Gobernar é poboar

A partir de agora, e sempre co permiso de vostedes, asomareime de tanto en tanto a esta páxina para compartir algunhas reflexións sobre o presente e inmediato futuro de Galicia. A serie, Pensar Galicia, expón interrogantes, desafíos e algunhas suxestións de políticas públicas ao redor dos temas importantes para o futuro do noso país, e que a xestión política dos últimos anos non foi quen de implementar. É hora de expor cambios de calado na visión, diagnóstico e deseño de políticas no noso país. Nada mellor que o debate de ideas.

Empecemos coa demografía. En termos poboacionais, Galicia destaca por dous fenómenos interdependentes: sofre unha perda de poboación constante dende fai máis dun século pola emigración e a caída da fecundidade (en parte debido á saída de mulleres cara a outras partes de España ou o estranxeiro), e mantén taxas de envellecemento por encima da media española (derivado do anterior, e do crecemento constante na esperanza de vida). Ademais, durante a crise de 2011, Galicia expulsou a unha parte significativa da súa poboación nova, obrigados a emigrar a outras partes de España e Europa pola falta de oportunidades. Segundo datos do IGE, de 2011 a 2021 houbo unha perda de poboación de máis de 100.000 mozos de entre 20 e 34 anos. Unha verdadeira sangría demográfica con efectos perdurables e negativos no noso futuro demográfico.

Así en curto, diriamos que en Galicia cada vez somos menos, e máis vellos. Isto último, máis que un problema, pode considerarse un éxito colectivo, xa que cumprimos o obxectivo de alongar (e moito) a vida. Agora ben, necesitamos traballar e elaborar políticas públicas que traten de romper a relación entre envellecemento e despoboamento, e que, ademais, non nos condenen a unha Galicia de dúas velocidades. Compre propoñer un futuro onde tan real sexa a vibrante Galicia urbana como a próspera Galicia rural. Para que ambas sexan posibles, é necesario un cambio de rumbo nas políticas públicas da Xunta, que ata o momento se caracterizaron pola inacción ou a posta en marcha de medidas de dubidosa utilidade.

En relación ao reto demográfico, cales son as evidencias? En primeiro lugar, o fenómeno do despoboamento é heteroxéneo, por tanto, as actuacións ten que atender ás particularidades do territorio. Existe un círculo vicioso da demografía segundo o cal o despoboamento expulsa, ademais de habitantes, investimentos, servizos e actividade económica, polo que todos eses feitos se realimentan negativamente, provocando ademais de perda de poboación, declive económico e social. Este círculo termina afectando tamén as entidades de poboación medianas, que nunha parte importante sobreviven grazas aos núcleos máis pequenos. Por tanto, a primeira lección é que convén deseñar accións específicas para cada contexto, e ao mesmo tempo débese traballar na contorna, en unha especie de acupuntura territorial.

Dende a pandemia, escóitanse certos discursos de re-ruralización e volta ao campo. Os datos non acompañan ao titular; máis ben o que se produciu durante o confinamento foi unha ralentización na saída de poboación das áreas rurais. En Galicia non houbo volta ao rural.

Outra das solucións «estrela» do goberno da Xunta foi tentar atraer inmigrantes a vivir a Galicia. Moi de interese, pero con efectos dubidosos na fixación de poboación na contorna rural; non hai que esquecer que a inmigración se move de acordo a oportunidades económicas e vitais, e estas son máis doadas de atopar nas cidades. En calquera caso, as experiencias mostran unha dificultade engadida, que é a ausencia de vivenda nos concellos pequenos. Aínda que hai moitas casas baleiras, normalmente non están en condicións de habitabilidade, polo que calquera plan de atracción de nova poboación aos núcleos rurais ten que acompasarse con políticas de rehabilitación de vivenda. Doutra banda, atópase unha relación positiva entre a existencia de servizos educativos nas zonas rurais e o freo ao despoboamento. Por tanto, compre seguir investindo en servizos de educación, saúde e benestar social a pesar da perda de poboación. Trátase de xerar valor e prestar servizos, investindo en innovación e dixitalización. A economía rural pode desenvolver os seus propios polos de valor económico: turismo, economía prateada, agricultura e gandería sostible, enerxías renovables.

Ao contrario do coñecido ata o de agora, o obxectivo é deseñar políticas públicas moi centradas no contexto, definidas e implementadas co concurso de axentes no terreo (bottom-up), co gobernanza multinivel, onde as deputacións poden xogar un papel central na coordinación de recursos, e elaboradas a través dunha axencia independente con avaliación de impacto incorporada. Só así haberá unha oportunidade para seguir pensando no rural galego como un espazo para o bo vivir.

Os tempos son chegados para deseñar políticas valentes e ambiciosas que permitan a Galicia transitar á modernidade sen perder unha parte da nosa esencia; a ruralidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail