Un retrato de nós por ollos amigos

Hai libros claramente recomendábeis para alén da novidade que suscitan cando se editan e chegan ao público. Tal é o que aquí e agora quero recomendar ás leitoras e leitores de LUZES. Trátase, na realidade, dun libro póstumo, pois a autora faleceu en 2020. Mais non a súa memoria nen a amizade fonda e agradecida que no noso país deixou. Refírome a Carys Evans-Corrales. A súa obra Moza falangueira procura lingua materna coñecémola grazas á oportuna tradución de Pepe Coira e Marta Cuba (con revisión de Pilar Pallarés) e á sempre dilixente edición de Laiovento. Asistín á apresentación na Coruña, onde estes tres «legatarios» galegos da súa obra deron cumprida información de autora e libro. O meu coñecemento dela, de hai anos, veu facilitado pola admiración e recoñecemento que sempre lle prestou a grande Pilar Pallarés. Ela, Carys, levou ao inglés obra significativa da nosa compatriota. Mais só foi mercé a este libro como puiden chegar a coñecela, «case» como se a tivese tratado en vida.

Cero impostura, neste volume delicioso.

En primeiro lugar (só vou referir «impresións»), resultoume unha obra particularmente emotiva, por toda a carga de sinceridade, de autenticidade, que encerra. Está desprovisto o autorretrato, absolutamente, dese defeito que tantas veces rexistamos nos libros memorialísticos: a refacción dun pasado pro domo sua, isto é, para abondar na confección dunha imaxe conveniente ou adaptada ao presente do autor e ao, en definitiva, «semblante» (en termos psicolóxicos) que se quer oferecer ao público leitor. Cero impostura, neste volume delicioso. En segundo lugar, a biografía recollida é rechamante por compor unha auténtica cartografía mundial: do País de Gales a Singapur, a Malaisia, a Xamaica, a Londres, a Pensilvania… e, naturalmente, con «parada e fonda» (anos) na Galiza, onde sorprende e conforta grandemente a ausencia de preconceitos, de estereotipos prefixados, de ideas eurocéntricas aplicadas tantas veces por outros visitantes como paradigma de validade universal.

Carys Evans sabe ben que a integración amábel e empática é o verdadeiro pasaporte para un coñecemento non nesgado e de comenencia. Desde ben cedo (desde a crianza cunha chinesa) captou que a lingua non existe: existen as linguas e que elas son reveladoras, sempre, de sociedades, de comunidades, de povos, de nacións… diferentes e distintivos. Non hai estándares abstractos. É a Humanidade o viveiro da diversidade. Ela, a diversidade, non é un complemento circunstancial, é o epíteto da humanidade: é inherente ao ser humano socializado nun tempo e nun lugar determinados.

Houbo, en fin, un terceiro atractivo que me agasallou este ensaio-crónica-novela: a ollada crítica sobre o devir universitario. No noso caso, deume para cismar máis unha vez na deplorábel tendencia a copiar o modelo norteamericano, previa pasaxe pola alfándega española: acumulación dunha meritaxe a cada paso máis mercantilizada; distanciamento do propósito de instruír e de coñecer –coa metodoloxía adecuada ao obxecto– a historia e a cultura humanística en todas as súas ramas e manifestacións; exclusión do galego; servizo descarado aos intereses empresariais; «cultura» do éxito e da competitividade; benzón, en fin, do capitalismo global rampante…

No outono de 1970 Carys Evans chega a Sevilla. A «mochila» referencial da Galiza comunicada en España (Salamanca) nada bon auguraba da nosa nación. Mais ela aplicou unha máxima fundamental do coñecemento: xulgar en por ela mesma, con independencia de criterio, á vista dos feitos, das persoas coñecidas, do interese por comprender situacións e aconteceres. Isto é: hixiene mental, espírito aberto, comprensión moral desprexuiciada. Algo que, hoxe, continúa a ser rara avis na visión española sobre a Galiza e que segue a contaminarnos a nós, aos nativos. 

Parabéns á editora, tradutores, revisora… e memoria agradecida á escritora que tan cordialmente, grazas a eles, me foi dado coñecer e querer. Ela soubo que o uso da lingua galega era a vía de tránsito óptimo para coñecer o rosto do país. Oxalá o sentísemos e soubésemos todos nós, galegas e galegos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail