Grazas, señorita autoestrada

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Di Pedro Pérez, o presidente de Itinere, a orgullosa concesionaria da autoestrada galega AP-9, que os galegos non debéramos de queixarnos tanto da suba prevista dun 3.9% nas peaxes, que xa está ben de choromicar. Di Pedro Pérez que as obras hai que pagalas e que aínda poderían ter subido moito máis porque, grazas á súa impecable e refulxente xestión, as obras custaron un 20% menos e deixaremos de pagalas en 2034 e non en 2038, como estaba previsto.

Escoitándoo notei como se enchía de ledicia o meu corazón liberal e non puiden evitar sentirme coma Hattie McDaniel, a Mami servente que lle apertaba o corsé a Escartala O’Hara en Foise co Vento, e déronme ganas de berrar coma ela, dende o máis fondo do corazón

-Grazas, señorita Autoestrada.

Pero logo pensei, que obras? As que lles financiamos todos cos nosos impostos a base de axudas, subvencións e exencións fiscais? As mesmas que din que lles custaron 230 millóns de euros para facer un par de ramais en Santiago e ampliar a Ponte de Rande? E logo, todo o que leva subido a autoestrada nos últimos anos, sen máis obra que quitar ou poñer cobradores nas cabinas de peaxe, onde foron, para que eran exactamente? Porque se son esas, moitos anos e moita suba parece para ter que estala pagando os vindeiros dezasete anos.

Outra dúbida que me asalta. Só no que vai deste ano Audasa leva gañado case un 30% da recadación en beneficios, daquela, se non estivemos pagando o servizo e as súas melloras, que estivemos pagando até o da agora?

Aínda que non todo ían ser malas noticias, nin obras a deber. Parte da suba vai para compensar a decisión do Ministerio de Fomento de que a viaxe de volta Vigo-Rande sexa gratis, unha decisión que a empresa non comparte e ten recorrida nos tribunais pero que mentres, por se acaso, xa nos vai cobrando a escote a todos os galegos, vaiamos ou non a Vigo. Así calquera se apunta o tanto da gratuidade, señor Íñigo de la Serna, ministro de Fomento; pero iso no é poñelo gratis, so é pagarlle a escote a campaña electoral ao Partido Popular.

Di Pedro Prez que á súa empresa tanto lle ten que a autopista a xestione a Xunta ou o Goberno central. Seguramente por iso, porque non lle dá igual pero si parecido, non deixa de facer lobby e presión en Madrid para que nin se cheguen a debater as propostas de transferencia que chegan dende Galicia. Tanto lles ten, pero mellor que siga en Madrid, que lles queda más cerca e xa saben con quen cómpre falar para explicarlle por que cada ano as subas de peaxes volven por Nadal, coma os fillos e os cuñados.

A O Noso Alberto non lle preguntedes por isto porque el está ao que ten que estar: de garda vixiando o que pasa en Catalunya. Ten razón o presidente de Itinere, as obras hai que pagalas. E os soldos dos «falabaratos» tamén hai que pagalos, e sempre saen caros, nunca valen o que custan.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán



Publicítate con Luzes

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail