Turbulencias no réxime

Logo das eleccións europeas entramos de cheo na fase de turbulencias para o réxime do 78. Na súa tentativa por restaurar os seus equilibrios previos á crise dos anos dez, tres son as turbulencias a destacar: a dimisión de Yolanda Díaz e a persistencia de Podemos; a elección de Josep Rull como presidente do Parlament e o fenómeno xeracional de Se Acabó La Fiesta, de Luís Pérez Fernández, Alvise. Ás portas do verán perfílanse como tres liñas de tensión que no curto prazo desafiarán a estratexia restauradora do PSOE ao tempo que aumentarán as dificultades do PP para restituír as alternancias bipartidistas.

A primeira das turbulencias é a persistencia de Podemos e o colapso de Sumar, encarnado na renuncia de Yolanda Díaz. Despois dos pésimos resultados do «Galeusca electoral», as europeas marcaron un punto de non retorno para Sumar. Todo na xestión do resultado foi un fiasco. Desaparecida na noite electoral, Díaz e o resto de dirixentes de Sumar –excepto Urtasun– deixaron soa a Estrella Galán diante das cámaras. O contraste cunha Irene Montero arroupada polos seus, foi ben sintomático das distintas aspiracións: namentres que Sumar pretende ser unha forza de goberno, a Podemos bástalle con seguir no xogo parlamentar e garantir a pervivencia da súa elite dirixente.

O dato mais relevante, con todo, é o sorpasso catalán de Podemos a Comúns. Que Comúns perdera con Podemos é máis sintomático do que se puider pensar, xa que amosa a persistencia da crise de réxime: o desprazamento do electorado fora do goberno español e mesmo dos consensos constitucionais. Xusto onde maior peso específico tiña un dos constituíntes territoriais de Sumar (lémbrese que Podemos careceu de forza para presentar lista nas catalás) foi ter o seu peor resultado. Máis aínda, dado que os integrantes da equipa de Díaz e o seu propio estilo viñan de Ada Colau (lémbrese a escisión con Podemos no acto «Outras políticas»). Que logo disto Jaume Asens non ceda o posto a Manu Pineda só ven reforzar a incapacidade para reaxir dunha elite máis preocupada por espremer a marxe minguante do espazo político.

A segunda turbulencia tamén chega de Catalunya, onde o independentismo, que nas eleccións catalás e nas europeas perdeu a maioría, logrou embora conservar a presidencia para Junts. O feito non é menor, xa que o presidente do Parlament fai as veces de rei e con isto prefigura as opcións de Illa e mesmo dunha repetición electoral. Esta semana terá lugar a rolda de consultas das que sairá (ou non) un candidato á presidencia. Aprobada a lei de amnistía, mais aínda por aplicar, e coas tensións na fiscalía pola súa interpretación como pano de fondo, queda por ver o papel que poida xogar Carles Puigdemont no curto prazo.

Namentres, Esquerra non acaba de atopar o seu lugar nun contexto do que saíu perdedor. O seu maior problema, como en Sumar, está a ser unha elite que prefire dimitir a poñer face ás derrotas electorais, ao tempo que se escinde entre o persistir no procesismo (votar a Rull) ou retorno á subalternidade do PSC (entrar no Goberno de Barcelona). Por se fora pouco, 300 dirixentes veñen de asinar un manifesto contra Junqueras, deixando toda estratexia a medio prazo no ar.

A terceira turbulencia ten lugar á dereita do espectro político. A irrupción de Alvise na noite electoral, con 800.000 votos e tres escanos, apunta a un electorado moi xove e masculino. Á dereita do espectro aumenta en escanos e porcentaxe se baixar o número de partidos, algo que contradí a falsa prédica da unidade tan habitual nas esquerdas. O votante de Alvise, con todo, non se entende a si mesmo como ultradereita ao xeito de Vox, escisión ultra do PP. Pola contra, este electorado da mobilización das dereitas solápase co votante do PP (algo que debería facer reflexionar ao PP sobre o recurso sistemático a se lle renda á tonalidade agresiva do seu discurso).

Nun exercicio de mímese co Podemos de 2014-2016, Alvise adianta que se constituirá como partido e se presentará ás vindeiras xerais, onde podería ter grupo propio no Congreso. Non semella daquela que a restauración do bipartidismo o vaia ser tan doada como semellaba. Mesmo se o réxime está a reconstituír o bipartidismo, aínda está lonxe de chegar á primeira década do século cando, naquel momento si, estaba a pleno rendemento.

No seu último congreso o PSOE validou a súa estratexia de restauración. Isto resolvíalle unha dupla cuestión: interna, ao restaurar a paz no partido logo dos anos de crise; externa, ao fiar a súa recuperación ao desgaste das forzas opostas ao réxime que perderon apoios polo camiño. A día de hoxe, o PSOE pode dar por completos os seus obxectivos. Primeiro porque na Galiza quedou na irrelevancia e mesmo fixo perder voto ao bipartidismo do 78; en Euskadi non pasou da subalternidade do PNV perante a consolidación dun bipartidismo nacionalista; e en Catalunya, mesmo se Illa gañou, agora está nunha posición que lembra o triunfo electoral de Arrimadas en 2017. A fraxilidade actual tanto podería mudar en poucos meses como volver a 2011. Chegan tempos interesantes.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail