A contestación social contra a celulosa de Altri mide a súa forza este domingo en Palas de Rei

A Coruña.- As plataformas cívicas contrarias á instalación dunha planta de celulosa xunto ao río Ulla en Palas de Rei (Lugo) convocaron unha manifestación este domingo na localidade á que esperan concorran miles de persoas que se opoñen ao proxecto da multinacional papeleira portuguesa Altri.

A iniciativa está encabezada polas plataformas A Ulloa Viva, que lidera a contestación social na comarca, e polas de varios municipios afectados ao longo da conca do Ulla, incluídas as das mariscadoras da ría de Arousa, onde desemboca o río e onde chegarán os residuos que a fábrica verterá no seu leito. A manifestación partirá ás 12 do mediodía do polígono industrial de Palas.

Altri, a papeleira máis grande de Portugal xunto a Navigator, pretende levantar a súa factoría sobre unha superficie de 366 hectáreas de terreos privados e mancomunados que serán comprados ou expropiados aos seus propietarios. É dicir dez veces o que ocupa a celulosa de Ence en Pontevedra, que durante decenios apestou a toda a comarca coa polución que provocaba e contaminou a súa ría acabando cos seus bancos marisqueiros polas verteduras de mercurio e outros compostos.

Os contrarios á planta levan meses celebrando concentracións e actos de protesta nas comarcas afectadas, pero a do domingo será a primeira manifestación conxunta a nivel galego. Fuentes dos colectivos organizadores, que fretaron autobuses desde diversos puntos da comunidade, aseguran que esperan que a marcha convoque a milleiros de persoas.

Rede Natura

A planta que Altri quere construír en Palas estará, ademais, a uns poucos centenares de metros de varios núcleos de poboación e a apenas un quilómetro do Camiño de Santiago, nunha zona de gran riqueza natural, paisaxística e cultural que limita con áreas protexidas de Rede Natura e susceptibles de integrarse no catálogo de reservas ecolóxicas da UE.

«Non queremos que unha celulosa acaba con todo isto», asegura Zeltia Laya, portavoz de Ulloa Viva e unha das cabezas dun movemento liderado por mulleres.

Altri asegura que a súa fábrica dará 500 empregos directos e entre 1.500 e 2.000 postos de traballo indirectos. Dos ao redor de 850 millóns de euros que gastará en Pas, espera que 200 proveñan dos fondos Next Generation da UE.

«Non queremos que unha celulosa acaba con todo isto»

O complexo da papeleira portuguesa terá capacidade para extraer diariamente 46 millóns de litros de auga do Ulla, o equivalente ao consumo humano de toda a provincia de Lugo, a través dunha rede de 12 quilómetros de tubaxes.

30 millóns de litros de auga contaminada a 27 graos

A fábrica devolverá diariamente ao río ata 30 millóns de litros de auga depurada pero aínda contaminada e a unha temperatura de 27 graos. As súas tubaxes verterán no encoro de Portodemouros, que xa padece unha severa contaminación por nitratos e cianobacterias.

Concentración dos afectados pola factoría de Altri fronte á sede da Comisión Europea en Bruxelas o pasado 16 de abril / Delmi Álvarez

A factoría emitirá ademais gases e partículas tóxicas a través dunha cheminea de 75 metros de altura, que segundo os afecados provocará choiva aceda en 60 quilómetros á redonda. A planta consumirá anualmente 1,2 millóns de tonedas de eucaliptos para producir cada ano 400.000 tonelada de pasta de celulosa e outras 200.000 de tecido semisintético lyocell.

Altri extraerá do Ulla unha cantidade de auga o equivalente ao consumo humano de toda a provincia de Lugo

Altri, que xa conta con tres fábricas de pasta de celulosa en Portugal e que en Galicia asociouse coa eólica galega Greenalia, foi sancionada en varias ocasións nese país por infraccións da lexislación ambiental.

A última foi en xaneiro de 2018, cando unha vertedura dunha das súas plantas cubriu as augas do Tejo de beira a beira e nun tramo de varios quilómetros cun manto de escuma tóxica de case un metro de espesor.

O pasado mércores, colectivos de produtores de alimentos e de pequenos empresarios de hostalería das comarcas da Ulloa, Deza, Arzúa e Terra de Melide, incluídos representantes de varias denominacións de orixe, asinaron un manifesto que asegura que o proxecto “pon en perigo o modelo socioeconómico do corazón de Galicia”.

Tanto a Xunta de Alfonso Rueda como o Goberno de Pedro Sánchez declaráronse a favor da factoría, que tamén apoia a Confederación de Empresarios de Galicia.

Efectos nocivos sobre o medio

Por contra, os partidos da oposición en Galicia, os sindicatos e agrupacións ecoloxistas como Greenpeace, Ecoloxistas en Acción e Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), alertaron dos seus efectos nocivos sobre o medio ambiente e sobre a forma de vida das poboacións afectadas.

Tamén mostraron a súa posición en contra a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) e a Federación de Asociacións de Consumidores e Usuarios (Facua), que nun comunicado criticou que o Executivo galego «posicionouse a favor dunha empresa e a instalación dunha fábrica sen ter aínda todos os datos sobre o impacto que provocará no medio ambiente da zona».

A cheminea da planta, de 75 metros, emitirá gases e partículas tóxicas

Non é a primeira vez que a industria papeleira trata de construír outra planta de celulosa en Galicia. Ao estilo do que si conseguiu Ence en Pontevedra e do que agora pretende Altri en Palas de Rei, nos anos 70 e 80 varias empresas tentárono tamén en varias localidades a comunidade noutra decena de ocasións.

Ocorreu en Ponteceso, Pantín, Nigrán e Brión, na Coruña; en Quiroga, en Lugo; en Toén e O Barco de Valdeoras, en Ourense; e en Ponteareas e As Neves, en Pontevedra. En todos eses casos onde a industria pasteira quixo levantar fábricas de celulosa, a contestación social evitou que fosen instaladas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail