomal

Comecemos cunha lixeira provocación (na que creo). É moi posible que a lingua galega estea agora mellor que hai 40 anos. Son consciente de que esta afirmación non cadra coas estadísticas de falantes dos institutos demoscópicos. Pero fixarse á altura de 2022 só en certos ítems pode chamar a engano. E considerar a saúde dun idioma competencia exclusiva dos seus usuarios a tempo completo, tamén. Vindo de onde vimos e camiñando cara onde camiña o mundo, pois o prestixio cultural e os múltiples usos actuais funcionan como certa compensación á -oxalá evitable- perda de falantes. Se alguén prefire volver a unha lingua utilizada en todo momento polo 85% da poboación pero sen CRTVG, sen apenas xornalismo propio, sen tradición nas músicas actuais, sen series vistas en todo o mundo, sen as institucións que empregan o galego a todas horas, etc… pois vale. Pero eu, aínda sendo pequeno, vivín naquel tempo e de verdade que escollo o actual. Prefiro estar nisto, prefiro a case todo o país, fale o que fale, alucinando co que fan as Tanxugueiras; talvez perdemos galego-falantes, pero non paramos de gañar galego-cantantes; non é o mesmo, pero como dicía aquela nena, “peor é morrer”.

Querer e apoiar o noso idioma non pode entenderse como a forzada confirmación dun (moi meritorio) informe dramático de hai medio século. A evidencia da diglosia, do limitado apoio do goberno galego á lingua propia ou o desprezo do neo-falanxismo en alza non borra evidencias de éxito moi doadas de percibir. Pero hai que apoialas, claro, porque se quen defende algo non celebra os avances, pois quen cedeu ou se sumou deixará de facelo. O Fenómeno Tanxugueiras amosa unha vía popular festiva, que chega a todo o mundo (agás un xurado con intereses económicos) e que non é de hoxe, xa que no fondo segue o mesmo fío que antes exploraron, entre moitísimos outros, Pucho Boedo ou Os Diplomáticos, e nin o crooner da Silva nin todos os compoñentes da mítica banda de Monte Alto eran ou son galego-falantes a tempo completo, sinto comunicarlles. O efecto espionaxe -a ver que fala cadaquén en cada momento- non é unha vía de futuro para a lingua. Así, como parei bastante nel, podo informarlles tamén de que o bareto -Invernadero- do moi popular Barrio das Flores da Coruña que convidaba a cervexa se votabas ás Tanxugueiras está completamente fóra de calquera circuíto de galeguismo cultural, moi fóra, pero defende o noso con paixón. Marabilla. Non hai fronteiras (internas).

Isto é, precisamos engadir gozo aos coidados do galego. Con todo o respecto: se alguén pensa que é un avance montar un alboroto na vacinación porque a enfermeira non fala galego, pois confunde inimigo e obxectivo, igual que quen denuncia que a telefonista do Sergas —probablemente migrante- non sabe galego (apunten ben, por favor).

Instalarse no reactivo alimenta frustración, facilita caricaturizarse e ademais non se corresponde coa realidade de 2022. Insisto, eu prefiro o que temos agora e non tiñamos hai 40 anos: un Touriñán; unha Banda da Loba, un Diego Ameixeiras; un Vinte; un Luzes; un Dépor comunicando en galego; unha Ana Peleteiro, un Auga Seca; un Cuñados; un partido de Messi en En Xogo ou unha Mercedes Peón que mestura desde hai anos os cantos das recollidas con electrónica, todo en galego. Nun tempo de globalización complicado para linguas minorizadas, estamos moi vivos, e mellor que iremos seguindo nesa liña, que, por certo, á vez será tamén a única forma de recuperar falantes: a obriga de que cada persoa cargue con todo o peso da Patria cada vez que abre a boca non funciona.

O triunfo da vía positiva pode comprobarse con feitos. Tanxugueiras abren xira na Coruña en marzo, na sala máis grande da cidade se descontamos o Coliseo. 2.000 persoas de aforo. Venderon todas as entradas en dez horas. Un mes antes, será Baiuca quen alí tocará, no único recinto con capacidade suficiente para toda a xente que arrastra. Non parece que vaia mal o da música en galego, verdade? Na realidade, flúe fenomenal. Nas ortodoxias dramáticas, non. Apenas unha semana antes destes rexistros pre-Benidorm, o costume da boa intención asociada ao negativo contábanos -en base a unha enquisa sen precedentes que engadan contexto- que a música en galego fatal, que era descoñecida para o 40% dos rapaces dos institutos. Ou sexa, que a coñecen o 60%? Posiblemente sexa o máximo histórico, pero non, contouse en crepuscular talvez para incidir de novo en que o académico éo todo, o que equivale a afirmar que non podemos facer cousas espectaculares se non nos axuda o goberno. En serio? (E isto non é incompatible con demandar da Xunta todo que debería facer máis do que fai, pero no fondo esa tendencia administrativista proba que no relato histórico de Galicia hai que incluír máis aos libertarios [tipo CNT] e menos aos conservadores).

Demasiada xente segue pensando que o correcto é só a queixa; estes adoitan coincidir cos citados antes, os que afirman que nisto todo, absolutamente todo, depende do Ensino (moi importante pero cuestión institucional; moi distinta á educación, que sae de máis sitios, está máis disputada e acaba sendo máis impactante, Tanxugueiras demóstrao). Incluso hai quen, por algún irreal pensamento, considera que se pode atraer á rapazada con homenaxes o 17 de maio ao que para eles é un señor random do ano da polca, convertendo o que debería ser unha celebración popular nun asunto reducido a ilustrados, todo o contrario, por exemplo, ao Día de Rosalía, con caldo rico, música ou observacións astronómicas. Esta celebración (agora o 23-F, fódanse Tejeros) representa de maneira diáfana que existe unha lingua sedutora, a mesma que os publicistas saben que teñen que utilizar para vender bistés ou que acada grandes audiencias no Netflix británico. Deixen o informe dramático, abandonen pensar en Galicia co único obxectivo de que volva a ser como nos tempos de Castelao, que posiblemente hoxe para axitar conciencias debuxaría banda deseñada gore, estaría un grupo de hip-hop e vestiría de Zara, como a maioría. Por certo, falando dos nosos símbolos máis potentes, lembren que Rosalía escribiu, e moito, en castelán. Quero pensar que ninguén a acusará de traidora por iso, como si se fixo non hai tanto con Pedro Feijóo.

Defender os falantes -especialmente aos neos- e cero tolerancia coa discriminación, por suposto, utilicen o necesario esa magnífica iniciativa que é a Liña do Galego da Mesa. Pero máis disfrutar dos usos colectivos. Menos desprezar ao club deportivo modesto dunha cidade que se expresa en galego con algún erro ortográfico no twitter, porque ese Community Manager diglósico, como somos case todos, está facendo un esforzo para defender a nosa lingua; se só obtén críticas maximalistas mandará todo á merda. E asumir dunha vez que ninguén vai usar o galego porque lles fales de panteóns, pero si haberá rapazas que intenten formar unha banda admirando as Tanxugueiras, como outras traballan en vídeo-xogos alucinantes en galego ou chían dicindo que a serie Fariña molaría aínda máis con maior presenza da lingua propia; ou que disfrutan no TikTok do #DigochoEu por moito que logo manden mensaxes aos colegas en plan “Cómo vas, bro?”.

Un exemplo episódico do absurdo catenaccio que rodea ás veces, demasiadas, a defensa da lingua: xa que falamos do #DígochoEu, este perfil en redes dos medios públicos galegos trátase dunha das ferramentas máis fantásticas para promover a lingua dos últimos anos, pero foi salvaxemente posta en cuestión hai pouco por motivos filolóxicos, aos que non lles quito razón pero que demostraron unha hostilidade tal que resulta difícil de entender que se trate deste xeito a unha aliada. Alguén pensa que isto constrúe?

Aposta: deixemos de prestixiar o #TodoMal e o xogo defensivo, superemos o perpetuo informe dramático, existe un fecundo relato de vitorias a difundir. O galego está moi vivo, se somos vitalistas.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail