Misterioso asasinato en Santiago

A literatura negra en Galicia naceu nun avión. Nas primeiras páxinas de Crime en Compostela, a novela de Carlos G. Reigosa, o detective Nivardo Castro chega polo aire á capital dun país no rompente da construción autonómica, en 1984. Cúmprense agora catro décadas daquel voo inicial. Dunha aterraxe coa que Reigosa, atento ao que sucedía ao seu redor, dá por inaugurado o xénero criminal en galego. Na literatura en castelán dese ano, Francisco González Ledesma regaláballe un Planeta ao inspector Méndez con Crónica sentimental en rojo e Manuel Vázquez Montalbán aceleraba a serie Carvalho con La rosa de Alejandría. Aquí en Galicia, Nivardo Castro comezaba a camiñar cun premio Xerais baixo o brazo e categoría de personaxe disposto a abrir as portas dun mundo. Na procura de antecedentes poderiamos acudir a algúns contos de Ánxel Fole ou ao Bernardino Graña de Vinte mil pesos crime. A unha lectura de A esmorga, de Eduardo Blanco Amor, como unha crook story existencialista. Pero a honra de ser o primeiro policial en galego perténcelle a Crime en Compostela.

Nestes corenta anos de vida, a ficción negra do país enfrontouse a moitas probas. Ampliou temáticas, profundou na psicoloxía dos personaxes, incorporou algunhas autoras a un xénero tradicionalmente testosterónico —honores para a pioneira Laura Caveiro— e gañou un pouco de categoría entre os críticos. En A novela policial. Unha historia política, publicado en 2002, Xesús González Gómez desconfiaba das posibilidades do relato policial autóctono, atribuíndolle a incapacidade de non comprender a tradición norteamericana nin o polar político francés dos 70. Era outra época. Superado aquel duro diagnóstico, Xaquín Núñez Sabarís sería máis benévolo en 2019 con Cartografías da narrativa galega contemporánea, onde se explora o alcance da narcoficción ou ascendente de Vigo como epicentro noir. A quen imputarlle esa mudanza? A un titán do xénero chamado Domingo Villar, capaz de colocar a triloxía do inspector Leo Caldas —discípulo do Montalbano de Andrea Camilleri— nas casas de milleiros de lectores.

Nivardo Castro aterra nun Santiago en crecemento polo peso político que lle outorga, en 1984, a súa recente capitalidade. E unha vez que se encamiña polas rúas da cidade, debe investigar o asasinato dun construtor que aparece morto polas Casas Reais, no corazón do centro histórico. Preto de alí, na vindeira Selic, o festival da cultura que se celebra na Quintana, haberá tempo para festexar o aniversario dese Crime en Compostela cunha ruta por algúns dos lugares emblemáticos que se describen no libro; tamén para manter un encontro con Carlos G. Reigosa, patriarca das nosas letras negras. Lonxe de quedar suspendida nas alturas, como esa sedutora fotografía aérea coa que principia a novela —a memoria de Nivardo Castro—, a aventura do noir en galego conseguiu tomar posesión da realidade do país e superar, pasados os anos, algunhas aprendizaxes. Diriamos que se atreveu a recoñecerse no espello, que non foi pouco. Aquilo, en definitiva, que sinalaba Ross MacDonald: «Na fin de contas, posúo o lugar onde nacín e estou sometido pola súa linguaxe».

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail