Feijóo e Rueda repartiron a dedo máis de medio millón de euros para fomento do galego entre xornais en castelán

A Coruña.- A Consellería de Cultura e Educación da Xunta repartiu entre abril de 2022 e marzo de 2023 568.307,50 euros entre cinco editores de medios afíns para que usasen o galego nos seus xornais, todos eles a pesar de que levan décadas recibindo subvencións para que publiquen informacións na lingua propia de Galicia.

Os beneficiarios son Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia; Javier Moll, dono de Prensa Ibérica, editora de El Correo Gallego de Santiago, Faro de Vigo e La Opinión da Coruña; Blanca García Montenegro, de El Progreso de Lugo e de Lérez Edicións, que edita Diario de Pontevedra; Óscar Outeiriño, de La Región de Ourense e de Rías Baixas Comunicación, dona á súa vez de Atlántico Diario de Vigo; e José Collazo, propietario de Editorial A Capital, que tira El Ideal Gallego da Coruña, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños.

As axudas entregáronse mediante convenios bilaterais sen concurso público, unha fórmula que permitiu á Xunta distribuír no últimos cinco anos entre eses mesmas editores axudas directas camufladas similares por valor de 6,6 millóns de euros. En ocasións, simulando accións cuxa eficacia non se controla e que en certos casos nin sequera chéganse a realizar.

Sumadas a outras subvencións sen concurso e á publicidade institucional, os fondos destinados a esas empresas, cuxa liña editorial afai estar aliñada aos intereses do PP, roldan xa os 50 millóns de euros desde que o PP gañou ao bipartito do PSOE e o BNG as eleccións autonómicas de 2009.

A escusa do galego

Desde entón, nos primeiros doce anos de mandato de Alberto Nuñez Feijóo a Xunta distribuíu máis de tres millóns entre esas empresas baixo a escusa de que potenciarían o uso do galego nas súas publicacións. Pese ao diñeiro investido, os xornais seguiron utilizando masivamente o castelán.

Aínda así, e a pesar da nula eficacia que parece ter ese gasto de diñeiro público, só entre 2022 e 2023 a Consellería de Educación e Cultura, que dirixe Román Rodríguez, asinou coas mesmas sociedades editoras outros 15 convenios co mesmo obxecto, que sumaron 275.807,49 euros en 2022, con Feijóo aínda na Xunta, e 292.500,01 euros en 2023, cando Alfonso Rueda xa o sucedera.

Alfonso Rueda e Branca García Montenegro, nunha acto na sede de ‘El Progreso’. — Xunta

O máis beneficiado foi Santiago Rey, con 299.956,09 euros; seguido de Javier Moll, con 136.042,62 eurros; Blanca García Montenegro, con 76.768,06; Óscar Outeiriño, con 45.113,7; e Collazo, con 10.009,3 euros.

La Voz de Galicia recibiu desde 2009 1,7 millóns de euros para usar o galego. Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Opinión, máis de 1,18 millóns. El Progreso e Diario de Pontevedra, máis de 437.000 euros, e La Región e Atlántico Diario, preto dun cuarto de millón de euros. Os tres diarios de La Capital suman máis de 96.000 euros.

O único xornal en galego non recibe axudas

Paradoxalmente, o único xornal xeneralista excluído desas axudas é precisamente o único que está escrito integramente en galego. Trátase de Nós Diario, que mantén unha liña editorial próxima ao nacionalismo e crítica coa Xunta. Para a súa directora, María Obelleiro, o sistema de repartición de axudas dos gobernos do PP é «sinxelamente, un escándalo».

Segundo os últimos datos auditados da Oficina de Xustificación da Difusión (OJD), Nós Diario é o sétimo diario que máis exemplares difunde, pero a Xunta manteno á marxe das axudas ao galego que si reciben os seus competidores.

Tamén da publicidade institucional, das axudas xenéricas á prensa -dous millóns anuais- e dos convenios que as distintas consellerías e organismos da Administración autonómica subscriben con eles.

A única axuda que recibe Nós da Xunta, 30.000 euros anuais, corresponde á liña de subvencións específicas para os medios de comunicación publicados integramente en galego, cuxa partida total son menos de 200.000 euros anuais a repartir entre unha trintena de publicacións. É dicir, menos da metade do que a Xunta destina aos medios en castelán para que usen o galego, e menos do 10% do que entrega a eses mesmos xornais en concepto de axudas directas.

Textos, titulares e portadas en castelán

Como pode facer calquera lector, Luzes-Público puido comprobar que os titulares e os textos das informacións dos diarios subvencionados para usar o galego, incluídas as súas portadas e aperturas de sección, están escritos exclusivamente en castelán, e que o uso do galego limítase a uns poucos artigos de opinión e a algunha peza solta escrita nese idioma. Algún día, ningún exemplar ten máis contido en galego que a grella de programación da Televisión de Galicia.

As cantidades que a Xunta lles entrega xustifícanse no texto dos convenios con outras obrigacións xenéricas para as que non se establecen mecanismos de control, como publicar reportaxes divulgativas orientadas a promover e fomentar o galego pero sen establecer o seu número ou periodicidade; ou a promover que os usuarios das edicións en galego suban noticias en galego ás redes sociais, sen detallar en que consiste realmente esa promoción,

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pasado 3 de abril nun acto de ‘El Correo Gallego’ tras a adquisición do diario polo Grupo Moll, con Mercedes e Javier Moll / Foto: Xunta

As empresas editoras tamén se comprometen a «ampliar» os contidos en galego o 17 de maio, Día dás Letras Galegas, pero de novo sen concretar as pezas que destinarán a divulgala nin as páxinas ou seccións nas que se publicarán.

A defensa do galego e da cultura e identidade de Galicia xa figura entre as bandeiras editoriais de moitos dos medios que reciben axudas supostamente condicionadas a eses valores. Nos libros de estilo dalgún deles tamén se establecen pautas polos que a Xunta lles premia, como transcribir literalmente as entrevistas e declaracións feitas en galego, medida sobre a que tampouco se establece método algún de control.

Compromisos sen control

Tampouco o hai para o compromiso adquirido por un dos diarios de «transmitir o apoio á lingua galega dando a coñecer aos seus usuarios a decisión da empresa de utilizar o galego nas notas necrológicas como unha opción lingüística».

Para garantir o cumprimento de todo o anterior, a única fórmula de fiscalización que contemplan os acordos é que a Consellería se reserva a opción de «formular (…) as observacións que estime pertinentes» sobre os datos e informacións que elaboren os citados medios.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o editor de ‘La Voz de Galicia’, Santiago Rey, onte nun xantar na sede do xornal / Foto: Xunta

Como sucede con outros programas mediante os que a Xunta entrega axudas camufladas con convenios de colaboración aos editores de prensa, como o de fomento da lectura nos centros escolares, os convenios sosteñen que nos do programa de potenciación do galego as empresas non teñen ánimo de lucro.

De feito, nalgunhas figura un suposto cofinanciamento sobre a que non se detalla a que responde, e que varía de tal maneira entre convenios practicamente iguais que resulta difícil crer que responda a máis nada que a unha decisión política e non técnica baseada no interese contable dos editores e á intención de simular que gastan diñeiro, cando en realidade recíbeno.

Cofinanciamento simulado

Así, mentres o diario que en teoría máis contribúe, La Voz de Galicia, di achegar 41.947,16 euros na promoción do galego en 2023, Atlántico Diario, cun convenio prácticamente idéntico, queda en 1.002,86 euros, sen que en ningún caso se explique a que responden eses números nin a que se debe esa diferenza.

Non parece que dependa da difusión de cada diario. Atlántico tira 1.186 exemplares ao día segundo a OJD, e La Opinión, con apenas 200 exemplares máis ao día, sobe o seu presunto gasto no programa aos 10.765 euros, case dez veces máis.

Luzes-Público dirixiuse o pasado venres á Consellería de Román Rodríguez para interesarse polos criterios que utiliza para repartir diñeiro da Xunta entre os editores beneficiados, así como os que emprega para establecer as cantidades coas que supostamente as empresas cofinancian o programa de fomento do galego. Á hora de publicación deste artigo, non recibira resposta.

A Consellería tampouco explicou se prevé asinar este ano coas citadas empresas máis convenios similares aos de exercicios anteriores.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail