Rumores

O poder de Allison, aka Number three, da Umbrella Academy é o rumor. A capacidade de manipular a realidade con mentiras. Non é un poder pequeno ou banal. Pode destruír vidas, a súa propia tamén, sen mover un dedo. Con algo aparentemente tan inofensivo como a palabra.

Para a psicoloxía social, os rumores: proposicións incertas que se transmiten como certas sen medios probatorios que as demostren, son unha forma de comunicación típica -a máis común- das condutas colectivas. Ante un feito confuso, especialmente se é preocupante, o rumor expresa e dispersa unha explicación que lle dá sentido. Son, por tanto, unha «caixa de ferramentas» que -na teoría- poden ser positivas ou negativas. Poden ser confirmativas das crenzas maioritarias ou cuestionadoras dos grupos poderosos. Decote ámbalas.

A nosa conversa cotiá está sementada de afirmacións non probadas. Chegan a ser rumores cando teñen éxito na súa difusión como se fosen verdade. A lei básica do rumor de Allport e Postman, establece a fórmula R=IxA segundo a que a difusión dun rumor é o produto da súa importancia pola súa ambigüidade. Canto máis ambiguos son, máis difícil refutalos e descartalos, porque queda sempre unha dúbida flotando sobre a súa certeza e queda un espazo para a imaxinación de quen os comparte: por iso van mutando ao difundirse. Non deberiamos dar crédito ao que non se pode refutar, iso propón o método científico. Porén o noso cerebro ten as súas propias dinámicas e non sempre atende esas lóxicas e razóns.

A importancia da que falan os autores, contén en realidade un conxunto de variables. Dende a relevancia do tema que se trata, o tamaño do público ao que se dirixe, o efecto que pode causar en ese público, o prestixio das persoas involucradas no rumor, a pegada do medio utilizado para difundilo… Xa que trunfan con maior frecuencia os rumores negativos, habería engadir a negatividade. Os estímulos negativos teñen máis impacto cognitivo, e iso ten a ver de novo coa disposición do noso cerebro a atender a información que pode supoñer un risco para a nosa seguridade. Asemade xeran unha resposta afectiva: permiten que expresemos emocións pouco edificantes como a ira, o odio, o noxo… un desafogo sen consecuencias indesexadas.

A profesionalización dos rumores é dende hai tempo unha «utilidade» da comunicación política e mediática. Fabricar mentiras que se estenden como rumores para destruír ao adversario, a sabendas de que cando as afectadas reaccionen será demasiado tarde, o dano estará feito. Porque na mente do público quedou marcado ese primeiro ataque e os desmentidos non o borrarán completamente.

Como exemplo o que sucedeu hai uns días. En realidade todo empezou o 8 de marzo de 2020, con masivas manifestacións feministas. Era o inicio da pandemia e uns días despois, o 14 de marzo, declarábase o primeiro estado de alarma e o confinamento domiciliario. Neses días a dereita: VOX, PP, e os seus medios amigos, poñen en marcha un rumor: as manifestacións do 8M son a causa da rapidez da transmisión do coronavirus en España, o goberno sabíao e non fixo nada para evitalo por non enfrontarse o movemento feminista.

Ten todas as condición para o éxito: unha situación confusa e preocupante -o inicio da pandemia- un tema importante de saúde que afecta a toda a poboación, cun culpable claro –Sánchez– e abondo ambiguo porque é imposible desmentilo, como é imposible probalo. Quen quería combater o rumor explicaba que o mesmo día se deran múltiples concentracións deportivas, políticas… nas que participaron os propios divulgadores do rumor, cos mesmos contactos e posibilidades de contaxio que as manifestacións. Porén a dúbida estaba sementada.

Non lles chegaba, querían consecuencias penais e non só un dano reputacional, querían destruír. Así que montaron un caso. O que sabemos agora, con moita menos difusión que aquel rumor, e menos consecuencias, co arquivo das denuncias, é que os atestados e informes da garda civil manipulaban a realidade para culpabilizar ao 8M. Seica quen fixo o traballo sucio marcha indemne, que a xustiza di que non houbo corrupción logo dunha historia de meses de falsas investigacións e destrución de probas digna dunha serie de true crime tan en boga na TVE.

Mágoa. No cómic de Way e e na serie de Blackman, Number three paga as consecuencias da destrución que provoca. De que serve en realidade tanta dureza nas penas se non hai certeza ningunha de que os pillen, os acusen, os procesen correctamente e finalmente os castiguen? Pero iso é outro tema. Para outro día.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail